A CIG denuncia que Xunta e Consorcio "suprimen as horas de programación e tutorías" nas escolas infantís

A Xunta argumenta que "se harmoniza" a situación das escolas infantís do Consorcio coas das escolas infantís autonómicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2024 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

A CIG denunciou que a Xunta e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar "suprimen as horas de programación e tutorías" nas escolas infantís, tempo que, segundo o sindicato, é "vital" para reunirse coas familias, preparar os materiais e avaliar os resultados. Esta supresión deberíase á redución da xornada de 37 horas e media a 35 horas que, segundo Política Social, asinaron o pasado mes de decembro "con catro organizacións sindicais con representación".

A Delegada responsable da CIG en escolas infantís, Rebeca Quintillán, sinalou que o 24 de xaneiro a Xunta enviou unha orde para solicitar os horarios modificados con 35 horas "única e exclusivamente" de atención directa, "sen contemplar o resto de horas", cando "ata este momento eran sete de atención directa e dúas de tutorías".

O sindicato apuntou nun comunicado que as intencións da Xunta son "converter o servizo público integral e educativo nun servizo asistencial de menor calidade" e sen un desenvolvemento educativo "propio e adaptado" á idade de cada neno.

Así mesmo, a CIG asegura que os traballadores que queiran manter a calidade do seu servizo "deberán facelo no tempo libre, en casa ou no centro despois da xornada laboral" e non no 6% da súa xornada "como ata agora".

"HARMONÍZASE A SITUACIÓN"

"Para a aplicación deste acordo harmonízase a situación das escolas infantís do Consorcio coas das escolas infantís públicas autonómicas dependentes da Axencia Galega de Servizos Sociais (AGASS) no que se refire a a distribución do horario de programación e tutorías", trasladou Política Social a Euopa Press.

Igualmente, Política Social lembra que as escolas infantís do Consorcio contan "co maior cociente de persoal educativo por alumno en comparación coas de titularidade municipal ou privadas".

"VÉN DE LONXE"

A CIG tamén afirmou que cada escola nova que se abre faino "con xestión privada" e que esta situación vén de lonxe". O sindicato critica que en abril de 2023 se retirase a páxina escolasinfantisdegalicia.net, que conectaba a todas as escolas da rede.

"Os blogues permitían ás escolas o traballo en equipo do profesorado, o traballo colaborativo entre escolas, o intercambio de información coas familias, potenciaba a relación familia/escola, favorecía a reflexión pedagóxica e a avaliación", mantén a CIG no comunicado.

Escolas Infantís
Escolas Infantís | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

A Xunta chama harmonizar a perxudicar a calidade na atención dos nenos e nenas galegos e das súas familias, chama harmonizar a convertirnos en centros puramente aistenciais e de conciliación, deixando de lado o dereito dos cativos e das súas familias, a recibir unha atención de calidade, basada en proxectos pedagóxicos consensuados polos equipos de traballo das escolas, en consonancia coas familias, chama harmonizar a igualarnos coas escolas da Xunta, desmantelando o noso proxecto. Somos persoas que acompañamos emocións e influimos nas mentes dos cativos, que teñen dereito a recibir unha atención de calidade da nosa parte. E iso sen tempos para programar, avaliar, falar e consensuar é totalmente inviable.

1 Moine

Seria bom conhecer o que votárom os seus pais.