A música nas campañas electorais: do Touriño que apostaba por 'Quen puidera namorala' ao Besteiro de 'The Best'

Polo medio, nin Gonzalo Caballero nin Xoaquín Fernández Leiceaga apostaron por poñer unha canción definida á súa campaña. Mentres que Pachi Vázquez se presentou aos comicios do 2012 ao ritmo dun tema creado polas Xuventudes Socialistas xunto a músicos e cantantes galegos titulado 'Prezo aos corazóns'.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 13/02/2024 | Actualizada ás 21:20

Comparte esta noticia

De seguro tendes escoitado esa frase tan manida que di que nesta vida todo é política. E ben é certo. Os propios políticos o saben e os candidatos a presidir a Xunta de Galicia cada catro anos non deixan escapar a oportunidade de atraer votantes, algo que fan indo máis aló dos habituais anuncios e promesas electorais. Canto máis avanzamos no tempo, semella que os líderes das formacións galegas se foron volvendo expertos nisto de viralizarse, creando vídeos de campaña controvertidos, con frases moi dignas de meme e con músicas moi pegadizas. E é que ao final, 'dá igual o que falen de min, o caso é que falen', e máis en tempo de campaña, cando o que interesa é darse a coñecer e que o nome de cada candidato resoe na mente da xente. As redes sociais chegaron para dar un paso máis aló nesa exposición preelectoral.

Luis Emilio Batallán vs. Tina Turner, como bandas sonoras socialistas
Luis Emilio Batallán vs. Tina Turner, como bandas sonoras socialistas | Fonte: GC

E aínda que uns son máis mañosos nisto de empregar as redes, os vídeos de campaña de todos teñen algo en común: o uso da música cun marcado carácter emotivo, tratando de chegar ao corazonciño da xente. Dende o Galicia Confidencial quixemos facer unha serie coa que expoñer as bandas sonoras de cada candidato ao longo da evolucións dos partidos políticos galegos. Nesta ocasión é a quenda do PSdeG, partido liderado actualmente por José Ramón Gómez Besteiro, pero que dende o 2009 nunca se presentou aos comicios autonómicos co mesmo candidato (no 2009 estaba Touriño, ao que lle seguiu Pachi Vázquez no 2012, substituído por Leiceaga no 2016, relevado por Gonzalo Caballero no 2020). Que música lle gusta a Besteiro? E, máis aló de gustos, cal é a que empregou e está a empregar o PSdeG como banda sonora durante as campañas electorais?

Se falamos de gustos musicais persoas, Besteiro desvelaba esta mesma semana nunha entrevista radiofónica que sempre foi un amante do rock, pois xa no instituto escoitaba AC/DC. Aínda que se tivese que decantarse por algún grupo nacional, sen dúbida tería no seu radar a Loquillo, La Unión ou Radio Futura, a música que considera da súa época. E non hai máis que ir ao 'spot' das eleccións galegas deste ano 2024 presentado polos socialistas (o vídeo coa famosa parodia ao autobús de Alfonso Rueda pinchando a roda e sendo os seus pasaxeiros rescatados polo propio Besteiro), para darse conta de que no coche do candidato socialista á Xunta sempre hai 'rock', pois na radio, mentres conduce, pódese escoitar a famosísima canción 'The best', de Tina Turner. En concreto, a parte do coro, na que di: 'You're simply de best, better than all the rest' (o que traducido viría a ser: 'Eres simplemente o mellor, mellor que todo o resto'). Iría con segundas?

Nos comicios autonómicos de 2012, o candidato socialista Pachi Vázquez adoptou como súa para a campaña electoral a canción 'Prezo aos corazóns', un tema creado polas Xuventudes Socialistas de Galicia en colaboración con varios músicos galegos. 'Sen contar contigo, sen a túa voz, non deixes que cambien as túas decisións, defende as ideas, comparte o camiño, afronta o futuro, con ilusión. Depende de ti, depende de nós, que non gane o medo na confusión. Depende de ti, depende de nós, que non poñan prezo aos corazóns. Que cambien os tempos, que varran mentiras, e os mozos e as mozas atopen saídas, que cambien os tempos non só nas cancións. Saber o que queres, saber o que non, que non poñan prezo aos corazóns. Depende de ti, depende de nós, estamos a un paso de que saia o sol. Depende de ti, depende de nós, que non poñan prezo aos corazóns. Saber o que queres, saber o que non, que non gañe o medo na confusión. Depende de ti, depende de nós, que non poñan prezo aos corazóns...'. Fala de cambio, da defensa das ideas e de loitar por un futuro mellor para a mocidade.

E para as eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009, o socialista Emilio Pérez Touriño tratou de revalidar o seu cargo á fronte da Xunta apostando todo (musicalmente falando) ao tema 'Quen poidera namorala', a versión do poema de Álvaro Cunqueiro cantada polo artista galego Luis Emilio Batallán no seu disco 'Ahí ven o maio', que aseguraba estar moi orgulloso de que o PSdeG elixira o seu tema como himno deses comicios, porque el sentíase máis de esquerdas que de dereitas. A letra é de sobra coñecida por todos, pero en concreto empregáronse as partes máis significativas do poema: 'No niño novo do vento hai unha pomba dourada, no niño novo do vento hai unha pomba dourada... Quen puidera namorala? Quen puidera namorala?'.

Sen embargo, nin Gonzalo Caballero (candidato á presidencia da Xunta no ano 2020) nin Xoaquín Fernández Leiceaga (candidato no 2016) foron moi partidarios de presentarse ás eleccións cunha canción identificativa, de xeito que os seus vídeos de campaña tiñan de fondo ou ben a sintonía socialista (versionada ou non) ou ben cancións con sons épicos propios das loitas entre gladiadores de 'stock', a xeito de banda sonora. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta