As confrarías descartan "de momento" levar a cabo un paro

A Federación Nacional de Confrarías reunirase o 19 de febreiro

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/02/2024 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, descarta "de momento" que o sector realicen un paro, xa que suporía "empezar a casa polo tellado".

Nunha entrevista coa Radio Galega, que recolle Europa Press, o tamén patrón maior de Burela e presidente das confrarías da provincia de Lugo explica que deben "facer outras cousas antes de chegar ao paro" e débese empezar a casa "polos cimentos", aínda que deixa a porta aberta a futuras protestas.

Nun contexto de mobilizacións de gandeiros e agricultores por toda España, Otero expón que deben "pór encima da mesa" e "acordar" con eles unhas reivindicacións. O próximo 19 de febreiro a Federación Nacional de Confrarías ten previsto realizar un encontro para avaliar a actual situación e, "a partir de aí, decidirase que rumbo tomar".

"COTA IRRISORIA" DE ABADEXO E RAIA

O pasado luns, a Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra tachou de "burla ao sector" e de "irresponsables" as resolucións do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación sobre a xestión das posibilidades de captura de especies como o abadexo e a raia.

Na zona 9A, de Fisterra cara ao sur, para a raia mosaico, que disporá dunha cota de 25 toneladas en 2024, establecéronse uns topes de capturas accesorias de 10 quilos por barco ao día para a modalidade de artes menores, á parte do peche preventivo que imporá a Secretaría Xeral de Pesca entre os meses de marzo e novembro de 2024.

No caso do abadexo, disporase dunha cota de 113,8 toneladas en 2024, e as capturas realizadas por artes menores non poderán superar os 5 quilos por barco ao día. Respecto diso, nesta entrevista, Basilio Otero tachou de "cota irrisoria ao día de 5 quilos para artes menores ou de 10 quilos para palangre". "Iso non nos serve de nada", queixouse.

Otero asegura que traballan coa Secretaría Xeral de Pesca para "cambiar esa pesqueira", con cotas "que sexan polo menos semanais" para unha maior "flexibilidade", o que ve "un reflexo de medioambientalismo barato que está a utilizar Europa".

O patrón maior de Burela, Basilio Otero
O patrón maior de Burela, Basilio Otero | Fonte: FEDERACIÓN NACIONAL DE CONFRARÍAS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta