Por gcdeportes | A Coruña | 29/08/2015 | Actualizada ás 10:12
Un dos preferidos da afección, e máis tras marcar no Camp Nou un gol histórico: o empate co Barça que deu a permanencia tras un ano de sufrimento. O Deportivo anunciou o acordo co Sporting de Portugal para que Diogo Salomão (Lisboa, 14 de setembro de 1988) reforce unha tempada máis a banda dereita de Riazor. Será a quinta etapa de Salomao no Dépor, trala súa estrea na 2011-12 co equipo en Segunda.
E será a primeira en propiedade tras catro cesións anteriores. O atacante portugués, a piques de cumprir 27 anos, fima por unha tempada, con opción a ampliar por dúas máis en función dos obxectivos acadados: un mínimo de partidos tralas súas repetidas lesións. De feito, a firma está pendente de que o xogador pase o vindeiro luns un exhaustivo exame médico.
O portugués foi decisivo na súa primeira presenza na Coruña, no primeiro dos dous últimos ascensos deportivistas, con 4 goles en 29 partidos. Na tempada 2012-13, xa en Primeira, principiaron os problemas físicos e apenas xogou 14 partidos. A pasada campaña, tras recuperarse da rotura do ligamento cruzado que sufriu de novo co Dépor en Segunda, Salomão disputou 6 partidos, catro como titular, no treito final da competición e xa con Víctor no banco. E marcou o gol salvador no Camp Nou.
Diogo Salomao, que rescindiu o contrato que o ligaba co club lisboeta ata xuño de 2016, será a decimoquinta incorporación do Dépor nesta tempada, que deste xeito pecha o plantel a disposición de Víctor Sánchez del Amo. Antes chegaron Saúl Blanco, que agora podería saír cedido, Alejandro Arribas, Fernando Navarro, Oriol Riera, Juanfran, Cani, Fede Cartabia, Luis Alberto, Sidnei, Fayçal Fajr, Pedro Mosquera, Lucas Pérez, Jonathan Rodríguez, o porteiro Manu e agora Salomao. Nove son totalmente novidades e ata seis vellos coñecidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.