A Xunta recolleu nos últimos catro anos 87 toneladas de plástico nas costas galegas

Entre o maior número de lixo que aparece nas praias están os vidros, cerámica e algas. En total recolléronse 425 toneladas desde 2020.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2024 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O sector marítimo-pesqueiro galego recolleu entre 2020 e 2023 case 425 toneladas de lixo nas costas galegas grazas ao desenvolvemento de 36 proxectos colectivos no marco de convocatorias de axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos.

O vidro e a cerámica, as algas e a madeira e os plásticos encabezan a lista dos elementos máis retirados polos profesionais do mar a través destas accións promovidas pola Xunta de Galicia, que involucraron a unhas 1.200 persoas e a 145 embarcacións de confrarías e pescadores repartidos por toda Galicia, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros.

En concreto, segundo explica a Consellería do Mar nun comunicado, acumuláronse uns 133.000 quilos de vidro e cerámica, sendo o elemento máis recuperado, constituíndo un 32% do total; seguido de produtos naturais como algas ou madeiras, con máis de 108.700 quilos, un 26% do total.

Tamén se eliminaron das costas 87.000 quilos de plásticos (21%), seguidos en menor medida de residuos de goma como pneumáticos (8%), metal (5%), téxtiles varios (3%) e outros materiais variados (5%).

Ademais, dentro destas iniciativas levaron a cabo 169 accións para mellorar a concienciación ambiental, a formación e a colaboración entre os axentes implicados, como charlas, talleres ou xornadas formativas. En total, no últimos tres anos realizáronse 309 limpezas activas nas que participaron máis de 705 persoas e 30 embarcacións. Na recollida pasiva formaron parte 470 profesionais do mar e 115 embarcacións.

Vidros, algas e plásticos, elementos máis retirados do mar en Galicia
Vidros, algas e plásticos, elementos máis retirados do mar en Galicia | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta