Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2024 | Actualizada ás 12:25
As avaliacións diagnósticas para o alumnado de 4º de ESO e de 2º de Bacharelato celebraranse os días 10 e 11 de abril, xusto despois das vacacións de Semana Santa. Este venres, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a resolución que recolle as instrucións para a realización destas probas, cuxa organización está marcada pola lei de educación en vigor.
As avaliacións, de carácter censal, aplicaranse en todos os centros educativos que impartan os últimos cursos de ESO e Bacharelato, segundo explicou nun comunicado a Consellería de Educación. En concreto, os alumnos someteranse a avaliacións de competencias en matemáticas, lingua castelá e literatura, lingua galega e literatura e lingua estranxeira (alemán, inglés ou portugués, en función da elección de cada centro).
As probas desenvolveranse a través de cadernos para cada unha das competencias con exercicios sobre "os obxectivos de área e de materia recollidos nos currículos destas materias para cada un dos cursos". As correccións correrán a cargo de profesorado do propio centro que non imparta docencia ao alumnado avaliado, como sinalou a Xunta, que incide en que os resultados "terán un carácter informativo, formativo e orientador para os centros, que recibirán un informe de resultados sobre o conxunto do seu alumnado por nivel e por competencia avaliada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.