Galiza Nova reivindica a historia do feminismo galego dende o 1831 ata a actualidade de cara ao 8 de marzo

Pondo en valor tres cuestións que non poden faltar no discurso: a tripla opresión que sofren as mozas galegas, a orixe obreira que ten a data do 8 de marzo e as propostas actuais en materia de feminismo".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 27/02/2024 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

A organización xuvenil do BNG presentou este martes a súa campaña para o 8M baixo o lema 'Tecendo o fío lila da historia' coa que buscan "facer unha viaxe ao longo da historia do movemento feminista galego" desde as Cigarreras da Coruña no 1831 ata a loita das traballadoras da limpeza de Lugo, que conseguiron unha subida salarial do 18 % tras máis de 100 días en folga.

Segundo sinalou a responsable nacional de Mulleres da organización, Sabela Méndez, con esta campaña prenténdese "vincular a historia do movemento feminista pondo en valor tres cuestións que non poden faltar no discurso: a tripla opresión que sofren as mozas galegas, a orixe obreira que ten a data do 8 de marzo e as propostas actuais en materia de feminismo".

Galiza Nova escolleu o 'Camiño da Igualdade' do Campus de Ourense para levar a cabo a presentación da campaña, pondo así en valor "espazos que visibilizan a presenza das mulleres, do seu traballo e das súas loitas, así como para reivindicar tanto a escasa existencia destes como a falta de referentes no país".

Presentación da campaña de Galiza Nova, coa súa secretaria xeral, Marta Gómez, á cabeza
Presentación da campaña de Galiza Nova, coa súa secretaria xeral, Marta Gómez, á cabeza | Fonte: GALIZA NOVA

"É necesario coñecer a loita das mulleres ao longo da nosa historia, pioneiras en moitas ocasións, para que o seu labor sexa coñecido e seguir avanzando na conquista dunha Galicia feminista e dona de si", defendeu. Durante a campaña, a organización xuvenil do BNG, fará un labor de divulgación da historia do movemento feminista galego desde 1831 ata a actualidade, tanto a través das redes sociais como con actividades formativas que organizarán nas diferentes cidades e municipios de Galicia.

"Vai haber actividades nas sete cidades galegas e tamén noutros concellos do país tanto para divulgar a nosa mensaxe como para organizar a asistencia ás mobilizacións no propio 8 de marzo, nas que estaremos xunto ao resto do movemento feminista galego reclamando unha sociedade na que vivir libres e iguais", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta