O que non che contaron do gran apagamento: a contaminación chegou a duplicarse durante a volta da subministración

Para recuperar a rede eléctrica tralo apagamento houbo que acender 'á forza' os motores máis contaminantes que temos para producir enerxía eléctrica.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 02/05/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O gran apagamento vivido o luns 28 de abril tivo consecuencias que foron máis aló da falta de electricidade: tamén provocou un pico histórico en época recente na contaminación xerada pola produción de enerxía. Antes do gran apagamento, e sempre segundo os datos proporcionados por Red Eléctricaás 12.30 horas do luns 28 de abril, a xeración de enerxía eléctrica da península a través das diferentes fontes dispoñibles estaba xerando 961 toneladas de CO2 equivalentes por megavatio hora (MWh). Durante o apagamento, cando houbo que botar man fortemente da xeración de enerxía a través de ciclo combinado para restaurar a rede eléctrica, chegáronse a xerar 4.811 toneladas de CO2 equivalentes por MWh --4.480 pola xeración a través de ciclo combinado--, a iso da 07.50 horas da mañá do martes 29 de abril. Pero, para ser máis xustos na nosa análise, o ideal sería retrotraerse ao consumo que houbo o día do apagamento ás 07.50 horas, cando aínda non acontecera, para poder comparar períodos iguais de consumo. Facendo isto, obtemos que ás 07.50 horas da mañá do luns 28 de abril estábanse xerando á atmosfera 1.990 toneladas de CO2 equivalentes por MWh --das cales 1.357 eran polo emprego da enerxía procedente do ciclo combinado--.

Central de ciclo combinado
Central de ciclo combinado | Fonte: Getty Images - Arquivo

Para poder xustificar que, efectivamente, arredor das 2.000 toneladas de CO2 equivalentes por MWh é o que se consume habitualmente na rede eléctrica peninsular a esas horas da mañá, tomamos os datos de xornadas anteriores. Ás 07.50 horas do sábado 26 de abril a xeración á atmosfera derivada da produción de enerxía eléctrica era de 1.356 toneladas de CO2 equivalentes por MWh --791 por ciclo combinado--. Ás 07.50 horas do xoves 24 de abril a xeración era de 2.283 toneladas de CO2 equivalentes por MWh --1.585 por ciclo combinado--. Ás 07.50 horas do mércores 23 de abril era de 2.584 --1.884 por ciclo combinado--; ás 07.50 do martes 22 era de 3.258 --3.258 por ciclo combinado, o que evidencia que por algún motivo ese día se botou moita man tamén desta fonte--; e ás 07.50 horas do luns 21 (unha semana atrás do apagamento, para comparar a mesma xornada de luns no consumo) a xeración á atmosfera derivada da produción de enerxía eléctrica na península era de 1.951 toneladas de CO2 equivalentes por MWh --1.320 por ciclo combinado--.

Se facemos unha media con todos os datos anteriores, obtemos que na última semana a xeración media de toneladas de CO2 equivalente por megavatio hora á atmosfera derivada da produción de enerxía eléctrica na península ás 07.50 horas da mañá era de 2.237 --1.699 por ciclo combinado--. Así as cousas, estamos falando de que no pico máximo de xeración tralo apagamento, cando se liberaron á atmosfera 4.811 toneladas de CO2 equivalente por MWh, esa contaminación máis que duplicou a media de liberación rexistrada ao longo dos sete días anteriores (2,15 veces máis). Noutras palabras, explicado dunha forma máis chá: durante o gran apagamento, por cada megavatio hora producido, contaminouse máis do dobre que en condicións normais, e 5 veces máis que ás 12.30 do luns 28 de abril, minutos antes do corte eléctrico.

QUE SIGNIFICA ISO DE TONELADAS DE CO2 EQUIVALENTES POR MWH?

As toneladas de CO2 equivalentes por MWh son unha medida que indica canto dióxido de carbono (ou gases comparables ao mesmo polo efecto que causan, de aí o termo 'equivalentes') se emite á atmosfera por cada megavatio hora (MWh) de electricidade que se produce. Un MWh é a enerxía que consumiría, por exemplo, un forno eléctrico grande funcionando durante 1.000 horas, ou o que empregaría unha casa media durante aproximadamente un mes enteiro. Deste xeito, se dicimos que unha central emite 0,4 toneladas de CO2 equivalentes por cada MWh que xera, significa que cada vez que produce suficiente electricidade para alimentar unha casa durante un mes, libera 400 quilos de gases de efecto invernadoiro á atmosfera.

Contaminación rexistrada pola xeración de enerxía eléctrica ás 07.50 horas (cando se produciu o pico de contaminación este martes 29 de abril) de diferentes días ao longo da última semana
Contaminación rexistrada pola xeración de enerxía eléctrica ás 07.50 horas (cando se produciu o pico de contaminación este martes 29 de abril) de diferentes días ao longo da última semana | Fonte: Fonte: Red Eléctrica - Montaxe: GC

Se o queremos ver doutro xeito aínda máis doado de entender: 1 tonelada de CO2 é o que emite un coche mediano circulando uns 5.000 quilómetros --máis ou menos a distancia que separa Galicia de Istambul (Turquía) en coche, ida e volta--. Así, se unha planta xeradora de enerxía produce 1 MWh e emite 0,4 toneladas, é coma se unha persoa collese o coche e se fixera uns 2.000 quilómetros (en termos de contaminación). O consumo medio diario dunha casa en España anda nos 10 kWh ao día. Un litro de gasolina emite aproximadamente 2,3 quilogramos de CO2. En resumo, e indo ao caso que nos ocupa, o do gran apagamento, antes do mesmo, alimentar unha casa durante todo un día supoñía a contaminación equivalente á queima de 9,7 litros de gasolina (130 quilómetros percorridos); pero, durante a recuperación do subministro eléctrico tralo apagamento, producir enerxía para alimentar esa mesma casa durante un día chegou a equivaler nos momentos máis críticos á contaminación derivada da queima de 20,9 litros de gasolina (280 quilómetros percorridos no coche).

POR QUE SE DISPAROU O CO2 DURANTE TRALA RECUPERACIÓN DO APAGAMENTO?

Cando acontece un apagamento masivo, as fontes de enerxía renovables como a solar, a eólica ou mesmo a hidráulica non son suficientes para restaurar rapidamente a subministración eléctrica, sobre todo porque moitas dependen de condicións variables --sol, vento, caudal da auga-- ou precisan certa estabilidade previa na rede. Por iso, para arrincar de novo a produción a grande escala recórrese ás centrais de ciclo combinado, que funcionan queimando gas natural e poden conectarse case inmediatamente para subministrar enerxía continua, estable e previsible. O problema é que estas plantas, aínda que son máis eficientes que outras fósiles, emiten moito CO2. Tírase de gas (ciclo combinado) para reanimar o sistema eléctrico e, como case toda a electricidade que se xera ao comezo provén da queima deste, o CO2 por unidade de enerxía producida dispárase. Afortunadamente, e como aconteceu xa pasada a mañá do martes 29 de abril, a medida que as fontes renovables e outras centrais máis limpas volveron estabilizarse, a xeración fósil diminuíu e as emisións volveron baixar. En resumo, para recuperar a rede eléctrica tralo apagamento houbo que acender 'á forza' os motores máis contaminantes que temos para producir enerxía eléctrica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta