Sanidade e Intelixencia Artificial, como utilizar datos persoais e respectar os dereitos dos usuarios

José Manuel Jerez Aragonés, experto en minaría de datos participante no VI Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión celebrado en Vigo asegura que "o cambio está a ser tan rápido que plantexa profundos dilemas éticos". Dende Galicia Confidencial falamos con el para profundar nestes dilemas.

Por Ángela Precedo | VIGO | 02/03/2024 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O 'boom' da intelixencia artificial está a xerar grandes oportunidades en practicamente todos os aspectos da vida, pero non hai que esquecerse de que tamén trae consigo certos perigos e problemáticas que hai que amosar, pois desta exposición partirá a regulación que xa se está a barallar na Unión Europea e que verá a luz, moi probablemente, no mes de abril. No ámbito da saúde, en concreto, a intelixencia artificial chegou para facilitar os diagnósticos, aumentando tamén a eficacia laboral dos médicos grazas á automatización de tarefas clínicas. Con todo, tal e como conta José Manuel Jerez Aragonés, experto en minaría de datos que participou no VI Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión celebrado a pasada semana en Vigo, "o cambio estase producindo tan rápido que plantexa fondos dilemas éticos".

Diagnóstico por imaxe
Diagnóstico por imaxe | Fonte: Commons - Arquivo

En principio, apunta a que "estes sistemas baseados en intelixencia artificial poderían reproducir os prexuízos que xa están asociados aos datos que utilizamos para entrenar aos algoritmos". Tamén "poden contribuír ao quecemento global, porque son moitos os recursos que se precisan para entrenar este tipo de novos modelos grandes de linguaxe". E, finalmente, considera que "mesmo poden chegar a afectar aos dereitos humanos". Por tanto, Jérez Aragonés cre que "todos estes son riscos que poden chegar a perxudicar a grupos que xa de por si foron historicamente marxinados", polo que "hai que ter moito coidado con estas cousas", algo que, "precisamente, se está tratando de regular de algunha forma, mediante a nova lei da Unión Europea de intelixencia artificial".

PRIVACIDADE E SEGURIDADE, CONSENTIMENTO INFORMADO, SESGOS E EQUIDADE

Xa no ámbito da saúde, máis en concreto, o experto en minaría de datos asegura que "habería que ter unha serie de consideracións éticas particulares a maiores". Por unha banda, sinala "a privacidade e seguridade, porque eses algoritmos acceden a grandes volumes de datos persoais e información sensible, polo que é fundamental garantizar que eses datos estean protexidos e sexan confidenciais, para manter protexida a información do paciente para que permaneza dentro do sistema de atención médica, e que eses datos non anden circulando por aí por fóra". Tamén apunta ao "tradicional consentimento informado, pois o uso da intelixencia artificial á hora de tomar decisións médicas plantexa preguntas sobre este tipo de consentimento informado, porque os pacientes teñen que estar informados dalguna forma sobre como os sistemas se van usar para a súa atención: información sobre os seus beneficios, os seus riscos, as súas limitacións". 

Así mesmo, sinala que tamén é fundamental "o sesgo e a equidade dos datos", para "non perpetuar os sesgos existentes na sociedade nos sistemas de intelixencia artificial", garantindo que "todos os datos que foron usados para entrenalos sexan representativos de toda a poboación", pois de non ser así "isto podería ter unha implicación directa na saúde dos pacientes", porque "podería derivar na disparidade da atención ou dar uns resultados ou outros en función de diferentes grupos demográficos", algo que "xera preocupacións directas sobre a base do sistema de saúde, como a equidade e a xustiza". Neste senso, apunta a que "tamén poderiamos falar de responsabilidade e transparencia", xa que "en caso de que os sistemas de intelixencia artificial erren no diagnóstico, quen asume a responsabilidade? O clínico? O enxeñeiro? Todo está no aire e por regular con esta nova lei á volta da esquina".

Intelixencia artificial en saúde
Intelixencia artificial en saúde | Fonte: iStock - Commons

OPORTUNIDADE PARA HUMANIZAR A MEDICINA E ADICAR TEMPO AOS PACIENTES

Por outra banda, Jérez Aragonés fai referencia á "relación médico-paciente", xa que "a introdución de tanta tecnoloxía na contorna médica é xa de por si un pouco agresiva para o paciente, e un entorno clínico así podería afectar á relación médico-paciente", polo que "é importante manter unha comunicación asertiva e ter empatía, algo moito máis necesario se cabe a día de hoxe". E, como non todo ían ser problemas, para o experto en minaría de datos, a introdución da intelixencia artificial na saúde tamén trae consigo oportunidades, como "a humanización da medicina", pois permitirá "adicar máis tempo no futuro á atención ao paciente, mentres os sistemas de intelixencia artifical recopilan por si sós toda a información da conversa médico-paciente e automatizan todos os procesos". 

Pese a todo, puntualiza que nunca se debería deixar que a intelixencia artificial decida por si soa, senón que no ámbito médico, neste caso, terá que haber un doutor ou experto detrás supervisando os seus resultados. Así, fala doutra implicación, que é precisamente "a autonomía do paciente", porque "a intelixencia artificial ten o potencial de influír na decisión médica, pero non pode comprometer a autonomía nin dos profesionais nin dos pacientes", sendo moi importante "asegurar que a tecnoloxía apoie as decisións do médico, pero non as tome por el". "Non se pode prescindir da decisión humana", asevera Jérez Aragonés.

A INTELIXENCIA ARTIFICIAL XA NON É O FUTURO, É O PRESENTE DA SANIDADE

Para o profesional da minaría de datos, a intelixencia artificial xa non é o futuro, é o presente da sanidade, pois "xa está actualmente incrustada en diferentes sistemas como a axuda ao diagnóstico por imaxe". Pero tamén considera que "polas características particulares do sistema de saúde que temos, pola forma de organizar e almacenar os datos nos sistemas, non se dan as condicións ideais como para despregar este tipo de tecnoloxía de intelixencia artificial". E é que asegura que "o problema para implantar estes sistemas na actualidade non é tanto a dispoñibilidade de datos, que xa temos moitos para poder aplicala, senón a forma en que estes están almacenados". Por esa banda, cre que "aínda falta falta bastante esforzo e colaboración entre administracións públicas e entidades privadas para dar un pasiño adiante e trasladar á práctica clínica diaria toda a tecnoloxía coa que xa contamos". "É cuestión de tempo", asegura, engandindo que "está nas mans das administracións públicas non por tantas restriccións ás empresas que intentan despregar proxectos sólidos no ámbito da saúde".

Fai uns anos ninguén falaba de intelixencia artificial e agora semella que xa non hai ningún campo da vida no que non estea presente. Isto é algo que tamén confirma Jerez Aragonés, que explica que "os profesionais levamos traballando na intelixencia artificial 20 anos, pero é certo que dende fai 10 anos cara esta parte, houbo un 'boom' dunha tecnoloxía de intelixencia artificial que son aqueles algoritmos basados en redes neuronais artificiais que tratan de imitar o funcionamento do cerebro, das redes neuronais biolóxicas, en canto a cualidades como a aprendizaxe". De feito, afirma que "estes modelos tratan de imitar as propiedades computacionais das redes neuronais biolóxicas, a unha escala menor a como funciona o cerebro humano, pero cuns resultados realmente impactantes", porque "a gran capacidade computacional que temos agora permitiu deseñar estas arquitecturas de redes neuronais cada vez máis complexas que se achegan pouco a pouco ao procesamento de información que realizan as neuronas biolóxicas do cerebro". 

Para este profesional "isto xa existía fai moitos anos, pero este tipo de algoritmos en particular, que se chaman arquitecturas profundas de redes neuronais artificiais tivo un impacto incríble nos últimos anos, principalmente polo novos algoritmos que deseñaron os novos Premios Turing, os que poderiamos considerar como os novos Premios Nóbel da informática, e coincidindo ca incríble capacidade de cómputo que temos agora mesmo con dispositivos como as CPU ou o propio almacenamento na nube, así como pola gran cantidade de datos dos que dispoñemos, que son fundamentais para entrenar con suficiente variabilidade todos estes algoritmos, e permiten que cada vez se acheguen un pouco máis ao escenario no que un cerebro de desenvolve cando calquera organismo vivo nace".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta