O Goberno central non compensará a Galicia polo atraso dos Avril: "Non vemos cal é o dano real"

Pedro Blanco apunta que o Goberno reclama danos "como parte dun contrato" e pregunta por que a Xunta non reclamou pola tardanza do AVE "desde 2012".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2024 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, descartou este martes compensar á comunidade polo atraso na posta en marcha dos trens Avril, como pide a Xunta, alegando que máis aló do "dano moral", non detecta "exactamente cal é o dano real" e apuntando que a reclamación de danos e prexuízos a Talgo faise desde o Executivo central como parte "dun contrato".

Así o dixo, en resposta a preguntas dos medios, por mor da carta enviada este luns pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao ministro de Transportes, Óscar Puente, pedíndolle, entre outras cousas, medidas para compensar aos galegos "por este novo atraso e este novo agravio", tras confirmarse que os trens non estarán en circulación este primeiro trimestre.

Pedro Blanco lembrou que o Goberno, como parte do contrato con Talgo, instou " un procedemento de reclamación de danos e prexuízos" á empresa por "incumprimento de contrato", unha reclamación que "é dinámica", dixo, dado que "canto máis se atrasen" na entrega, maior será a contía.

Con todo, descartou que esta compensación poida dirixirse tamén a Galicia, tendo en conta que non é parte deste contrato, e que "non existe" un modo de compensación de "un dano xenérico". "Non vexo exactamente cal é ese dano, entre comiñas, real, máis que ese mal aos cidadáns que está a atrasar a posibilidade de poder viaxar nesas novas máquinas", dixo o delegado, que se referiu a este como un "dano moral".

Aínda que Pedro Blanco admitiu que o atraso de Talgo na entrega das máquinas causa "un problema aos cidadáns", asegurou que a Xunta e o PP "non son os máis indicados" para facer esta reclamación, apuntando "o dano que leva xerado co atraso da chegada do AVE a Galicia desde 2012", algo que "non ten parangón nin é comparable". Tendo en conta a petición da conselleira, Pedro Blanco dixo que "deberían ter compensación todos os atrasos" desde "o ano 2012" e "ata que Pedro Sánchez trouxo o AVE a Galicia.

Sobre os trens Avril, o delegado do Goberno asegurou que Talgo "defraudou" ao Executivo central, que "estaba absolutamente convencido" de que as maquinas estarían "inmediatamente" e funcionarían no primeiro trimestre do ano, algo que "foi manifestado en todas as reunións". Aínda que rexeitou precisar data, confiou que a súa chegada sexa "antes do que estamos a pensar".

Tren AVE coa insignia do Xacobeo
Tren AVE coa insignia do Xacobeo | Fonte: Renfe - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta