"Un gran pacto galego" polos coidados corresponsables, aposta do PSdeG para avanzar en igualdade

Besteiro e Formoso encabezarán a presenza socialista na manifestación que terá lugar en Vigo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2024 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, anunciou este xoves unha acción coordinada dos socialistas galegos en todas as institucións para reivindicar un gran pacto galego polos coidados corresponsables. Fraga presentou na sede da formación en Santiago de Compostela a campaña do PSdeG con motivo da celebración do 8M e anunciou a presenza do candidato socialista á Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, e o secretario xeral, Valentín González Formoso, na manifestación convocada o venres en Vigo.

Na súa intervención, explicou que os socialistas presentarán unha campaña en redes sociais e levarán ás institucións, empezando polos concellos, unha serie de mocións para reivindicar un gran acordo político e social para a repartición equitativa do peso dos coidados.

A socialista advertiu de que a "igualdade non é posible e se non hai corresponsabilidade" e chamou á colaboración da Xunta, os concellos, os sindicatos, a patronal e as entidades sociais e políticas. "Non se pode consentir que sigamos soportando case en exclusiva o peso dos coidados, esixíndonos ás mulleres que sexamos superwomans", afirmou para soster que o nivel de esixencia provoca que as mulleres soporten unha maior deterioración física e psíquico pola elevada carga que asumen, chegando á xubilación con "mala saúde e máis pobres".

Silvia Fraga puxo o acento na situación desigual neste ámbito, que fai que o 90,7 por cento das excedencias polo coidado de fillos e maiores sexan asumidas por mulleres, segundo un informe presentado por UGT. Estas mesmas mulleres teñen, ademais, un 18,69 por cento menos de salario, asumen maior precariedade e, como consecuencia, reciben unhas pensións "moito máis baixas", con 469,41 euros menos de media.

Nunha intervención na que lamentou que o 8M se converteu no "día da marmota" con reivindicacións e demandas que "non son idénticas ás de hai 10 anos, pero si moi parecidas" a pesar dos "avances pequenos", tamén alertou da falta dunha presenza equilibrada das mulleres en diferentes ámbitos, excepto os que se regula por lei. Así, puxo como exemplo o caso da maxistratura, onde o 60,88 por cento son xuízas, e o 63,88 por cento das fiscalas son mulleres, pero as audiencias provinciais ou o TSXG seguen estando ocupados maioritariamente por homes.

Fraga criticou ás esferas conservadoras que "ou negan esta realidade ou, como mínimo, están cómodas con ela", coas mulleres "recluídas no ámbito privado e os homes marcando o compás" ao que deben bailar. Como solución recetou "levar á práctica máis feminismo", tamén da man dos homes "que cren que unha sociedade digna non pode avanzar á costa da metade da poboación e do talento que representan as mulleres".

INICIATIVAS

Estas demandas serán presentadas a través de mocións nos concellos e tamén no Parlamento de Galicia no momento en que sexa constituído e empezo a nova lexislatura. A proposta incluirá o pacto polos coidados corresponsables, ademais de garantir a presenza equilibrada das mulleres nos organismos públicos, tribunais de selección de persoal e de valoración de méritos para a provisión de postos de traballo. Ademais, incluirá a posta en marcha dun plan de acción para terminar coa fenda salarial e de xénero no mercado laboral.

As e os socialistas de Galicia queren "porlle deberes" á Xunta de Galicia despois de 15 anos de gobernos do PP caracterizados "pola súa inacción ou polo malgasto de diñeiro que envían desde o Estado" para política de igualdade nos que "ou non fan nada, ou directamente erran o tiro con campañas machistas e ofensivas".

Os socialistas galegos iniciarán unha campaña en redes sociais co lema 'M8M, Moito Máis, Moito por Facer', participarán nas manifestacións deste venres, e repetirán a entrega dos premios de Igualdade do PSdeG Maruja Vázquez Suárez. Con este galardón destacan a personalidades ou entidades e reivindican a figura de Vázquez Suárez, fundadora da Agrupación Socialista de Miño en 1933, que foi violada e asasinada polos falanxistas o 19 de agosto de 1936.

A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, en rolda de prensa
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, en rolda de prensa | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta