A moda en Galicia máis aló de Inditex: Catro deseñadoras emerxentes con moita cor

Coñecemos as últimas coleccións de Lola Armesto, Lucía Viaño, Soraya Moure e Cristina Matos, graduadas en Deseño de moda na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 19/03/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O mundo do deseño de moda en Galicia está moi presente, de aquí para o mundo, e contará cun futuro cheo de talento. A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela co seu desfile Despunte conseguiu ensinar á sociedade diferentes coleccións do alumnado que remataba o Grao en Deseño de Moda. O Galicia Confidencial pecha unha serie de reportaxes dedicada á importancia da cor en diferentes eidos do deseño, centrándose na moda e coñecendo a catro deseñadoras. Destacaron por apostar polas cores vivas nos seus deseños "máis aló das tendencias", son Lola Armesto, Lucía Viaño, Cristina Matos e Soraya Moure e traen moitas historias que contar. 

Concha; de espuma y escarcha de Soraya Moure
Concha; de espuma y escarcha de Soraya Moure

LOLA ARMESTO "EL CLUB DE LA HORTENSIA"

A carta de presentación de Lola Armesto e a súa marca Hiebra é sinónimo de cor e recoñece que non é unha persoa que se deixe levar polas tendencias e que non vai prescindir da cor e de transmitir a través da mesma porque non se leve. A tendencia a perder cor? "Ao final a xente cansa moi rápido das cores e sempre recorren a algo máis cómodo ou que non lles queime tanto". Para o desfile Despunte elaborou a colección "El club de la Hortensia", centrado na psicoloxía das flores e na relación dos seres humanos coa natureza, na que atopar un refuxio. 

Lola describe a súa idea: "Hai unha xardineira,que sería a personaxe principal, que crearía un refuxio, casa ou club, no que acollería as súas plantas que, a súa vez, son amigas e logo iría narrando nunha pequena libreta o día a día, os comportamentos, as personalidades destas e a raíz diso coseríalles a roupa feita a man. Todo feito a man e coa intención de simbolizar o fogar que creas cos seres queridos". Lola ten claro que "as cores son todo" e que nunca "faría algo en branco e negro". Desde fai dous meses, está de prácticas de Erasmus nunha empresa de sastrería teatral en Italia, realizando patronaxe, confección, costuras a man. Destaca que en Galicia hai dúas vertentes no mundo da moda: "O mundo Inditex ou Adolfo Domínguez, máis comercial" ou "o sector de artesanía, máis exclusivo". Lola declárase adepta á segunda opción: "Gústame o labor artesán, xogar coas máquinas, realizar algo único e exclusivo e que a xente o queira por ser especial e evocar algo bonito". 

LUCÍA VIAÑO "54 NIGHTS"  

O lema de Lucía Viaño sempre foi "máis é máis", aínda que lamenta que as persoas tendan cada vez máis ás cores neutras e ao estilo minimalista. Máis aló das tendencias minimalistas, aposta polas cores e os volumes para "manterse fiel a un mesmo e destacar entre a multitude". No desfile Despunte, inspirouse no Estudo 54 que lle deu nome á colección "54 NIGHTS", coa que quería transmitir  a exclusividade e o luxo deste club nocturno ao que só ían estrelas, xente famosa. "Tratei de facer vestidos moi chamativos que puidese levar perfectamente unha estrela neoyorquina deses finais dos 70, en torno á cor rosa bugambilia, o laranxa e o branco, as tres cores principais. O meu toque persoal está no tul e os volumes", recoñece.

Emeun Project de Cristina Matos
Emeun Project de Cristina Matos

Esta colección estaría máis enfocada aos eventos ou editoriais de moda e ao que Lucía denomina como "coleccións imaxe" ou o que quere que a xente vexa da súa marca. Porén, adianta que fará unha colección máis comercial e polo tanto máis económica. "54 NIGHTS" estaría dentro dun "nivel adquisitivo medio-alto", conta que fai pouco vendeu un dos vestidos por 2.500 euros a unha clienta de Exipto. Recoñece que ser deseñadora de moda era o seu soño desde os cinco anos e que o seu maior referente é Giambattista Valli. "Creo que a xente tende a irse de Galicia porque ou acabas no mundo Inditex ou na liña máis artesán. Tan só o 10% do meu público sería galego porque creo que a xente busca cousas máis neutras ou vinculadas estreitamente coa artesanía", destaca. 

CRISTINA MATOS "EMEUN PROJECT"

Cristina Matos presenta un proxecto que xira en torno á sostibilidade e na que aposta polos "toques de cor". Ante a perda de cores considera que unha cor moi forte como o laranxa pode condicionar como combinar e tamén chama a atención polo que "pode dar a sensación de que repites". Así, indica que a cor se emprega a diario de xeito máis limitado, por exemplo en accesorios. Na súa colección para Despunte titulada "EMEUN Project" aposta polos tons neutros como o branco, camel, area e negro con "toques fundamentais de cor" en vermello e verde. Realizou cobertores ou mantas, reinventou a gorra de Viona, fixo abrigos... "Empreguei a cor tanto en detalles como en masa de cor, cun abrigo totalmente vermello, por exemplo", comenta. 

Este foi o seu traballo de fin de carreira, pero non é o primeiro. "Estudei fai 12 anos e actualicei agora os meus estudos ao Grao", explica Cristina, que exerce como deseñadora de moda no sector textil desde fai 14 anos. De Galicia neste eido destaca que hai empresas moi potentes a nivel textil, hai moitos proveedores que traballan para marcas grandes para toda Europa. "Cando pensamos en ser deseñadores, pensamos sempre nunha marca, pero a realidade é que tamén hai moitos proveedores que tamén forman parte do tecido textil", expón e reivindica un maior apoio para mellorar condicións para que xente "moi válida, moza e boa" non marche. "Sería xenial deixar talento na casa", conclúe. 

SORAYA MOURE "CONCHA; DE ESPUMA Y ESCARCHA"

Soraya Moure analiza a perda das cores marróns e amarelas deste estudo e sinala que o marrón segue estando no mundo da moda e sempre vai estar; en canto ao amarelo sinala que foi unha cor importante históricamente: "Os exipcios, a través do amarelo, reflexaban poder, nas covas de Altamira, os tons ocres empregados para pintar animais pola súa fácil obtención; na arte, Van Gogh ou Monet". Fai fincapé nas connotacións negativas do amarelo, que no teatro ou baile non se emprega "pola mala sorte". Porén, ela non tivo reparo en empregar esta cor que lle encanta na súa colección "Concha; de espuma y escarcha" para o desfile Despunte. A historia que quixo contar é do máis emotiva, xa que é algo que quería facer desde que entrou na escola: "Unha homenaxe á miña avoa, que me ensinou esta paixón". 

Inspirouse para os estilismos nos anos felices da súa avoa no Gran Hotel da Toxa, onde vivira a súa xuventude nos anos 50 e tamén incluiu a cartelería dos anos 20 da fábrica de xabóns da Toxa. No seus deseños, destacan as cores brancas e amarelas da fachada, o laranxa do solpor en verán e os azuis, en relación coa historia da balneoterapia en Galicia e das súas augas mineromedicinais. Realizou looks de noite e moito luxo e tamén de día, con traxes de baño, que oscilan entre os 700, a peza máis cara, aos 200, a máis barata. Soraya manifesta que acceder ás grandes empresas galegas é complicado: "Solicitan experiencia mínimo tres anos, aínda que te rexistres en webs de emprego, non se poñen en contacto, non ven os perfís novos, nin entrevista nin nada. Accedes cando un deles se fixa en ti, por un desfile, pola prensa, ou por un vestido para alguén famoso. Para unha persoa creativa ou curiosa coma min, o mellor ámbito laboral dun taller de artesanía, onde se vive todo o proceso", confesa. 

54 Nights de Lucía Viaño
54 Nights de Lucía Viaño
El Club de la Hortensia de Lola Armesto
El Club de la Hortensia de Lola Armesto
Colección de Lola Armesto (arriba esquerda); Cristina Matos (arriba dereita); Lucía Viaño (abaixo esquerda) e Soraya Moure (abaixo dereita)
Colección de Lola Armesto (arriba esquerda); Cristina Matos (arriba dereita); Lucía Viaño (abaixo esquerda) e Soraya Moure (abaixo dereita) | Fonte: @EASD
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta