Coidadiño!

No artigo que titulei “Xenerosidade” dicía entre outras cousas que “o proceso político aberto en Cataluña é a novidade máis salientábel en termos políticos, porque vai condicionar o conxunto da acción política nas vindeiras datas e desprazará outros fenómenos que aconteceron na dinámica política” e proseguía indicando que “ninguén debera descoidar a atención na situación política ambiental.”

Por Fermín Paz | As Pontes | 23/09/2015

Comparte esta noticia
Agora quero retomar neste punto a miña análise. Interpretaba daquela que a dinámica política co asunto catalán tiña moito máis percorrido que os debates e as accións de cada quen, no marco do proceso electoral do 27 de setembro. Hoxe é mais doado facer aquela interpretación.
 
Teño que felicitar o independentismo catalán. Foron quen de establecer o seu campo de xogo. O españolismo non foi quen de termar da súa negativa   plebiscitaria. Hoxe, mesmo os inquéritos, proxectan “resultados” de votos e representación parlamentar, tratando as eleccións como un plebiscito entre o si e o non á independencia de Cataluña. A estratexia defendida por Raxoi  dun proceso electoral normal da autonomía catalán fixo auga. Outro tanto aconteceu á outra estratexia de reforma constitucional do PSOE para encaixar o “catalanismo”  nunha España federada. Perdeu gas. 
 
As declaracións destes días dos mandatarios (de Estado, organismos internacionais e institucións como  a patronal, sindicatos, Banco de España, etc..), alén de confirmar o que estou a dicir, mostran un intervencionismo de moito calado. É ese o longo camiño que aínda terá que superar o independentismo catalán (e calquera outro que  defenda  que un pobo ten dereito a ser dono de seu) dentro do marco do Estado Español ou da Unión Europea.
 
“Menos mal” -din algúns- que logo do 27-S nas eleccións ao parlamento estatal atoparémonos diante dunha nova dinámica. Erro ! É mais: o que estamos a observar nestes días, cos pronunciamentos do “establisment” español e os poderes internacionais, lévame a reafirmarme no mesmo que expuña no devandito artigo: estamos diante dunha involución de moito carallo. Coidadiño!: sexa cal sexa o resultado do 27 de setembro, o españolismo insistirá moito nas súas prácticas para tratar de impoñer pola forza o  campo de xogo da “legalidade vixente”; que ninguén dubide  de que daquela o fará por todos os medios. Como consecuencia diso, manter a teses do período constituínte ou da negociación é unha posibilidade electoral. Pouco máis.
 
Non quero deixar pasar a oportunidade para facer unha pequena aclaración fuxindo  da moda “do novo”.  Eu son un vello na política, no senso que levo tempo baseándome  nela para tratar de mudar a situación tanto no que atinxe a Galiza como á súa clase obreira, nas súas andainas e contradicións, tratando de interpretar axeitadamente o que está acontecendo moito mais aló  dos procesos electorais e actuar en consecuencia. Nese camiñar,  comprendín a necesidade de que as ferramentas para traballar precisaban dunha posta a punto que ía mais aló dun afiado ou dun pequeno amaño e tratei de facelo e aínda estou aquí para o contar.
 
Nos tempos que veñen , o nacionalismo galego precisa  debater este asunto. Precisa facelo xa. Sé necesitamos unha nova ferramenta, construámola para dar respostas á situación que temos por diante.
 
Adiante, vell@s e nov@s!  Teño a seguranza  de que Galiza precisa de todos  n@s. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.