Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2024 | Actualizada ás 18:30
A mostra '#Punctum, beliscos de BD na arte contemporánea galega' inaugúrase este martes no Auditorio de Galicia, en Santiago, e poderá visitarse ata o 16 de xuño. Maru Astray, Julia Lago, Bea Lema, Uxía Larrosa, Xulia Pisón e Pepa Prieto Puy son algunhas das protagonistas desta exposición que percorre a obra das artistas de novela gráfica en Galicia.
Comisariada por Íñigo Rodríguez Román, a exposición forma parte do programa 'Abrandares en cadriños', unha iniciativa dirixida por Neves Rodríguez para pór en valor o traballo de mulleres no cómic de Galicia.
A concelleira de Capital Cultura, Míriam Louzao, subliña que a exposición convida a "recoñecer e repensar as propostas formais e discursivas que chegan desde esta área que a miúdo se sitúa nas marxes". Sinala que serve como "xanela cara a propostas menos estandarizadas, na periferia dos circuítos expositivos máis convencionais" co fin de abrir "a mirada e o pensamento".
OBRAS DE ARTES EN COMERCIOS
Por outra banda, os comercios de Santiago converteranse en pequenos museos para albergar obras de arte en miniatura realizadas polos veciños.
Os concelleiros Xan Duro e María Rozas foron os encargados de presentar este mércores o programa de 'O museo máis pequeno da cidade'. A proposta nace dunha idea orixinal da artista catalá Noemí Batllorí.
Os interesados en achegar a súa proposta artística poderán inscribirse a partir deste xoves, 4 de abril, e ata o día 10. Estarán expostos do 15 de maio ao 12 de xullo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.