Os outros efectos medioambientais dos atrasos do AVE en Galicia: 120.000 toneladas de CO2 innecesarias

O avión emite uns 115 quilos de dióxido de carbono por pasaxeiro, mentres que o tren de alta velocidade só emite 14. Os continuados atrasos da chegada do tren de Alta Velocidade a Galicia tamén poden ter influido no aumento das emisións contaminantes.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 08/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os prometidos trens Avril por fin desembarcan en Galicia, permitindo levar a alta velocidade máis aló de Ourense, con case dous anos de retraso. Despois da súa entrada na cidade do Miño en decembro de 2021, tras 21 anos de proxectos e obras, a chegada dos trens Avril comprometérase inicialmente para o verán de 2022, pero a data reubicouse a finais de 2023 e, posteriormente, falouse do primeiro trimestre de 2024. Ao final, ningunha destas datas se cumpriu, pois xa estamos en abril. Agora os tempos de viaxe entre Madrid e Galicia poderán reducirse notablemente, pero o tempo non foi o único inconvinte que supuxo o retraso do AVE, senón tamén unha contaminación desmedida como consecuencia de que moitos pasaxeiros, de seguro, ao non haber alta velocidade, terían elixido o avión como medio de transporte para as súas viaxes. Fagamos cálculos.

Un avión de Vueling
Un avión de Vueling | Fonte: VUELING - Arquivo

Cada ano emítense á atmósfera máis de 36.000 millóns de toneladas de CO2, o principal dos gases de efecto invernadoiro, que contribúe ao cambio climático. España emitiu 287 millóns de toneladas de CO2 equivalente (medida que se usa para describir o potencial quencemento das emisións). A industria supón o 66 %, aproximadamente, destas emisións e empresas como Endesa, Alcoa ou Repsol concentran un tezo do total de emisións do sector industrial. O transporte supón ao redor do 30 % das emisións (no 2021 emitiu un total de 85,5 millóns de toneladas de CO2). E, para facernos á idea do nocivo que pode resultar o avión como medio de transporte, representa o 2 % das emisións totais de CO2 á atmósfera ao ano.

Falemos agora de viaxeiros entre Galicia e Madrid. No 2023 viaxaron a Madrid 288.000 galegos e chegaron a Galicia 318.000 madrileños, é dicir, houbo un total de 606.000 movementos de persoas entre ambas as comunidades. Non todos terían elixido o avión como medio de transporte, de seguro tamén houbo persoas que se moveron en tren, autobús ou coche particular ou colectivo. Pero, ao non haber alta velocidade, tamén é seguro que moitas persoas que optarían polo tren como alternativa para a viaxe preferiron subirse a un avión (traxecto de 1 hora) que facer máis horas no ferrocarril (aproximadamente 3 horas en función da cidade da que se parta) ou por estrada (6 horas en coche e unhas 7 en autobús).

UN TOTAL DE 606.000 VIAXEIROS ENTRE GALICIA E MADRID O PASADO ANO

Poñamos agora que, hipoteticamente, estes 606.000 viaxeiros Galicia-Madrid e Madrid-Galicia voasen en avión. Canto máis terían contaminado que se o fixesen en AVE de ter esa posibilidad? O primeiro é saber o nivel de contaminación do avión fronte ao tren de alta velocidade. O avión emite uns 192 gramos de CO2 á atmósfera por quilómetro e pasaxeiro. Un voo de Galicia a Madrid son uns 600 quilómetros de percorrido, polo que o avión emite uns 115 quilos de dióxido de carbono por pasaxeiro. E se tomamos como dato eses 606.000 pasaxeiros, estariamos a falar dunhas emisións de 69.690 toneladas. Pola súa banda, o AVE emite uns 23 gramos de CO2 por quilómetro e pasaxeiro. Nos 600 quilómetros emitiría aproximadamente 14 quilos de dióxido de carbono por pasaxeiro. Con 606.000 pasaxeiros, as emisións totais serían de 8.484 toneladas.

Tren AVE de Talgo, Avril
Tren AVE de Talgo, Avril | Fonte: Arquivo

Como podemos observar, de 69.690 toneladas de CO2 emitidas polo avión a 8.484 emitidas polo AVE hai unha diferenza moi grande: 61.206 toneladas máis contamina o avión que o AVE nun ano. Tendo en conta que xa leva dous de retraso, poderiamos estimar a cifra total multiplicando por dous: 122.412 toneladas das que, de existir a alta velocidade cando estaba prevista, unha gran parte poderían terse evitado. Se consideramos o coche e o autobús como medios de transporte alternativos ao tren usados por estes viaxeiros, estariamos a falar de que o autobús emite 49 gramos de CO2 por quilómetro e pasaxeiro, isto é, algo máis de 29 quilos por pasaxeiro no traxecto Galicia-Madrid (fronte aos 14 do AVE); e o coche convencional emite 143 gramos por quilómetro e pasaxeiro, o que supón uns 85 quilos por pasaxeiro entre Galicia e Madrid, mentres que o coche eléctrico serían uns 25 quilos (novamente, fronte a 14).

Con estas estimacións na man podemos comprender un pouco mellor as consecuencias do atraso na chegada dos trens Avril a Galicia: non só era cuestión de acurtar tempos de viaxe, senón de reducir a contaminación e o impacto ambiental do transporte nun mundo no que o cambio climático xa é unha realidade innegable. Só por lanzar outro dato como referencia: un voo Madrid-Nova York (ida e volta) xera as mesmas emisións que un europeo promedio para quentar a súa casa durante todo un ano. Como dixemos, os datos que usamos son estimativos, extrapolando conclusións das bases de datos de organismos como o Instituto Nacional de Estatística e o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), polo que este nivel de contaminación aínda podería ser maior.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta