Por Galicia Confidencial | Arousa | 30/09/2015 | Actualizada ás 14:00
A problemática do lobo en Galicia é clara, unha especie querida e admirada pola maioría da sociedade, e odiada e perseguida por uns poucos. Unha especie que tras anos onde o seu futuro estivo seriamente comprometido, recuperouse e sempre estivo presente ata hoxe na nosa terra. Pero esta aparente estabilidade non é tal, unha persecución silenciosa e infame, ameaza novamente o seu futuro.
A Xunta leva anos facendo estudos para coñecer mellor á especie e para para garantir a viabilidade da poboación. Actualmente estase rematando a actualización do censo do lobo en Galicia, que sendo consecuentes por ter máis información acumulada dende o censo anterior debido aos estudos recentes, xunto coas zonas que agora se prospectaron completamente, debería ter coma resultado a localización dalgún grupo máis que hai 12 anos. Pero isto non diría que a poboación aumentase, podería ser todo o contrario, querería dicir que se localizaron máis grupos, que non é o mesmo que haxa máis.
Pero isto é a teoría sobre o “papel”, non é por desgraza co que nos atopamos os que co noso esforzo persoal, nos preocupamos e seguimos ao lobo, sendo coñecedores que a mortalidade ilegal é hoxe a maior ameaza para a especie.
Xa son varios os anos nos que presenciamos situacións tráxicas onde lobos e ata familias completas desaparecen por accións ilegais propiciadas pola propia administración. Zonas identificadas como lobagueiras (lugares de cría), zonas que debían estar estritamente protexidas, vólvense na época máis delicada do ano cos cachorros totalmente indefensos, en epicentros de batidas. Estas batidas autorízanse pola Xunta, ou dito doutro modo, son legais. Si, autorizan as batidas supostamente ao “xabarín”onde previamente teñen localizados aos lobos criando.
Recentemente fixemos público o caso dunha familia de lobos que foi acosada e expulsada do lugar de cría durante a celebración dunha destas batidas. Lobatos sendo arrastrados por cans, os pais fuxindo para salvar a vida tendo que deixar atrás aos seus fillos a mercé de cans e cazadores. Tamén vimos de facer pública unha foto dun lobato morto, despois dunha destas batidas, e exhibido coma un trofeo pendurado dunha sinal.
E isto é o que vimos denunciando nos derradeiros anos, cacerías encubertas ao lobo que teñen como consecuencia a desaparición de familias completas cada ano coa complicidade da Xunta. A administración a quen trasladamos a problemática reiteradamente, e quen ata hoxe deu hipocrisía e demagoxia coma resposta. Un goberno que nin está altura nin quere estalo. Políticos que compran os votos dos peores galegos, do máis baixo da sociedade, a cambio de permitir que se sigan matando lobos ilegalmente.
O lobo precisa unión entre os que loitamos pola súa conservación, políticos valentes que aposten por conservar o noso patrimonio e o apoio de toda a sociedade.
Sempre estarei contigo Amigo Lobo.
Miguel Mosquera é autor do blog de A Lobagueira. Secretario de ACOPO e socio de varias asociacións ecoloxistas sempre relacionado co lobo. Defensor do lobo dende hai máis de 10 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.