Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2024 | Actualizada ás 15:09
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, cualificou de "reorganización" o novo goberno da Xunta que este domingo deu a coñecer o presidente, Alfonso Rueda, e dixo que espera que tomen medidas "en beneficio da maioría da sociedade" e non en "contra dela". "Di o refraneiro popular: cambia as cousas para que todo siga igual", esgrimiu Rodil, á vez que sinalou que, "obviamente", hai cambios nas consellerías e nos nomes dos conselleiros. Con todo, o BNG cre que o "importante" nun goberno "non son" os nomes das áreas ou dos conselleiros, senón as decisións que toman, as políticas que van levar a cabo e se son en "beneficio" da "maioría da sociedade" ou, "como levamos vendo" nos últimos 15 anos, "irán en contra dela".
"Está por ver se este novo Executivo rectifica, por exemplo, en áreas tan sensibles e importantes como a sanidade e acaba con esa lista de espera que temos en Atención Primaria, unha lista como nunca houbo para ver ao noso médico de cabeceira, ou se rectifica e fai que 11.000 nenos que hoxe non teñen servizo de pediatría poidan ser atendidas por un médico especialista", criticou. En definitiva, continuou, está "no aire", "aínda por ver", cales son as políticas que tomará o Executivo galego "máis aló" dos cambios nos nomes das consellerías e dos conselleiros.
PSDEG
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Elena Espinosa asegurou que os socialistas non atopan "moitos elementos para o optimismo" no novo Goberno da Xunta anunciado por Alfonso Rueda este domingo e ve continuísmo dos "principais nomeamentos de Feijóo". Nunha valoración difundida aos medios, Espinosa desexou "toda a sorte do mundo" ao Executivo galego e reiterou a "colaboración desde a crítica construtiva e firme" do PSdeG.
Con todo, lamentou non atopar "moitos elementos para o optimismo" ao ver que "continúan os principais nomeamentos de Feijóo". "Reviven un tempo de pasado, un tempo de mal recordo", aseverou. Ademais, tamén reprochou que, "á marxe de que non hai grandes fichaxes" segue habendo "maioría de homes e continúan algúns conselleiros que deberían de estar cesados". "O que Rueda ten que cambiar realmente son as súas políticas. Nós estaremos vixiantes para que se blinden os servizos públicos e que Galicia deixe de estar á cola de España", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.