108 coches vendidos e 3.500 visitas no VI Car Outlet Ourense

A organización confirma o éxito deste foro sinalando como dato revelador que "o ratio de visita por venda de coche aumentou respecto a outros anos".

Por Galicia Confidencial | Ourense | 16/04/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Expourense vén de pechar as portas da sexta edición do Car Outlet Ourense con 108 coches vendidos e tendo recibido 3.500 visitas. Este salón organizado entre Expourense e a Asociación de Concesionarios Oficiais de Automóbiles de Ourense-ACAUTO está xa consolidada como una cita agardada polos expositores e tamén polos visitantes.

VI Car Outlet Ourense. Foto: Comunicación Expourense.
VI Car Outlet Ourense. Foto: Comunicación Expourense.

Esta sexta edición contou con 15 concesionarios oficiais que representaban a 23 marcas e ofrecían máis de 400 opcións. Ademais, o ratio de visita por venda de coche aumentou con respecto a outros anos, o que vén indicar o alto nivel de interese do público. Os visitantes deste salón acudiron durante estes tres días á feira con “clara intención de compra, cunha idea bastante clara do que viñan buscar e cun orzamento tope que se adapte ao que tiñan pensado investir”, explicaban dende a organización.

Aos 108 coches vendidos ao peche do foro haberá que engadir os que aínda se podan vender durante os próximos días a aqueles “indecisos” que, iniciados os contactos nestes días, aínda non deron por pechado o acordo final de compra. Neste senso dende ACAUTO explican que "esta cita serve moitas veces máis de toma de contacto que de venda directa e a transacción confírmase días despois”.

OUTRAS CITAS CON ACAUTO EN EXPOURENSE

Esta foi a primeira das tres citas que Expourense organiza con ACAUTO. Como é habitual, no mes de novembro celebrarase tamén o Salón del Automóbil Novo (15 ao 17 de novembro de 2024) e o Salón do Automóbil de Ocasión (22 ao 24 de novembro de 2024). Ambas as dúas citas celebrarán a súa 15ª edición.

VINDEIROSENCONTROS EN EXPOURENSE

Polo que respecta a actividade de Expourense, continúa este mesmo xoves 18 de abril coa celebración da segunda edición de Inspiro, un encontro sobre emprendemento entre o tecido produtivo e o ámbito educativo que o recinto organiza de forma conxunta coa empresa ourensá DixitalGou. A seguinte cita feiral será xa entre o 16 e o 18 de maio coa celebración da 12ª edición de Funergal, Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta