Defensa da Sanidade acusa á Xunta de querer "favorecer os negocios das multinacionais" co novo conselleiro

A plataforma ve no nomeamento de Antonio Gómez Caamaño unha aposta por "abandonar definitivamente á Atención Primaria e á Saúde Pública".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/04/2024 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa da Sanidade Pública criticou que o nomeamento do novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, "evidencia" que a Xunta "pretende favorecer, aínda máis, os negocios das empresas multinacionais afíns, en lugar da saúde da poboación".

Nunha nota de prensa, a plataforma lamentou que o novo titular de Sanidade chegue da Atención Hospitalaria e non da Atención Primaria, ademais de criticar que "ten fortes lazos e comparte intereses con laboratorios e empresas fabricantes de aparellos tecnolóxicos", especialmente, engadiu, "na área de cancro, foco prioritario de negocio de laboratorios e empresas de alta tecnoloxía sanitaria".

Así, considerou que, con este nomeamento, o Goberno de Alfonso Rueda aposta por "potenciar a estratexia baseada na reparación da enfermidade", en lugar de por "a promoción, prevención rehabilitación e traballo comunitario", así como por "abandonar definitivamente á Atención Primaria e á Saúde Pública". Do mesmo xeito, criticou que existe "un alto risco de que se dediquen fondos europeos tras a covid a realizar compras masivas de aparellos tecnolóxicos", en lugar de "destinalos á recuperación do sistema sanitario público".

Ante isto, a Asociación lanzou unha serie de propostas ao novo conselleiro que pasan por incrementar o persoal de Atención Primaria, abrir novos centros de saúde e PAC, reabrir as áreas sanitarias pechadas e mellorar a dotación dos hospitais comarcais, crear unha rede de saúde pública para mellorar a saúde da poboación e mellorar as condicións laborais do persoal de Atención Primaria.

Unha das manifestacións de SOS Sanidade Pública
Unha das manifestacións de SOS Sanidade Pública | Fonte: SOS Sanidade Pública

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta