E logo, Cristobal Colón tamén era galego? Descobre os principais indicios que sosteñen esta teoría

Falamos co escritor Rodrigo Costoya, autor de "Portosanto", unha novela histórica que defende as orixes galegas do navegante.

Por Amanda Fernández | Lugo | 26/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O nome de Cristobal Colón é coñecido en todo o mundo por ser quen en 1492 certificou o descubrimento de América. Cartógrafo, mariñeiro, almirante,... pero quen foi realmente? De onde é? "Non hai un consenso científico sobre a identidade de Colón, é un caso moi peculiar na historia dunha persoa tan coñecida. A única explicación posible é que o propio personaxe se encargou de borrar todo tipo de pegadas", afirma Rodrigo Costoya, escritor da novela "Portosanto", que defende as orixes galegas de Cristobal Colón. Nesta reportaxe fará un repaso polos indicios que sosteñen a teoría galega fronte á máis coñecida que sería a de Xénova, que expón que foi un comerciante de familia de tecedores. Sobre isto, o escritor afirma que "a teoría xenovesa tivo moita forza durante moito tempo porque era a única", pero "sen ningún tipo de fundamento". 

O escudo nobiliario da Heráldica de Colón
O escudo nobiliario da Heráldica de Colón

A teoría galega nace fai 135 anos cando un investigador de Pontevedra, Celso García de la Riega, descobre algo que o descoloca, mentres facía un estudo para a efeméride do cuarto centenario da chegada de Colón a América, aló polo 1892. Rodrigo apunta a que entre os historiadores, existe un consenso nesa cuestión, "hai unha incógnita". Destaca que, como fundamento en si, tampouco teñen ningunha das outras teorías a nivel científico. A teoría galega segue collendo moitísima forza porque os indicios nos que se fundamenta "son potentísimos, moito máis potentes ca ningunha outra". Desta maneira, foi acumulando un maior número de probas, tanto que agora si que hai en marcha investigacións, a cargo de universidades de moitísimo prestixio, de varios países distintos, que están afondando na cuestión científica, en torno a esta teoría de orixes galegas. 

Pero, que descobre o historiador, Celso García de la Riega? "Que hai unha tradición oral da contorna de Pontevedra, onde a xente di que o descubridor naceu por alí, en concreto nunha casa que se atopa nunha aldea chamada Portosanto. Hoxe en día pertence ao concello de Poio, pero nesa época, fai case seis séculos, era unha aldea que pertencía a Pontevedra. Pois a este home dinlle que o descubridor das Américas naceu nesa casa e aló labrado en pedra nun cruceiro, chámanlle a Casa da Cruz, aparece esculpido o nome de Colón. "Ese cruceiro foi levantado á memoria dun tal Juan de Colón", comenta Rodrigo. Como segundo indicio potente da teoría está que Pontevedra no século XV é o único lugar do mundo onde existe o apelido Colón, como tal. En contraposición, na teoría xenovesa, identificaran a un tal "Cristoforo Colombo", pero Rodrigo afirma que o "almirante nunca foi Colombo". Na época, latinizábanse os nomes. Así, o segundo indicio é que se pode ver na Basílica de Santa María onde hai unha capela, entrando xusto á dereita, labrado en pedra tamén o nome dun tal Colón, que supostamente pagou á construción desa capela.

O terceiro indicio é o que acaba con todo tipo de reticencias e "que deixa á xente coa boca aberta". O escritor sinala: "Todos os nomes que Cristobal Colón vai adxudicando ás terras descubertas aló, máis aló do oceano Atlántico, corresponden con accidentes xeográficos das rías galegas, todos eles sen excepción". Así, a día de hoxe hai identificados máis de 225 topónimos da costa galega que Cristobal Colón adxudicou a accidentes xeográficos que ía atopando en tempos do descubrimento. Era o único que tiña a potestade de nomear lugares como almirante, ningúen máis podía dicir "a esta illa voulle chamar como a miña nai". Cando chega aló comeza a identificar lugares para cartografar e demáis. Viaxaba con el, Juan de la Cosa, a súa man dereita, propietario da Nao sobre a que navegaban. "É un nome castelanizado de Xoán 'O da coxa'. A propia Nao Santa María, foi nomeada en inicio 'La Gallega', era o nome co que era coñecida en todos os portos polos que navegaba a embarcación", expón Rodrigo. Ata este punto, a teoría galega da orixe de Colón nacía sobre estes tres piares e "foi evolucionando". 

ASÍ EVOLUCIONOU A TEORÍA 

Rodrigo Costoya continúa expoñendo a teoría galega. En torno ao 1890, dise que Colón tivo que ser un nobre español, "nobre por motivos obvios, por casar cunha curmá do rei de Portugal", antes do descubrimento, "isto non o pode facer un comerciante de Xénova". Moitos anos despois, aparece outro investigador, Alfonso Philippot, xa no 1970, este señor proponse averiguar: "era galego? Vale, era nobre? Vale, pero quen era?". Empeza a súa investigación na Heráldica de Colón, onde se pode apreciar no seu escudo nobiliario, as armas de Castela, as armas de León, unhas illas que son as que descobre, e cinco áncoras no último cadrante. "Unha persoa só podía ter unha áncora no seu escudo por cada almirante que houbo na súa familia, incluíndo a súa propia. Houbo catro almirantes antes que el na súa familia, sería el a quinta áncora", explica. Tirando dese fío, había que saber que familia nobre galega podía ter tido catro almirantes antes de Cristobal Colón. Parece que só hai unha familia que cómpre este requisito, a familia de Soutomaior. 

Firma de Colón mencionada
Firma de Colón mencionada | Fonte: Celso García de la Riega Wordpress

Os Soutomaior foron os grandes nobres galegos durante séculos, a familia máis poderosa, reinaban sobre a metade de Galicia e parte de Portugal. Unha vez se delimita que tivo que pertencer á linaxe dos Soutomaior, quen foi en concreto? Xa que a eses señores si que se lles coñece. Alfonso Philippot, debido a numerosos indicios, acaba por concluír que un dos maiores nobres da casa de Soutomaior, o máis coñecido, Pedro Madruga ou Pedro Álvarez de Soutomaior, morre en circunstancias moi escuras, xusto antes de que apareza esa figura, da nada, inmensa de Cristobal Colón. En 1486, falece Pedro Madruga, na casa do seu mellor amigo o duque de Alba, en presenza "curiosamente" dos reis Católicos, os seus grandes inimigos xa que "el tomara partido por Xoana, mal chamada A Beltranexa, na Guerra de Sucesión, despois da morte de Enrique IV". Costoya neste punto do relata apunta a que parece ser que nun momento, unha das partes lle propón a outra un pacto de non agresión, Pedro Madruga faise pasar por morto como saída máis doada, pero a cambio vai ser nomeado cunha identidade ficticia almirante de Castela e van patrocinar unha expedición, "que se fracasa e morre, o problema acabouse". Pero se triunfa e descobre o que di que vai descubrir, os Reis Católicos tamén pasan a ser máis poderosos, como así foi, pese a que Colón non ía a América, non sabía que existía, dirixíase ás illas Molucas, que están en Indonesia a día de hoxe. 

Nesas circunstancias, Pedro Madruga morre en 1486 e xusto aí e onde aparece curiosamente a figura de Cristobal Colón. E a partir de aí, se montan as capitulacións de Santa Fé, se monta a expedición e "o resto é historia, en 1492, sae para descubrir América". Alfonso Philippot descobre que os mesmos amigos que tiña Pedro Madruga antes de morrer eran os grandes aliados de Colón na corte dos Reis Católicos, que os inimigos aférrimos que tiña antes de morrer, son tamén os inimigos dos que segue tendo tamén a nobreza galega e castelá. E descobre unha serie de indicios e chega ata a súa sinatura. A sinatura de Colón "é rarísima e un caso insólito tamén na historia", abaixo pon "XPO Ferens", entidade encriptada deliberadamente. Cristobal Colón encripta o seu auténtico nome "XPO é Cristobal Pedro, Fer-Ens é Fernández Eanes, que é o seu nome, o nome digamos do fillo de Fernán Eanes, conde de Soutomaior. O que hai enriba na sinatura é unha árbore xenealóxica, onde están as iniciais dos seus bisavós, dos seus avós e do seu pai. 

UNHA INVESTIGACIÓN QUE CHEGA ATA A ACTUALIDADE 

Con todo isto sobre a mesa, Rodrigo recoñece que a partir de aí comezan a descubrirse moitas cousas máis. Incluso desde que Philippot deixa de investigar, que morreu fai un par de anos, hai máis historiadores, universidades, teses de doutoramento,.. Aparecen documentos, como por exemplo "que a familia de Colón tiña unha finca en Portosanto, vila de Pontevedra, unha finca que venden a finais do século XVIII. Por que unha familia de Xénova ía ter unha finca en Portosanto? "Esa acta de compraventa existe e está localizada". De igual modo, descubren os investigadores que Colón cando morre en 1506, en Valladolid, é enterrado nunha capela onde estaba enterrado o pai de Pedro Madruga, nada menos. Empeza haber tal cantidade de indicios, que "se contaban máis de 100 indicios". Despois faise unha peritaxe caligráfica para analizar os textos escritos por Colón con textos escritos, non hai tantos, por Pedro Madruga. "Conclúe, con todo tipo de validez científica, con máis dun 90% de propabilidade que eses escritos foron redactados pola mesma persoa en diferentes momentos da súa vida", destaca A análise da linguaxe utilizada por Colón, non emprega xiros italinos, senón un castelán antigo, da época e sobre todo na corte de Castela, "con máis de 500 xiros galego-portugueses".

A investigación é moi longa é complexa porque se están tomando mostras en diferentes países para que teña todo tipo de validez científica. Investigadores buscan ADN que poida ser restos do descubridor. "Os restos de Colón están identificados, xa se identificou o ADN dos restos que hai na Catedral de Sevilla. Eses restos son os que hai que cotexar con restos da familia de Soutomaior", afirma. Costoya estivo hai máis dun ano na exhumación dos restos en Vilaxoán. Trátase dun estudo da Universidade de Granada, no que participan universidades de varios países, do máis altísimo nivel científico, con todo tipo de garantías. "Ao ter que cotexar moitas mostras de moitas exhumacións e de moitos países distintos, o estudo non é tan rápido. Proximamente saberemos todo en detalle", conclúe. Chegados ata este punto, só queda confirmar que Colón tamén era galego, un galego que descubriu América. Soa ben, verdade? 

Rodrigo Costoya coa súa novela 'Portosanto'
Rodrigo Costoya coa súa novela 'Portosanto' | Fonte: Todoliteratura (Youtube)
Cristobal Colón
Cristobal Colón | Fonte: Xataka
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta