Abre completamente a ponte de Pedre tras o fatal accidente de bus na Noiteboa de 2022

Ese día perderon a vida sete pasaxeiros logo da caída do autobús no que viaxaban ao río.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2024 | Actualizada ás 10:08

Comparte esta noticia

A ponte da N-541 en Pedre, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, recuperou o xoves os seus dous carrís tras unha profunda reforma emprendida tras o accidente de autobús con sete falecidos ocorrido na Noiteboa de 2022.

Segundo informa a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, retiráronse xa os dous semáforos de regulación e a sinalización para pór a disposición toda a estrada. O Estado investiu nesta mellora, acometida tras o sinistro do autobús que ía desde Lugo a Vigo, algo máis de 1,1 millóns de euros. Os traballos incluíron o reforzo de elementos de contención, a mellora dos pasos peoniles laterais, a ampliación do ancho da ponte, a impermeabilización das xuntas de dilatación e a renovación do firme.

O subdelegado do Goberno, Abel Losada, transmite unha mensaxe de "solidariedade e recordo" para as familias dos sete pasaxeiros que perderon a vida naquel accidente ocorrido nunha Noiteboa que tivo unhas condicións meteorolóxicas adversas.

Á súa vez, Losada agradeceu o labor das forzas e corpos de seguridade e do persoal de emerxencias que participaron no operativo de rescate, así como á anterior subdelegada, Maica Larriba, e ao exsubdelegado do Goberno en Galicia, José Miñones, polo seu "impulso decidido" a estas obras.

Un equipo especializado da Garda Civil participa na reconstrución do accidente do autobús sinistrado no río Lérez, a 28 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade
Un equipo especializado da Garda Civil participa na reconstrución do accidente do autobús sinistrado no río Lérez, a 28 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade | Fonte: Gustavo de la Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta