Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 25/05/2024 | Actualizada ás 20:35
Falar de verán en Galicia é sinónimo de falar de verbena. Pero falar de verbena en Galicia tamén é sinónimo de falar de Canarias, pois son moitas as formacións das illas afortunadas que actúan cada verán na nosa terra e que fan as delicias do público galego. Furia Joven é unha delas, unha orquestra que dende que no ano 2017 aterrizara na verbena galega non parou de medrar cada ano, tendo agora case todas as datas de xuño a setembro cubertas. Caracterízase polos ritmos latinos, do merengue á cumbia pasando pola bachata, e hoxe, o Galicia Confidencial fala co seu director, Josué (con máis de 20 anos de traxectoria nas orquestras galegas que pasou por formacións como Philadelphia e Los Españoles), que nos revela unha nova fichaxe para as súas filas: o arxentino Yery, un artista de renome na súa terra natal que promete moito.
Josué cóntanos como Furia Joven partiu "dun pequeno grupo con catro cantantes e un teclista aló polo ano 2002". No ano 2017, e tendo en conta a bagaxe de Josué no mundo da orquestra en Galicia, "decidín crear Furia Joven como orquestra en vivo e en directo, cun staff de 22 persoas agora mesmo, e levala non só por Canarias, senón tamén dar o salto a Galicia". Dende ese 2017 fixeron xa catro xiras (co parón da pandemia no medio) e van a pola quinta, á que chegan "con moitas ganas e un importante salto de calidade", así como con novas incorporacións. Especialmente destaca a de Yery, "un talento impresionante". Tamén se incorpora á formación un saxofonista que tocou coa élite da élite en Santo Domingo, con artistas como Los Hermanos Rosario ou Sergio Vargas.
ESPECIALISTAS EN 'LATINEO': CUMBIA, BACHATA E, SOBRE TODO, MERENGUE
O estilo desta orquestra, para os que aínda non tivesen a sorte de vela en directo, baséase fundamentalmente na música e os ritmos tropicais, o que aquí en Galicia coñecemos como 'latineo': cumbia, bachata e a súa especialidade, o merengue. "Fai dous años fíxose unha enquisa e saímos elixidos como unha das mellores orquestras merengueiras de Europa", conta Josúe. Ademais de versionar cancións exitosas que o rompen cada ano, Furia Joven tamén se caracteriza por sacar temas propios: "Temos unha discografía impresionante, contamos xa con máis de sete discos e varios 'singles'". Entre eles, destaca o tema 'Se te pega', que, vala a redundancia, pegouse bastante no 2022. "Traballamos moito en temas de autoría propia porque nos gusta darlle ao público música de colleita propia", asegura Josué.
E a pesares de que se chaman Furia Joven, o director da orquestra fai un chamamento a non deixarse guiar só polo nome, pois "sempre tivemos clara unha cousa: ás festas a xente nova vai desfrutar e pasalo ben, pero unha gran parte da economía para facer a festa posible (contribucións ás comisións de festas) sae da xente máis veterana, que tamén ten dereito a desfrutar". É por iso que "aínda que temos repertorio para xente nova, tamén para a xente maior, queremos que o pasen ben, polo que fixemos un compendio das dúas cousas". Para preparar todo o repertorio, como traballan ao longo de todo o ano, "pasamos dous meses ensaiando practicamente cada dous ou tres días", porque "a nosa filosofía é ir mudando constantemente o repertorio, que cando cheguemos outro ano a Galicia e se levante o telón a xente vexa algo diferente ao do ano pasado e os nosos seguidores non se aburran".
"HISTÓRICAMENTE A PROVINCIA DE PONTEVEDRA ERA MÁIS REACIA Á MÚSICA TROPICAL E AGORA TEMOS MOITÍSIMAS DATAS NELA"
O crecemento desta orquestra nos últimos anos foi espectacular. Josué aínda lembra cando chegaron o primeiro ano a Galicia, con 19 galas na axenda, "fomos subindo e subindo e puxémonos nunhas 60 galas en dous meses e medio na actualidade, unha evolución bastante importante". E onde notaron un maior cremento? Pois o director de Furia Joven asegura que "algo que nos ten sorprendidos é que historicamente a provincia de Pontevedra sempre era un pouco máis reacia ao tema latino, á música tropical, pero nos últimos anos entramos moi forte e traballamos moitísimo xa o ano pasado en toda a provincia e temos moitas datas tamén para este ano". "Ao final estamos traballando en todas as provincias e iso tenos moi contentos", asegura, lembrando que "houbo un tempo no que as orquestras canarias que había en Galicia tiñan o 90 % do seu traballo concentrado na provincia da Coruña".
A orquestra actual xa non é solo música e baile, tamén é espectáculo, polo que a inversión que se fai nos escenarios tamén é moi grande. O de Furia Joven, este ano, chega renovado: "invertimos bastante en pantallas e traemos un escenario un pouquiño máis grande que o do ano pasado". "Se eu me poño a mirar os vídeos do ano 2018, cando só tiñamos tres pantallas no centro, síntome moi orgulloso do que logramos hoxe en día, con moito esforzo e traballo", confesa Josué, que asegura que non é nada sinxelo traer unha orquestra dende Canarias a Galicia, cruzando o Atlántico: "Hai que recoñecer que unha orquestra que xa estea afincada en Galicia teno máis fácil, nós temos que desprazar a 23 persoas, pois somos 16 xa só enriba do escenario, tres furgonetas, o tráiler... os custes son bastante importantes".
O RETO DE CADA ANO: CONSEGUIR VIVENDA PARA 22 PERSOAS DURANTE 3 MESES
Ademais, confesa que a eles tamén lles afecta moito un problema xeralizado a nivel español: os prezos do aluguer. Furia Joven pasa en Galicia do 15 de xuño ao 15 de setembro e os seus artistas teñen que vivir na comunidade durante ese período. Josué asegura que "ás veces complícasenos bastante a cousa, imaxina o complicado que é conseguir vivenda para 20 ou 22 persoas por un período tan curto de tempo, é unha auténtica fazaña". El é precisamente o que se encarga de xestionar o tema dos pisos e asegura que "case é tarefa imposible (cada ano que pasa máis) conseguir uns 7 ou 8 pisos na Coruña para albergar a esa cantidade de persoas". Por sorte, considera que "sempre temos esa man aí que non sei de onde sae pero coa que logramos sacar as cousas adiante".
"EN GALICIA A XENTE DANOS TANTO CARIÑO QUE A MIN SE AGORA ME FALTA UN VERÁN EN GALICIA FÁLTAME O OSÍXENO"
Sobre o futuro da verbena, Josué confesa que a pesares de que é un mundo moi bonito, "é moi difícil atopar xente que queira adicarse aos medios técnicos, porque a xente busca unha estabilidade na súa vida e hai que recoñecer que a música, lamentablemente, non lla dá, non lle permite desfrutar da familia, vivir cos fillos...". No caso de Furia Joven, "temos a sorte de que levamos tres anos co mesmo equipo técnico e estamos moi contentos, o cal tamén é importante, porque a moitas orquestas sei que lles está custando organizarse, sobre todo nesa parte técnica, que é fundamental".
Con todo, e aínda que Josué ve a diario esas preocupacións dos novos artistas que se incorporan ás filas da orquestra, sempre lles di o mesmo: "Señores, vostedes veñen agora coa pena de deixar á familia atrás, pero cando vaian regresar con eles van marchar de Galicia chorando". E é que a el xa lle pasou moitas veces: "En Galicia a xente trátanos tan ben e danos tanto cariño que a min agora se me falta un verán en Galicia é como se me faltase o osíxeno". "Somos moi ben acollidos polo público galego e iso hai que agradecelo moito, son a nosa casa", conclúe Josué.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.