Un de cada tres galegos ten problemas de drogadicción, sendo a cocaína e o cannabis as substancias máis consumidas

A Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Aclad) incide no aumento de xente nova nos seus programas de tratamento.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/05/2024 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

Unha de cada tres persoas en Galicia ten problemas de drogadicción, segundo expuxo a presidenta da Asociación Cidadá de Loita contra a Droga (Aclad) na Coruña, Rosa Barreiro. Fíxoo na presentación do informe sobre a actividade desenvolvida por Aclad en 2023 nunha comparecencia ante os medios de comunicación na que se puxo de manifesto tamén a presenza de xente máis nova nos seus programas, en particular de 18 a 25 anos, e dun maior número de trastornos mentais graves polo consumo de drogas. Aumenta ademais a presenza de mulleres, cunha maior porcentaxe de consultas por cocaína e cannabis, aínda que con presenza tamén de heroína.

Usuarios de Aclad
Usuarios de Aclad | Fonte: ACLAD - Arquivo

"Galicia é unha zona onde máis se consome", expuxo a presidenta de Aclad, quen alertou da existencia dun consumo de haxix "normalizado en mozos". En canto ao perfil dos usuarios, Barreiro destacou que nos últimos anos "cambiou moitísimo". "Antes era un extracto social distinto, nivel económico baixo e con menos estudos que entraban por heroína, agora é transversal e afecta a todo ámbito social e a familias estruturadas". Respecto da solicitude de tratamento, Mayte Lage López, psicóloga clínica, responsable da Unidade de Día e da área de Psicoloxía Clínica de Aclad Coruña, indicou que cada ano se produce un "incremento progresivo" de novos usuarios. "Esta cifra ten unha dobre lectura e é que a xente agora pide axuda", aclarou.

PROGRAMAS

Aclad, con 36 traballadores e un ámbito de actuación no norte de Galicia, ofreceu en 2023 20.420 consultas presenciais na súa unidade asistencial, cun 76 % de homes e un 24 % de mulleres. "O 98% son maiores de idade", precisou Tania Rodríguez, psiquiatra e responsable da área de Psiquiatría de Aclad A Coruña. "Cocaína e cannabis son as sustancias que máis se consomen", concretou. "Os tropezos non son un fracaso, hai que seguir", sentenciou a presidenta de Aclad, entidade que desenvolve distintos programas como o de intercambio de xiringas (PIJ) e sexo máis seguro, o de mantemento con derivados opiáceos ou de administración de antipsicóticos inxectables de longa duración (APLD).

Respecto da Comunidade Terapéutica Xullo Portela, Ana González López, psicóloga clínica e responsable desta unidade, recalcou que os usuarios son "fundamentalmente homes entre 30 e 50 anos". O seu consumo "principal" é a cocaína e presentan ademais "trastornos relacionados con patoloxías mentais e problemas sociais", segundo puntualizou. Estas expertas coincidiron en que "a drogadicción non afecta soamente os enfermos", de aí a relevancia de "tratar tamén ao grupo de familiares" e en que as campañas de prevención son "algo básico e fundamental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta