Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 31/05/2024 | Actualizada ás 20:45
Actualmente Víctor Manuel Oujo defínese como "asesor de imaxe", aínda que polo seu perfil nas redes sociais tamén o poderiamos catalogar de "influencer de moda", aínda que vén de ser "percebeiro". A súa vida deu un xiro absoluto cando decidiu deixar todo para estudar asesoría de imaxe e dedicarse á moda. "Desde neno sempre me gustou a moda, nunca lle din moita importancia e deixeino aí. Fun medrando e púxenme a traballar na empresa familiar en Aguiño, nos percebes co meu pai e o meu tío", conta, porén destaca que cando tes un soño gardado, sempre estará aí e dixo "vou a por el". Xa cando traballaba no mar lle dicían cousas como "como vas ser ti percebeiro con ese estilazo que tes" ou "por aquí ninguén viste desta maneira".
Isto animouno e cun pouco de valentís comezou a estudar asesoría de imaxe. Ante isto, decidiu crear unha conta nas redes sociais fará tres meses porque "neste mundo da moda tes que ter unha imaxe". Así se deu a coñecer co fin de prosperar neste ámbito e comezou a subir vídeos nos que ensinaba os seus estilismos. "A miña sorpresa foi que levo tres meses e a acollida foi enorme, á xente encántalle como falo, como transmito, como visto, o meu estilo e aquí estou flipando aínda", recoñece i é que xa supera os 8.700 seguidores en Instagram e tamén sube o mesmo contido en Tik Tok.
"HAI XENTE QUE ME SIGUE Á QUE NON LLE GUSTA A MODA"
Víctor confesa que a maioría do seu público é feminino, que supoñen un 70% do total e maiormente de Galicia. "Hai moitísima xente que non fala galego e que tampouco é de aquí e que me escribe para dicirme que está aprendendo galego comigo, que é xenial o que fago, que lle gusta o meu estilo e que son divertido", comenta. Os seus vídeos soen comezar cun "Que pasa chavales?" e fainos en galego con subtitulado en castelán para que "todo o mundo poida entender e así chegar a esta xente". Curiosamente, di que entre a súa comunidade hai a quen non lle gusta a moda e que iso lle impresionou: "Debe ser que gusta como falo ou o meu estilo e recoñecen que lles gustaría subir así contido, pero que non o fan por ese estigma ou medo ao que dirán". Na súa personalidade destaca a naturalidade e normalidade á hora de vestirse, máis aló da opinión externa: "Se che gusta algo, proba, se estás cómodo e te sentes ben, adiante, pono. Que máis da o que pensen ou non os demáis".
Recoñece que lle sorprendeu a acollida porque non agardaba que fose tan rápido: "Levo tres meses e foi unha loucura". A min soen dicirme que caio ben, que me relaciono con todo o mundo e non teño medo ou vergoña, pero a esta magnitude? É impensable". Agora mesmo quere centrarse moito nas redes sociais, en actualizarse e investigar sobre todo o relacionado coa moda. O seu soño a curto plazo é traballar de imaxe persoal e pensa que está nese camiño. Axudaría á xente a ter ese estilo de vestir que busca e a ensinar que se pode vestir de calquera maneira, sen pensar no que dirán. "O máis importante é estar ben cun mesmo, unha vez te atopas ben, podes facer marabillas", destaca.
"POLO MEU ESTILO SOE GUSTARME MÁIS A ROPA DA SECCIÓN DE MULLERES"
Declárase fan das saias e os sombreiros, tales como a boina. Nos seus vídeos ten probado saias ou incluso vestidos, xa que recoñece que lle gusta máis a roupa que hai "na sección de mulleres". Para Víctor é primordial facer fincapé en que a moda non ten xénero e que é natural levar aquilo co que te sentes cómodo. "É certo que hai roupa cunhas características que poden sentar mellor ao corpo dunha muller, pero non hai limitacións, o que digan, que falen mal, é algo que co que cada un ten que loitar e facer que non lles importe", comenta.
E que se levará nesta tempada? Apostaría polo liño como un acerto de sempre, ten claro que lle gustaría que houbese máis sombreiros porque lle encantan e que en festivais, todo o que sexa extravagante, benvido sexa. "Avogo porque os homes tamén se atrevan coa maquillaxe, os brillos e xogar co pelo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.