Antón Cortizas e os xogos populares: "A rúa deixa de ser das crianzas que abandonan moitos sentidos polas pantallas"

O escritor de Tastarabás e Chirlosmirlos, recolle xogos populares e contribúe a divulgalos e poñer en valor a cultura lúdica.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 17/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Este afán meu vén de xogar de neno, de pasar tempo libre na rúa xogando con outras crianzas neste barrio de Ferrol, onde aínda vivo", afirma Antón Cortizas, foi docente e escritor de dous libros Tastarabás e Chirlosmirlos, onde recolle xogos populares e contribúe a divulgalos. "Pola miña inquedanza e afección á escrita, comecei a describir os xogos tradicionais aos que xogaba de neno", conta. Precisamente, esta colección de datos permitiulle ter outra oportunidade para divulgar, a través da radio Fene. Tivo un programa dedicado a explicar como eran eses xogos, aló polos 80 cando era mestre en Mugardos: "Sempre me gustou transmitir unha parte da nosa cultura que é a cultura lúdica"

O xogo da ra
O xogo da ra

Destaca que os xogos tradicionais teñen moitos valores e que a realidade actual das crianzas neste sentido non pasa polo mellor momento. "Deberiamos estar preocupados de que os cativos e cativas hoxe en día non xoguen como debe ser aos xogos tradicionais", considera. Xa que é fundamental da cultura o que se adquire desde a crianza. Antón fixo un artigo que denominou como "xogar a ser", é dicir "xogando aprendemos a existir, a convivir unhas persoas con outras, organizar o noso propio organismo, o noso propio corpo físico..."

O VALOR DE CADA XOGO POPULAR

A continuación exporá diferentes xogos e as súas funcións. Comeza por describir aqueles que permiten "saber estar no grupo ao que pertencemos". Por exemplo, o xogo coñecido en galego como As agochadas ou Tulé na zona de Ferrol: "Unha persoa fai de nai e dirixe o xogo, elixida de forma aleatoria ou esporádica. Comeza a contar, esa persoa que agacha, "o pandote", ao que lle toca realizar o papel máis central que é o de contar mentres outras persoas se agochan en determinados lugares das rúas ou no sitio onde se está brincando. A clave é, de forma libre e espontánea, saber estar na actuación, realmente están facendo "algo de teatro". Así, chegar ao sitio da nai, onde se pode librar, se o que está de pandote non é quen de descubrilo antes. Vánse facendo xogos ata que o último que é descuberto pola nai, será a nova persoa que agachará no seguinte xogo".

Este xogo ten moitas variedades e unha delas recolleuna Antón do seu alumnado de Mugardos, á que lle chamaban Faime un sitio: "O xogo faise ao revés, no canto de que pande unha persoa, pandan todas menos unha que é a que se agocha. Esa persoa é a que hai que descubrir entre todos, semella moi sinxelo, pero o curioso é que cando unha persoa dos seis que buscan a esa outra agochada descobre ao agochado non di onde está nin o descobre aos demáis, senón que se agocha con el". Desta maneira, hai un cambio de roles, xa non estás facendo o papel de antes, senón que pasas a ser o papel do outro. Reflexiona: "Se isto o pensaramos de adulto, por exemplo, cando se organiza unha guerra haberíamos de pensalo ben antes". O xogo acabará cando quede un de último que fará o papel de quen se teña que agochar na seguinte quenda. Aquí aparece un dos valores do xogo tradicional, o reflexo coa sociedade e os roles que imperan.

Da portada de Chirlosmirlos
Da portada de Chirlosmirlos

Conta Cortizas que xa trataba isto tamén o Frei Martin Sarmiento, nas súas viaxes por Galicia cando foi anotando todo o que lle chamaba a atención, como ao que xogaban as crianzas: "Descubriu un xogo ao tamén eu xogaba moito de crianza, que é o Xogo do verdugo, el chamáballe Sanaria, xogo tamén de cambiar de roles. Pensar que hoxe estás facendo un papel, que despois non vas facer e, polo tanto, o teu comportamento mentres que estás facendo ten que estar adecuado". 

A RAPAZADA TEN QUE TER UN LUGAR NA RÚA

Reivindica, volvendo ao tempo presente, que a rapazada ten que ter un lugar de actuación, un espazo na rúa: "Onde antes nun pequeno recinto había bastantes crianzas, hoxe hai moitas menos". Todos os xogos populares son, considera, apetecibles a día de hoxe porque cada un ten o seu aquel. Menciona xogos que serven para desenvolver a solidariedade. O Xogo das lombas, que consiste en saltar un por riba do outro, ir saltando apoiando brazos por riba do lombo do pandote. Desta maneira, se xogan crianzas de idades diversas, por tamaño e altura, se lle toca poñer a lomba a un que é moi alto, aos máis pequenos custaríalles moito traballo. Deste xogo había unha circunstancia particular que era que cando alguén saltaba,se era máis baixo e tiña que saltar unha lomba alta, podía pedir lomba baixa e o outro tiña que dobrar xeonllos e baixar un pouquiño a altura. "Isto é unha demostración de solidariedade absoluta", expón.

Cita os Xogos das quedas, no que hai que correr un detrás de outro; o Xogo da Torre en Garda, que é equilibrio e control corporal, no que se cantaba unha canción, dous facían de torre e outros ían derrubar a torre e tiñan que soportar os empurros do outro. Continúa co Xogo da chapa ou truco ou mariola ou peletre, xogo iniciativo que se debuxa no chan unha serie de casas de varias formas, no que cunha pedra ou chapa de pedra vaise saltando e co pé de casa en casa seguindo un proceso que ten un reflexo bastante fácil de entender co xogo do parchís. Así, un comeza nun lugar e tes que chegar ao final pasando por bastantes contratempos. "Xogo iniciático do que é a vida, afortunadamente aínda se ve alguén xogando, pero xa tampouco con tanta variedade, hai moitas diferentes da chapa, contabilicei ata 40", apunta.

Outro xogo, por exemplo, o que Se movan as figuras ou Zapatiño quieto é, xogos nos que se trata chegar dun lado a outro e sen que te vexan mover, quen fai de pandote ten un refrán: Un, dos, tres, zapatiño quieto é. Dáse a volta e se ve que algúen se achega e está en movemento xa lle manda volver para atrás. Xogo interesante para o control do movemento e da inquedanza corporal ao mesmo tempo. Como son os xogos de coordinación, de lanzamento, xogos de espetar, como o Xogo dos Birlos, aínda se practica en varios partes do país. O Xogo da Chave, que hai tres "chaves orixinarias nosas distintas: chave de Compostela, Ferrolterra ou chave de aspas do sur de Galicia, que tiran en horizontal no canto de vertical". 

Os xogos de psicomotricidade co manexo dos dedos das mans, como son o Xogo das bólas ou das canicas, que consiste en afinar ben co golpe dado co dedo á bóla e facer que vaia ao sitio concreto a onde ten que ir e dar con outra bóla sen pasarse e sen caer noutros sitios. Menciona neste punto eses xogos que se fan coas crianzas máis pequenas cando comezamos a fabricar ligazóns afectivos con eles: "O mítico de facer cos dedos das mans dicindo este é o máis meniño, este é o seu veciño, este pai de todos, furabolos, matapiollos...". Antón podería seguir mencionando máis e máis xogos así como as súas funcións, tal e como recolle nos seus libros, indica que tamén os hai de control da respiración, nos que a música e a poesía están moi presentes,...

FOMENTAR QUE SE XOGUE NAS ESCOLAS 

E como trasladamos todos este xogos á xeración actual dos máis cativos? "Aí está o difícil claro porque hai outro valor interesante do xogo tradicional que é a liberdade. Os cativos e cativas de antes xogabamos ao que nos daba a gana, no momento en que queriamos, cando tiñamos tempo libre, claro. Hoxe penso eu que non é posible, a transmisión lúdica está cortada". Unha solución, e a que considera máis valiosa e que xa se practicou e obtivéronse bos resultados, é a través da escola. O xogo tradicional ten que partir da infancia e hoxe en día é nos colexios onde pasan a maior parte do tempo e onde poden reunirse entre eles. "Xa hai algunha escola que practican con éxito por xente que ten esta idea de divulgación, ao que chamamos Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego. Como se fora unha materia entre aspas, todos os días, facer unha especie de ludoteca para a divulgación e ordenación do material necesario e que se vaian ensinando os xogos uns a outros".

Da súa experiencia, Antón amósase preocupado cando nalgunha ocasión ten estado nunha aula e ve que a rapazada dunha idade xa non pequena ten dificultades "para atar unha corda ou dobrar un papel en determinada dirección". Lamenta así, que a rúa deixou de ser das crianzas, que abandonaron moitos sentidos en detrimento das pantallas. "Penso que as hai que empregar só como unha ferramenta en determinados momentos e o resto de sentidos empregalos durante o resto o día".

Non quere deixar de destacar que na tradición lúdica galega tamén está o valor da lingua. A súa experiencia de neno foi escoitar esas cancións dos xogos en castelán na súa zona de Ferrol, pero hai posibilidades para todos os xogos en galego. "O idioma é moi importante e máis na transmisión infantil. Non somos nin máis nin menos ca outros, os xogos son iguais en todo o mundo, vaias a onde vaias vas atopar rapaces xogando ao que xogabas ti de forma semellante, idéntica ou con variantes, porque é tradición e na variedade está a riqueza". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta