Temas: CULTURGAL

Arranca o Culturgal máis completo

O Pazo da Cultura de Pontevedra xa acolle a gran cita anual da cultura galega. Estará en marcha os días 4, 5 e 6 de decembro. Milleiros de persoas pasarán esta fin de semana polo Culturgal 2015, nunha edición que conta con 81 entidades expositoras -esgotaron o espazo dispoñíbel.- e máis de 120 actividades. Programa completo e mapa dos stands no interior.

Por GC Tendencias | Pontevedra | 04/12/2015 | Actualizada ás 13:41

Comparte esta noticia

Música, teatro, arte contemporánea, libros, espectáculos infantiles, cine, programación profesional e moita festa nunha edición, a oitava, cuxo lema é “Presume de Culturgal”.

Aínda que o público tamén está a converterse nun patrocinador importante do Culturgal, xa que desde 2014 a Feira ten entrada de pago. A prezos populares, iso si. Para o presidente de Culturgal, Manuel Bragado, o papel do público e a súa resposta ante a introdución da entrada de pago na edición 2014 é síntoma do futuro da Feira.

Accesos da Feira Culturgal 2015
Accesos da Feira Culturgal 2015 | Fonte: Culturgal

En 2015 mantéñense os prezos populares de acceso: 2 euros entrada persoas adultas e 1 euros para menores de 12 anos. Os menores de 3 anos non pagan. En 2015 ademais o público do Culturgal conta con descontos en máis de 30 establecementos hosteleiros de Pontevedra en virtude dunha iniciativa posta en marcha pola concellería de Promoción da Cidade.

Parece fácil perderse nunha feira que ten seis programacións simultáneas durante os tres días: libro, música, espazo foro, infantil, audiovisual e profesional. A organización traballa para que tanto dentro do recinto do Pazo da Cultura como a través das redes do Culturgal os diversos públicos podan escoller as súas preferencias dentro da Feira. O programa completo do Culturgal 2015  aínda está suxeito a posíbeis cambios, pero unha versión actual pode consultarse neste enlace.

Haberá moitas escritoras e escritores presentado novidades e charlando co público: Manuel Rivas, Ledicia Costas, Fran P. Lorenzo, Andrea Maceiras, Héctor Cajaraville, Antón Riveiro Coello, Diego Ameixeiras e moitos máis pasarán por esta edición que

Haberá unha lembranza especial para Xosé Neira Vilas. O autor de Memorias dun neno labrego ía presentar na Feira o seu último libro publicado por Galaxia. A editorial mantén o acto do sábado 5 ás 12:45 converténdoo nunha homenaxe ao escritor de Gres.

Moita música na Carpa Culturgal con pop, folk, blues e jazz así como unha proposta para nenas, nenos e familias que inclúe a presentación de novedades en libro disco e espectáculos teatrais. Sen dúbida, os máis pequenos son os grandes protagonistas do Culturgal que programa na mañá do domingo 6 o espectáculo especial (de pago) “Canta o cuco. Uxía e Magín Blanco na Casa de Manuel María” coincidindo co lanzamento do libro disco do mesmo título de Galaxia. As entradas en ataquilla.com

Sábado noite: humor e contos

Candido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Lucía Aldao e María Lado estarán no Culturgal 2015. Catro dos mellores contadores de historias reunidos no escenario do Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. Será o sábado 5 ás 21:30. “Dá de contar a quen pasa”, o espectáculo especial do Culturgal 2015. Unha noite de historias, risas e tenrura. As entradas poden adquirirse en taquilla.com

Arte e arquitectura

Culturgal segue coa liña emprendida en 2014 ao programar unha gran mostra de arte contemporánea coincidindo coa Feira das Industrias Culturais. Se na pasada edición foi o libro de artista, en 2015 as simbioses entre arte e arquitectura centran a proposta dos comisarios Paula Cabaleiro e Antón Sobral co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra. Vinte e dous artistas e arquitectos participan na mostra “Somos Espazo” que se inaugura o 4 de decembro, ao tempo que o Culturgal, e estará aberta no Pazo da Cultura de Pontevedra até o 10 de xaneiro.

Cine e Premio do Público

Culturgal dedica unha liña de programación ao audiovisual galego nun programa coordinado por Agapi. Haberá presentación de documentais como o dedicado ao músico Manuel Quiroga ou ao escultor Francisco Leiro, proxección de filmes de ficción como Las altas presiones de Ángel Santos e maratón de webseries o sábado pola tarde. Tamén sorpresas como coñecer a faceta fílmica do escritor Xabier P. Docampo que leva á pantalla do Culturgal un proxecto iniciado en 1982 e retomado en 2015. De cine tamén vai o Premio do Público Culturgal 2015, que será entregado na tarde do domingo 6 ao Festival Curtocircuíto tras ser o vencedor na votación popular online promovida polo Culturgal no mes de outubro.

A Feira das Industrias Culturais conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través de Agadic, concello de Pontevedra, Ministerio de Cultura e Deputación de Pontevedra. O acto de apertura oficial da Feira tivo lugar este venres 4 ás 12h.

Un neno nunha pasada edición do Culturgal
Un neno nunha pasada edición do Culturgal
Plano de situación dos expositores da Feira Culturgal 2015
Plano de situación dos expositores da Feira Culturgal 2015 | Fonte: Culturgal
Público no Culturgal 2015, a feira da cultura galega
Público no Culturgal 2015, a feira da cultura galega | Fonte: culturgal.com
Temas: CULTURGAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta