Temas: MúSICA

Quince anos de éxito na música infantil en galego

Cando Mama Cabra botou a andar alá por 2.000 case ninguén concibía un espectáculo de música en galego para os nenos. Hoxe son un dos grupos máis veteranos e populares do país. Entrevistamos a Gloria Mosquera, unha das fundadoras, co gallo da presentación d’a Bruxa da Discordia (Galaxia), un libro disco sobre a paz. A capacidade de vivir da música neste país en galego, a marea de público nos Culturgal e os futuros proxectos da banda son outros puntos desta conversa.

Por GC Tendencias | Santiago de Compostela | 23/12/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Mamá Cabra é o grupo musical pioneiro na creación de espectáculos para a infancia. Son un grupo de música infantil formado por músicos que tocan de todo: batería, percusión tradicional, frautas e gaita, baixo eléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz.  Este ano celebran o seu 15 aniversario, unha longa viaxe que nos deixa 12 discos e centos de cancións para saltar, bailar e reflexionar.  A súa história remóntase ao ano 2000, e  partíu primeiramente para facer cancións para as clases de Educación musical de Gloria Mosquera, unha das fundadoras do grupo, coa que falamos.

Gloria Mosquera, de Mamá Cabra
Gloria Mosquera, de Mamá Cabra

Son xa 15 anos de Mamá Cabra sobre as táboas e unha ducia de discos nas tendas. Cal era o panorama da música infantil en galego daquela e que diferencias máis importantes co actual? Aumentou moito o público?

Por aquel entón, tíñamos Cantareliña e xa Os Migallas andaban facendo espectáculos con teatro e música, pero nas escolas precisábamos máis materiais para poder traballar en galego.  O que si é que non se concibía un espectáculo de música infantil, de feito nalgún sitio nos anunciaron como se fósemos un grupo de teatro. E algunha vez temos cantado para ben pouquiños... agora hai máis público familiar. Avós, avoas e netos aparecen xuntos moitas veces para bailar e cantar, e os pais e as nais fan piña para que con música comamos moitísima más froita....

Cando empezaron alá no ano 2.000, consideraban factíbel estar 15 anos facendo música infantil en galego? Que os motivou a lanzarse a esta aventura?
Empezamos sen ser conscientes do camiño que íamos percorrer. Empezamos musicando un poema de Gloria Sánchez: O Timoteo, e empezamos disfrutando coa música que é o que nos mantén nela.

De onde provén o nome de Mamá Cabra?
Do conto estrela que me contaba o meu pai e de que preferíamos unha mamá un pouco cabra, é dicir, un pouco rebelde,viaxeira, ilusionada e sorprendente... e xa sabes a cabra sempre tira ao monte....

É unha evidencia que vostedes gozan de certo éxito comercial en Galicia, pero que Galicia é un mercado máis pequeno do que podería ser o castelánfalante. Consideraron nalgunha ocasión cambiar de idioma? Por que?
En Galicia queremos facelo en galego, pero por suposto que contemplamos o castelán nos nosos proxectos... de feito estamos a darnos conta de que en Galicia estanse a facer espectáculos de música para nenos e nenas de alta calidade... nos que a música, os valores importantes da vida, a diversión, a poesía, son os protagonistas, e que no resto de España isto non pasa.

Pódese vivir ao 100% da música infantil en galego?
Penso que na actualidade non se pode vivir da música en xeral. A venta de libros e os concertos son os que nos fan seguir nesta festa.

Están a presentar un novo libro disco, A Bruxa da Discordia. Como naceu o proxecto e que valores deles destacaría?
O proxecto naceu a través da editorial Galaxia, foron eles os que nos propuxeron unha colaboración con Carmen Gil e facer un libro de cancións da paz. Dende logo a idea encantounos porque a paz é un proxecto no que vale a pena aventurarse.

Como foi esa colaboración?
Carmen fixo uns poemas ben fermosos que naceron en castelán e logo houbo que traducilos, o cal non foi nada sinxelo. Das ilustracións, tamén espectaculares, encargouse Iria Fafián, e por último foron nacendo as melodías e os arranxos. Agora estamos preparando o espectáculo da paz, no que seguro haberá moito amor e boa sintonía.

A súa actuación no último Culturgal estivo ateigada de familias. Tamén o estiveron moitas dos outros eventos da feira: concertos, obras de teatro, etc. e houbo moito público nos expositores. Agora ben, é o éxito do Culturgal un reflexo real do estado no que está a industria cultural galega ou só un espellismo alimentado polo bo traballo da organización e as datas do Nadal?
A industria cultural galega está poñendo toda a ilusión, a creatividade, o esforzo, ... , por estar ao máis alto nivel. Dende logo o Culturgal é un éxito rotundo, e aínda parece que se deberían ampliar os días e que non fose tan só un fin de semana. A xente quere saber o que se coce en Galicia, e están a apoiar as iniciativas ven propostas e organizadas. Un dez para o Culturgal!

E despois de A Bruxa da Discordia, que proxectos ten en mente Mamá Cabra?
O máis inmediato será gravar en DVD o espectáculo que agora estamos a facer por Galicia que é o de "15 primaveras", e logo temos moita ilusión por volver polos coles e ter ben pretiño aos nenos e nenas.... e seguro que atopamos aínda máis artistas!

Gloria Mosquera, de Mamá Cabra
Gloria Mosquera, de Mamá Cabra
Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Zacarías

O xornalista di que Mamá Cabra cando botou a andar aló polo 2000 "case ninguén concibía un espectáculo de música en galego para os nenos". Case ninguén? No 2000? Nin que estiveramos no ano 1950. Nin que non houbera precedentes. Pero quen é o ghicho que di semellante cousa? É xornalista en prácticas ou ten anos de experiencia? Que desnortados anda algúns, mimadriña!!!!