O BNG urxe á Xunta a traballar para "anular" a concesión da AP-9 e non só falar de traspaso

O Goberno galego remitiu ao Estado un estudo que cifra nun máximo de 2.355 millóns de euros o custo do rescate.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2024 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou á Xunta traballar para "anular" a concesión da AP-9 e acabar cunha "discriminación" e non só falar do traspaso da mesma. Fíxoo despois de que o Goberno galego presentase este xoves un estudo encargado a unha consultora sobre os custos que suporía para o Estado a aprobación da lei de transferencia da AP-9 que está en tramitación no Congreso e que, tal e como está redactada, suporía a ampliación das bonificacións xa en vigor e o fin do incremento anual das peaxes.

Pontón pediu, en declaracións aos medios, que se remita ese informe ao Parlamento galego para coñecer o seu contido "máis aló dunha nota de prensa". Ademais de incidir en que este asunto se recollía en "unha iniciativa do BNG", remarcou que esta "non só requiría un estudo sobre o rescate da AP-9, senón tamén sobre todas as vías xurídicas para poder anular unha ampliación da concesión, que fixo o PP de Aznar".

"Hai que traballar para realmente pór fin a unha situacion que é unha discriminación para todo o país", insistiu Pontón, para quen o estudo presentado é "unha porta" para acabar cunha concesión que cualificou de "ilegal" por "vulnerar a normativa comunitaria".

"Preocúpame que -- a Xunta -- renuncie a esa vía e só fale da transferencia, igual de importante é que anulemos a concesión", insistiu ante o que cualificou como "un atraco a man armada" polo que se paga en peaxes. Por iso, instou ao Executivo galego a "porse as pilas para ter ese informe juridico e poder avanzar na anulacion da concesión, que Bruxelas ve ilegal e é unha dicriminacion para galegos e galegas".

O ESTUDO CIFRA  NUN MÁXIMO DE 2.355 MILLÓNS O RESCATE

A Xunta de Galicia remitiu este venres ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, que dirixe Óscar Puente, o estudo elaborado por unha consultora --por encargo do goberno autonómico-- que cifra nun máximo de 2.355 millóns de euros o custo de rescatar a concesión da autoestrada AP-9. Así o confirmaron fontes da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que sinalaron tamén que o estudo foi remitido acompañado dun informe-análise xurídica. A Xunta presentou nas últimas horas o estudo, elaborado pola consultora Eptisa e que difire de forma notable das cifras que, no seu momento, deu o propio ministro Óscar Puente.

O documento estima que o sobrecusto de traspasar a autoestrada sería de 526 millóns sobre o montante de 1.149 millóns que xa se van a pagar ata 2048 --ano no que finaliza a concesión a Audasa-- co mantemento das bonificacións que hai agora en vigor. En total, uns 1.676 millóns.

Neste contexto, o estudo do Goberno autonómico contempla tres escenarios posibles para a AP-9: a transferencia de titularidade, que non levaría aparellado un custo a maiores; a transferencia xunto con novos descontos, que o subiría nos 526,5 millóns xa mencionados; e a finalización da concesión. Nisto último é no que xa non coinciden tanto a Xunta e o Executivo estatal. Ponte asegurara en xuño que o rescate da concesión da AP-9 suporía un gasto de 4.000 millóns para as arcas públicas, que ascenderían a 6.000 millóns se, en paralelo, fixésese o traspaso. Con todo, o Goberno galego estima que o pago de rescate, con efectos a 31 de decembro de 2024, situaríase entre os 1.612 e os 2.355 millóns.

Para calculalo, o seu estudo suma o pago da indemnización a Audasa --que non se establecen con exactitude, de aí a pinza-- e os custos derivados da eliminación das cabinas de peaxe e da conservación e explotación da autoestrada ata 2048. A isto réstalle, porque se aforrarían, os 1.149 millóns que se deixarían de pagar en bonificacións en todo este tempo.

Na rolda de prensa de presentación do informe, a conselleira María Martínez Allegue xa avanzou que sería remitido ao ministerio e trasladou a súa esperanza de ter "unha resposta" e poder manter unha reunión con Óscar Puente para abordar a situación da autoestrada e doutras infraestruturas. O estudo da Xunta presentado cifra en 526 millóns o sobrecusto de traspasar a AP-9 e ampliar as bonificacións. En concreto, un incremento duns 526,5 millóns de euros sobre o montante de 1.149 millóns que xa se van a pagar ata 2048 --ano no que finaliza a concesión a Audasa-- co mantemento das bonificacións que hai agora en vigor. En total, sempre segundo este informe realizado por Eptisa, pagaranse uns 1.676 millóns.

"Nada que ver co baile de cifras dado polo Goberno", esgrimiu a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, nunha rolda de prensa ofrecida xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e ao xefe de Proxectos da consultora, Marcos Maderuelo.

Punto do accidente rexistrado na AP-9.. DGT
Punto do accidente rexistrado na AP-9.. DGT | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta