Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/09/2024 | Actualizada ás 13:34
O ministro de Transportes, Óscar Puente, foi reprobado este mércores polo Parlamento de Galicia polas súas palabras pronunciadas no Senado no mes de agosto nas que afirmou que o tren vive o "mellor momento da súa historia", en resposta ás queixas polas incidencias ferroviarias rexistradas este verán.
A reprobación do ministro, proposta polo PP como parte dunha iniciativa que tamén demanda unha serie de melloras para os servizos ferroviarios en Galicia, saíu adiante cos votos a favor de BNG e Democracia Ourensá. O Partido Socialista, que no debate da iniciativa durante a tarde do martes apoiou ao ministro alegando, en palabras do deputado Carlos López Font, que tiña razón coa súa afirmación sobre o momento "histórico" do tren en Galicia e en España; optou pola abstención.
Recuperar frencuencias suprimidas durante a pandemia, mellorar os servizos en lugares como Ferrol ou Lugo, impulsar o Corredor Atlántico ou a corrección das "múltiples" incidencias dos trens Avlo e Avril son parte da lista de demandas da iniciativa popular aprobada sen votos en contra na joranda deste mércores na Cámara.
Tamén foi aprobada sen votos en contra, aínda que no seu caso por unanimidade, unha iniciativa do Grupo Socialista que reclama á Xunta a configuración dun "plan integral" para o turismo que permita conxeniar a "mellora da calidade de vida" dos veciños cos beneficios económicos do sector e "o goce" dos visitantes.
O primeiro pleno do curso logrou outra aprobación unánime en apoio aos viticultores da Ribeira Sacra afectados pola situción de crise excedentaria durante esta vendima. Con todo, non saíron adiante polo rexeitamento do PP dúas iniciativas da oposición que reclamaban, por unha banda, a retirada do anteproxecto lexislativo de reforma do marco normativo da CRTVG (BNG) e, por outro, o cumprimento dos obxectivos marcados no progrma funcional do hospital de Vigo (PSdeG).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.