Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/09/2024 | Actualizada ás 12:52
O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) ratificou a decisión de que Xosé Manuel Beiras reciba a Homenaxe O Escritor na súa Terra-Letra E en 2025, pola súa contribución ao mundo da literatura en galego.
Esta homenaxe, que se celebrará na cidade de Santiago de Compostela, quere poñer en valor a súa extensa traxectoria vital, sobre todo, na súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental. "É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe", indica nun comunicado a entidade.
Trátase dunha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.