O sector eólico está "catatónico" logo das suspensións do TSXG sinala patronal eólica galega

"Estamos a destruír o tecido empresarial e afogando a implantación de enerxía limpa e renovable", recrimina o empresariado sectorial

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2024 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

A Asociación Eólica de Galicia (EGA) alerta de que o sector se atopa en estado "catatónico" por mor das máis de medio centenar de suspensións de parques por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Cifra en apenas oito megawatts a potencia implantada en 2023, o que contrasta cos 300 megawatts no mesmo exercicio en Aragón.

Nun comunicado, a patronal eólica galega advirte de que existe "unha redución progresiva histórica" en instalación de nova potencia e xeración. Expón que a potencia acumulada en Galicia en 2010 representaba o 16,3% de España, pero agora queda no 12,7%.

"Estamos a destruír o tecido empresarial e afogando a implantación de enerxía limpa e renovable", recrimina. "Asistimos impávidos aos multimillonarios investimentos que se anuncian noutras comunidades autónomas", o que compara con que "hai polo menos 32 proxectos industriais en Galicia que demandarán oito teravatios/hora (TWh) de electricidade adicional que debe producirse con enerxías renovables".

A organización eólica avisa de que "a inseguridade xurídica, con medio centenar de proxectos aprobados rigorosamente pola Xunta, pero suspendidos preventivamente polo TSXG e á espera do que diga o tribunal europeo mantennos en estado catatónico". "A lexislación ten que ser clara e sinxela", asevera.

"Entre tanto, en Galicia perdemos oito fábricas de aeroxeradores no últimos dez anos, e xa só quedan dúas. Esta é a realidade que temos en caída libre. Temos un recurso renovable e autóctono que nos ofrece excelentes oportunidades de desenvolvemento industrial, emprego estable e rural, prezos baratos para consumidores e competitivos para as empresas electrointensivas, independencia enerxética, atmosfera moito máis limpa evitando cantidades inxentes de emisións de CO2 e combatendo eficazmente o cambio climático. Con todo, estamos freados, cando estar parados é dar marcha atrás na conxuntura actual", afirma a Asociación Eólica de Galicia.

Renovables, parques eólicos
Renovables, parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta