O PSOE da Coruña critica que o BNG "poña o seu voto ao servizo da dereita" en Muxía: "Hai intereses escuros"

Tacha de "aberración democrática" a iniciativa para retirar da alcaldía ao PSOE, a forza política máis votada.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/09/2024 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

O PSOE provincial da Coruña criticou que o Bloque Nacionalista Galego "poña o seu voto ao servizo da dereita" en Muxia e denunciou "intereses escuros" detrás desta iniciativa rexistrada polo PP, Independentes por Muxía e BNG nunha operación que o propio alcalde, o socialista Iago Toba, denuncia que se fragua "desde hai meses". "Esta moción de censura vulnera claramente a vontade democrática expresada polos veciños de Muxía nas eleccións municipais, xa que pretende expulsar da alcaldía ao PSOE, que foi a forza política máis votada, para pór a un partido que só ten dous dos 11 concelleiros cos que conta a corporación municipal", sinala o secretario provincial Bernardo Fernández.

"Se o pobo de Muxía quixese que Javier Sar fose alcalde, votaríanlle nas eleccións municipais, pero o certo é que sacou só dous concelleiros", afirmou Fernández, que considera que "alguén debería de explicar por que o PP, que foi o segundo partido máis votado, decide situar como alternativa para a alcaldía a un partido independente que foi a segura forza menos votada". O socialista censurou que esta operación conte, ademais, "co aval do BNG", ao pór o seu voto ao servizo da dereita para impedir que siga gobernando o PSdeG-PSOE.

Neste sentido, Fernández instou ao BNG a expulsar á súa concelleira en Muxía por apoiar a moción co PP. "Non basta con dicir que desautorizan esta manobra e que se abrirá un expediente, hai que demostralo con feitos, anunciando a expulsión do partido de quen non segue as directrices da dirección", considera o secretario provincial do PSOE coruñés. "Así foi como actuamos no PSOE nos casos similares que se deron na nosa provincia, sen apoiar gobernos de dereitas, outros non poden dicir o mesmo", sostén Bernardo Fernández, que sinala que "hai un ano o BNG entregou tamén ao PP o goberno municipal de Cariño, descartando un acordo de investidura co PSOE".

"A día de hoxe, os concelleiros nacionalistas que impediron un goberno de esquerdas en Cariño non foron nin tan sequera expedientados", lamenta Fernández, que defendeu tamén a "vontade de Iago Toba de acordar cos grupos da oposición os principais asuntos da xestión municipal". Así, destacou que o alcalde socialista propuxo a todos os grupos chegar a acordos sobre cuestións crave como os orzamentos ou os investimentos do Plan Único da Deputación, incorporando as súas propostas en función da representatividade que cada partido ten na corporación municipal, o que foi rexeitado polos distintos grupos. O secretario provincial considera que esta "operación escura" ten "moito que explicar aínda" e instou a facer público o acordo co que os tres partidos impulsan a moción coa que pretenden gobernar Muxía.

O secretario provincial do PSOE coruñés, Bernardo Fernández
O secretario provincial do PSOE coruñés, Bernardo Fernández | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta