Denuncian que hai máis de cen camas pechadas no hospital Meixoeiro de Vigo

O sindicato SATSE critica o peche de plantas mentres "o Sergas segue pagando aos centros privados pola derivación de pacientes".

Por Galicia Confidencial | Vigo | 13/01/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Máis de cen camas permanecen pechadas no hospital Meixoeiro de Vigo mentres se segue derivando pacientes a hospitais privados. Esta é a nova denuncia do Sindicato de Enfermaría, SATSE. En concreto, o sindicato critica a actitude que tomou a Xerencia da EOXI de Vigo con este centro hospitalario, onde "desde hai meses se veñen observando como o peche de zonas completas é un goteo constante".

Hospital do Meixoeiro, en Vigo.
Hospital do Meixoeiro, en Vigo.

A día de hoxe, segundo puideron constatar in situ as delegadas de SATSE, hai camas pechadas na metade das plantas sexta e cuarta planta e totalmente na terceira, polo que son en total máis de cen camas as que a día de hoxe permanecen "incomprensiblemente" pechadas.

Aínda que é certo que está prevista a reapertura dalgunha destas zonas na  próxima semana, co inicio da actividade cirúrxica, o SATSE pregúntase "por que, como cabería esperar, non están todas as plantas en pleno funcionamento" para "alixeirar na medida do posible as listas de espera que se seguen xerando día a día".

O "máis incongruente desta situación", din, é que "mentres tanto, o Sergas segue pagando aos centros privados pola derivación de pacientes que deberían ser atendidos nun centro público como é o Meixoeiro".  

O sindicato tamén salienta que o propio persoal do centro hospitalario está vendo e vivindo cada día a "decadencia na que están a deixar caer a este centro" e láianse de que se o Sergas lle pague por exemplo dous millóns de euros ao Hospital Domínguez, ou de que se estean derivando pacientes ao centro sanitario de Fátima.

A Xunta de Persoal, na que está integrada SATSE, xa anunciou próximas concentracións para que todos os usuarios teñan coñecemento de como o Sergas xestiona os seus recursos sanitarios. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta