Podemos, ou cando non hai nada que perder

O incrible non é que unha porcentaxe importante da poboación lle prestara o seu voto a Podemos; Podemos ofrecese como refuxio a unha poboación frustrada ata os límites da desesperación. O incríble é que un país cunha de cada catro persoas na miseria non estea arestora tomando a Bastilla; iso si é incríble.

Por Xoán Vázquez | New Jersey | 02/02/2016

Comparte esta noticia

Aínda que isto pon de manifesto o mellor e mailo peor de nós: a nosa infinda capacidade de sobrevivir a humillación e o aldraxe se capitular á violencia. O mellor porque ansiar vivir en paz, que xa non nun pacifismo apático torpe e submiso, é unha virtude, a gran virtude da nosa cultura e da nosa sociedade; virtude que debemos celebrar. O compromiso coa Paz sempre se debe celebrar.  O peor porque deixarse apisoar é o mesmo ca renunciar a vivir; deixar de ser é limitarse a existir. As elites da nosa sociedade están afeitas a apisoar aos máis pobres  e as estructuras legais están artillada para facilitárllelo (os mesmos xuristas o din: “as leis están feitas para os roubagaliñas”); e os cómplices recén chegados (calquera de nós que aprobe nunhas oposicións ou atope algunha outra maneira de colarse a formar parte do tinglado), embriagados de soberbia de pobres, axiña nos engadimos ás filas dos déspotas.

Vexamos: Aínda nunca vin un paro laboral integral en defensa dos desempregados e dos pobres. Vin o paro laboral dos controladores aéreos, autentico chantaxe e depredación, salvaxe burla á civilización, porque claro, os contribuíntes teñen que estar ao servizo dos Señores feudais.  Vin os de RENFE, eses obreiros con soldos de elite subvencionados polos contribuíntes, indiferentes á realidade de que todo o que eles leven por riba do que lle pertence haillo que sacar aos demais. Mais iso pouco importa, porque os demais son uns tal  outros, deses de por aí, de algures, e eses tal outros que se apañen como poidan; logo someter o contribuínte ao chantaxe. Vin os do Metro de Madrid,  ningunha sociedade medianamente avanzada toleraría ese absurdo monumento ao nepotismo aínda que tivese que pechar o Metro por un ano enteiro. E, si, tamén vin as protestas dos empregados públicos cando, no medio dunha crise financeira sen precedentes, lle conxelaron os soldos, que ademais, estando a economía do Estado en deflación non había argumentos obxectivos para non conxelalos.

Vin todo iso;  e tamén vin a indiferencia,  o silencio e a condescendencia perante a fuxida de miles e miles de xente nova (cerna da sociedade) camiño da emigración.  Esta claro que o inimigo témolo dentro. O inimigo somos nós. Entre os países occidentais, a España dos déspotas vitalicios e das dinastías caciquís é un dos países onde máis difícil a teñen os non enchufados para poder erguerse ao mundo da dignidade, do traballo, e das iniciativas empresariais. Nesta España de “mordidas” e coches oficiais ata para levar os criados ao mercado, non hai un euro para apoiar iniciativas empresariais orientadas á xuventude; todo fai falta para os déspotas, vellos e recén chegados, e non lle chega a nada.

O que si hai é unha burocracia tan densa, espesa e inservible que eu persoalmente sei de casos de rapaces licenciados en ciencias que levan máis dun ano esperando a que os responsables de procesar e expedir os permisos, neste caso unha axencia do Estado, se dignen responderlle a unha solicitude para unha iniciativa empresarial, para a que non solicitaron nin un só euro de axuda, simplemente unha resposta á solicitude de permisos: Si ou Non; e, claro, por que. E un preguntase, por que a uns rapaces recén licenciados que someten os impresos para solicitar os permisos pertinentes para iniciar unha actividade industrial de natureza científica, o Estado nin se molesta en lles responder? A quen están protexendo? Porque frean as iniciativas?  En fin, mentres non se demostre o contrario, alí onde o fedor é a peixe podre é porque hai peixe podre.  E debemos darlle as grazas a Podemos -tamén os que coma min non votaron por eles nin pensado teñen- por haberlle facilitado a este desnortado país -do exercito de xente nova (50%)  sen posibilidade algunha de mirar cara o futuro cun mínimo de optimismo- cun medio alternativo a unha toma da Bastilla. Logo, grazas Podemos por darlle un algo de esperanza. Mais esa esperanza hai que dicir que é só polo de agora, porque se a situación non cambia, o refuxio hanos quedar pequeno e os que queden fóra poden atoparse sen máis alternativa ca tomar a Bastilla ou morrer á intemperie. 

Claro, quédanos a suprema manifestación do fracaso dunha sociedade: a emigración. Que xa houbo unha ministra do Estado que chegou dicir desa desgraza que "eso se llama movilidad exterior"; xa hai que ser pendanga. A emigración prestase de válvula de escape a este disparate. Mais iso só polo de agora, porque nos países a onde a nosa xuventude emigra pode chegar o día que determinen que xa non queren máis xente da fóra, ou aínda peor, que queren escravos. Daquela, a nosa xuventude necesitada de emprego nin tan sequera tería a opción de emigrar, converténdose nun exercito de xente nova sen nada que perder. Que forza disuasiva se pode usar contra quen non ten nada que perder? "Nunca contiendas con quien no tiene nada que perder", Baltasar Gracián. Ven de vello.

Semella que o novo goberno do Estado ha estar encabezado polo PSOE, en coalición con Podemos; agardo, polo ben de todos, que lle dean á xente a esperanza de ter algo que perder. Pero non é o mesmo elevar aos desposuídos e necesitados ca desincentivar o investimentos; a igualdade na miseria é o cumio da burla. Mesmo, é imposible elevar aos necesitados sen incentivar o investimento. Nada de perder tempo, centrarse no que verdadeiramente urxe: emprego. Mais para crear emprego é necesario incentivar o investimento convencendo ao capital que España é un lugar serio e seguro para investir, e é necesario orientar os recursos do Estado a apoiar as iniciativas empresariais da nosa xuventude. E aínda tamén facer todo o posible por restituír o saqueado e combater a maldición caciquil que tanto dano nos ten feito, combatela con forza e determinación e ata as últimas consecuencias. E xa que niso andamos, un pouco de pedagoxía sobre a ética, o civismo, e, sobre todo, a solidariedade. Restituír o roubado e combater aos caciques non é vinganza nin asusta ao capital; todo o contrario, é un anuncio contundente de que hai seguridade xurídica, sen “mordida”, e que as leis non só están para os roubagaliñas. Pero coidado, nós os cidadáns non podemos esquecernos de que non hai absolutamente nada gratis, nin a auga para tomar unha aspirina. E tanto Podemos coma o PSOE, se quere ser algo máis ca oportunismo e máis do mesmo, débennolo recordar, constantemente. A xustiza social necesita recursos, e os recursos non nacen entre o millo coma os pampillos, nacen do investimento e reclama compromiso, seriedade, responsabilidade, entrega e sacrificio. Con sacudir as greñas e gritar nos púlpitos do Congreso o único que se consegue é dicirlle aos que teñen cartos que os vaian levando a lugares menos prestos a teatros de inútiles acústicas bravuras. Agora non toca enarborar, toca traballar decote, sobre todo en prol dos desempregados e da xente nova. A “casta” somos nós, tamén os que pensan o contrario. E para supéralo, e hai que supéralo, temos que recoñecelo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA