As dúbidas de Xosé Manuel Barreiro para presidir o PP de Lugo

O voceiro do PP no Senado non se decide a presentar a súa candidatura como presidente provincial. Se non o fai haberá varios candidatos. Baltar é o único dos dirixentes provincias que, probablemente, revalidará como presidente provincial.

Por Xurxo Salgado | Lugo | 01/02/2016 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

As dúbidas de Xosé Manuel Barreiro para continuar como presidente do PP de Lugo están incomodando a certos dirixentes deste partido na provincia. A pesar de que conta co apoio da maioría dos militantes da provincia, o voceiro do PP no Senado non acaba de dar o paso porque "ten que pensalo".

Feijóo, Rueda e Barreiro nun comité de dirección do PPdeG
Feijóo, Rueda e Barreiro nun comité de dirección do PPdeG

O congreso provincial do PP de Lugo está convocado para o próximo 6 de marzo tal e como se aprobou na Xunta Directiva celebrada o pasado venres, que aprobou a formación dunha comisión organizadora para o congreso que estará presidida por José Manuel Balseiro.

Nesa xuntanza, e a pesar de que foi preguntado ao respecto, Xose Manuel Barreiro dixo que "non ten a decisión tomada" e que pensa dar a coñecer a súa opinión nos próximos días. Nesa Xunta Directiva aludiu a "razóns persoais" sobre esta espera pero tampouco aclarou se se presenta ou non se presenta.

Segundo fontes consultadas, Barreiro quere saber se conta co apoio de Rajoy e de Feijóo para continuar como presidente provincial. Logo das renovacións postas en marcha na Coruña e Pontevedra, non sabe se a dirección popular tamén quere renovar o PP de Lugo.

Sen embargo, polo momento, Barreiro é o único dirixente que unifica a este partido na provincia, xa que, se se descarta para o cargo, habería, cando menos máis dunha candidatura. E é que no PP lucense están os que apoian á delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias, e os que apostan por Elena Candia, a alcaldesa de Mondoñedo e voceira deste partido na Deputación de Lugo.

Precisamente, esta última xa lle deu o seu apoio "absoluto" a Barreiro para que revalide no cargo. Pero tampouco descartou outro candidato. "Sexa quen sexa o novo presidente  provincial, o importante é que o PP siga sendo un partido que combine renovación e experiencia", suliñou.

De feito, o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, apremiu, na xuntanza do pasado venres, a Barreiro para que se decida canto antes xa que pode haber outros candidatos. Ninguén quere presentarse contra el, pero se el non revalida, o PP de Lugo iría a unha contenda con varios candidatos.O prazo de precandidaturas remata o 12 de febreiro, mentres que no da Coruña finaliza o vindeiro mércores 3.

Baltar, seguro

O único candidato seguro no PP é José Manuel Baltar. O presidente da Deputación de Ourense revalidará no cargo con toda probabilidade. A súa última imputación tampouco pesou moito na súa decisión de volver presentarse, sabedor que Feijóo tampouco se vai a opoñer.

“Ourense ten forza” é o lema do congreso provincial número 17 que o PP de Ourense celebrará o próximo 5 de marzo. O propio Baltar xa dixo que desta cita sairá un novo comité executivo “que terá a importante tarefa de iniciar un proceso de renovación e preparación do partido para as eleccións autonómicas deste ano”.

O congreso do PP de Ourense, que será o primeiro que se celebre en toda Galicia, reunirá no pavillón dos deportes Paco Paz a 1.070 compromisarios, dos cales 880 serán electos, 13 pertencentes a Novas Xeracións e 177 que teñen a condición de compromisarios natos por pertencer á xunta directiva provincial ou á comisión organizadora do congreso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta