Por Camilo Friol | Lugo | 17/02/2016
ai quen quere agora que a UPG se disolva dentro do Bloque e eu non o acabo de ver de todo claro. Penso que de seguir así as cousas é moito mellor que sexa o Bloque o que se disolva dentro da UPG, e que por cuestións de aforro se peche a sede de Rodríguez de Viguri porque para iso está a poucos metros a da Avenida de Lugo, que é realmente onde se toman as decisións.
Por favor, non máis paripés, non máis estratexias de camuflaxe e non máis portavoces floreiro. Clareza e coherencia. Porque no Bloque hai un curioso xeito de asunción de responsabilidades. De momento só pagaron o pato da debacle destes anos os que non tiveron culpa ningunha (véxase Xabier Vence ou Jorquera) mentras os que dende a sombra abanean o berce e os e as que os obedecen sen rechistar seguen intactos e a disposición.
O que non acabo de entender e ninguén mo explicou aínda é por que a estratexia de acumulación de forzas que servíu para facer medrar o nacionalismo na década dos 80 e 90 non é válida a día de hoxe, por que se Lores, Xaime Bello e Lois Pérez Castrillo foron alcaldes de Pontevedra, Ferrol e Vigo en 1999 cos votos da poboación de esquerdas non nacionalista e de xente castelan-falante non o poden ser hoxe de igual xeito Martiño Noriega en Santiago ou Xulio Ferreiro na Coruña. Non sei por que se daquela o Bloque era unha auténtica marea galega hoxe non se quere que exista.
Eu vouvos ser sinceiro. Se eu son nacionalista a día de hoxe non é por Castelao, senón polos meus dous fillos e por lles deixar un lugar mellor onde vivir, é dicir, unha Galiza mellor nun mundo mellor. Se ese é o argumento o 100% da poboación galega pode ser nacionalista. Pero para a convencer, o nacionalismo galego ten que deixar de mirar ao pasado para mirar ao futuro, abandonar a histórica nostalxia carlista e xerar ilusión na xente, porque Galiza non será o que foi non pasado, será o que os galegos e galegas de hoxe queiramos que sexa.
Está ben iso de respectar aos maiores, pero os avós, unha vez chegada a merecida idade de xubilación, han de decidarse á vida contemplativa (lembrar batallas, xogar ás cartas ou escoitar zarzuela) e dar consellos só se llelos piden. Porque se, como propugnan algúns, a solución está na volta ás esencias, que mellor que escoller unha nova dirección formada por Bautista Álvarez, Pilar García Negro e Francisco Rodríguez? Por que non outorgarlles o merecido privilexio de acabar co Bloque a aqueles que o crearon? Porque se a refundación consiste en poñer ese mesmo discurso dos anos 60 en boca de xente de 30 anos, efectivamente moito mellor volver ás esencias.
Sempre escoitei iso de que o Bloque era unha ferramenta ao servizo do pobo galego. Pois se esa ferramenta está enferruxada e xa non funciona, creemos outra entre todos e todas (entre os que estamos dentro do Bloque e os que están fóra). Creemos algo novo dende cero, algo que supere o átomo e o minifundismo actual, os reproches e os revanchismos, con humildade, lealdade e xenerosidade. Eu non teño inimigos nas Mareas, nin sequera en Podemos. E o que os teña, que se faga a un lado.