Quen é Besteiro

Levaba meses amagando con dar o paso para relevar a Patxi Vázquez pero non se decidíu ata que veu o camiño libre. José Ramón Gómez Besteiro chegou a secretario xeral do PSOE galego sen mancharse as mans nin pelexar con ninguén. Foi doado para un maestro do escapismo político como é el.

Por Camilo Friol | Lugo | 06/10/2013

Comparte esta noticia
Besteiro é, poderiamos dicir, o prototipo de político. Estudou Dereito e exerceu máis ben pouco porque con 31 anos xa estaba metido no allo. Entrou no Concello de Lugo da man de Orozco. Del aprendeu que bicar ás vellas pola rúa dá resultado, e máis se un ten boa planta, así que iso do campechanismo dáselle ben e explótao sempre que pode, porque sabe que coma no anuncio de Brummel, nas distancias curtas é onde un político se xoga o tipo.
 
Pero ademais de caer ben de primeiras, Besteiro (José Ramón para os que o coñecen, Moncho para Orozco) é ocurrente.  No salón de Plenos do Concello de Lugo aínda se acordan cómo as devolvía, moi ao seu estilo, sen mancharse nin inmutarse, cando era portavoz do PSOE e lle viña algún ataque revirado da oposición. Non é que tivera moi estudados os temas dos que se falaba, hai que dicilo, pero sempre tiña por onde saír. Penso que esa astucia política aprendeuna de Francisco Fernández Liñares (Liñares para os que o coñecen, Paco para Orozco, Tachenko para a xuíza da Operación Campeón), con quen entrou no Concello no ano 99.
 
Paco e Moncho eran as mans dereitas de Orozco no Concello de Lugo e cando este os puxo a voar sós, aló polo ano 2003, falouse dos dous como candidatos para presidir a primeira Deputación de Lugo post-Cacharro. Ao final o escollido foi Besteiro e a Liñares déronlle como premio de consolación a presidencia da Confederación Hidrográfica. E soubo aproveitala (no seu favor, di a xuíza da Operación Campeón). Neses anos de compañeirismo no Concello Besteiro aprendeu de Liñares as técnicas do escapismo político, é dicir,  que é máis rendible en moitas ocasións non enfrontar os problemas, senón esquivalos. Liñares, por exemplo, tiña unha teoría moi interesante para os expedentes conflitivos: primeiro facíalles pasar a corentena no montón dos “asuntos pendentes” e logo, cando ese expedente xa levaba aí meses acumulado, pois para que movelo, dicía el, se aí xa estaba acomodado e total aínda podía molestar máis noutro lado.
 
Besteiro aplicou ao dediño esta teoría cando lle tocou lidiar co Plan Xeral de Ordenación Municipal sendo concelleiro de Urbanismo. E aí demostrou outra das súas características innatas: a vagancia. O Plan fora encargado a unha empresa de Madrid e con iso de que habían ser especialistas Besteiro colgou a exposición pública aquel mamotreto tal como lle chegou por SEUR, sen ter a cautela de botarlle un ollo primeiro. E resultou ser que aquela empresa de Madrid pouco ou nada sabía de Lugo e trataba aos veciños de Tirimol como habitantes dunha luxosa urbanización das aforas tal que La Moraleja, de maneira que o único xeito de que puidesen seguir criando un porco nas súas casas, como sempre fixeran, era que este fose vietnamita e tivese consideración de mascota. Montouse tal balbordo con aquel Plan Xeral que cando un veciño cabreado se dirixía a Besteiro en busca dunha explicación el finxía recibir unha chamada no teléfono móbil e ata máis ver, ou mesmo se refuxiaba no baño durante horas ata que o veciño en cuestión desistía e se marchaba.
 
Esta cobardía, por raro que pareza, foille de grande axuda na súa carreira política. Porque entre isto e a obsesión por quedar ben con todo o mundo que aprendeu de Orozco, fíxolle non meterse con ninguén en todos estes anos.  Así que, aínda que poida parecer o contrario, pasar desapercibido foi a súa principal virtude para chegar a onde chegou, porque valeulle para conservar a cabeza. Home de poucos pleitos (antes xa de entrar na política), esa habilidade para non meterse en líos serviulle a Besteiro para saír indemne e inmaculado dun bo número de asuntos turbios que pasaron ao seu carón (a operación Campeón, os casos de urbanismo que acabaron por levar ao xulgado a Orozco a detención de varios membros do seu Goberno na Deputación Provincial, etc), igual que nas trifulcas entre Caballero, Patxi Vázquez e Caamaño dentro do PSOE. Tanto que os demais acabaron por matarse entre eles (o de Pepe Blanco foi máis ben un asasinato xudicial) e desbrozarlle así entre todos o camiño ao bo de Besteiro, aclamado agora unanimemente case como mesías salvador (tanto que ata lle tiveron que inventar un rival nas pseudo-primarias para que parecera que non estaba todo amañado e simular, xa se sabe, iso da democracia interna, a participación dos afiliados, a transparencia, etc.).
 
Besteiro soubo estar sempre xusto no medio, á mesma distancia duns e doutros, e iso foi a súa salvación. No medio entre o nacional-catolicismo de Bono e a heterodoxia homosexual de Zerolo, por exemplo. Besteiro, que se declara católico practicante, deses de rezo diario, amigo de cerimonias relixiosas e de levar o palio nas procesións (como non vai aplaudir Su Santidá Paco Vázquez subido ao estrado no Congreso socialista desta pasada fin de semana) é capaz, sen embargo, de votar sen despeitearse a favor de lle cobrar o IBI á Igrexa. Esa ambigüidade calculada faille estar tamén a medio camiño entre o marxismo teórico do PSOE e o caciquismo práctico do PP (antes de que Baltar Jr fichara a Lage Tuñas en Ourense Besteiro xa fichara en Lugo a toda a vella guardia do PP de Cacharro, porque cando chegou á Deputación en vez de destruír toda esa rede ao servizo do Presidente pensou que era mellor idea poñela a traballar para el). E foi entón cando disfrazou de ecoloxismo e modernidade un contrato para financiar -vía mantemento de hortos urbanos- as actividades subversivas da poderosa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, liderada omnipotentemente por Jesús Vázquez, un destacado militante do PP, cacharrista, e todo un séquito jesusiano, activista e entregado, capaz de xuntar cada ano a 3.000 almas comensales no xantar anual do Día do Veciño, métodos tradicionais do PP ao servizo dun socialista que di traer aires novos á política.
 
De feito, Besteiro nunca falou mal de Cacharro, nin antes de chegar á Deputación nin despois de sucedelo.   Deixou que ese traballo suxo o fixeran outros (na oposición nin sequera exercía de portavoz socialista na Deputación). E pode que agora empregue esa mesma técnica contra Feijóo, deixando que Beiras, Jorquera e outro socialista -quizais o propio Caamaño- se queimen nese corpo a corpo con Feijóo no Parlamento, mentras el pasea polo país vendendo novos aires na política.
 
E niso de vender fume si que é un verdadeiro mestre. Aprendeuno de Orozco, capaz de vender unha neveira a un esquimó, pero soubo melloralo e sofisticalo con novas técnicas comerciais e un aire de modernidade e novas tecnoloxías que atrae aínda que non leve nada detrás. Para iso ten Besteiro un equipo amplo e experimentado, porque se na Deputación de Ourense sobran porteiros na de Lugo desde que chegou Besteiro o que abundan son os xornalistas e o persoal de protocolo.    
 
Besteiro, capaz de estar, coma Cuíña Jr, na esquerda e a dereita ao mesmo tempo, no nacionalismo e no españolismo igual que xa dixemos está con Zerolo e con Paco Vázquez, xa anunciou cal será o seu obxectivo: non meterse con ninguén e pescar de todos. Consciente de que se quere suceder algún día a Feijóo na Xunta igual que sucedeu a Cacharro na Deputación precisa do nacionalismo, Besteiro non dubidará en facer xestos para atraer ese electorado atomizado. E iso é un verdadeiro perigo tanto para o BNG como para AGE, tan preocupados por mexar por si para marcar territorio que nin se decatarán da chegada sibilina de Besteiro ao seu electorado e seguirán, cos seus continuos enfrontamentos, botando cada vez a máis dos seus nas mans de Besteiro.
 
En colaboración ou fagocitación, Besteiro non terá problemas para levarse ben con BNG e AGE nunha hipotética UTE táctica contra Feijóo. Demostrouno na Deputación de Lugo, onde o BNG síntese campando ás súas anchas (todo o contrario que no Concello con Orozco), facéndolle en máis dunha ocasión o traballo suxo contra o PP a Besteiro, mentras Besteiro se adica a pasear e lucir tipo pola provincia (a mesma estratexia empregará agora por Galicia adiante). Pero sen deixar a Deputación. Estou convencido de que a pesares do novo cargo a nivel galego non renunciará á presidencia da Deputación de Lugo e seguirá no cargo ata as municipais de 2015, Porque Besteiro non é home de oposición, e cun PSOE galego mermado, sen recursos nin outra plataforma institucional, usará a Deputación de Lugo para a súa proxección a nivel galego. O ter que compatibilizar os dous cargos non vai ser problema. Xa agora a metade das Xuntas de Goberno da Deputación (as máis delas de trámite) as presidía o BNG porque Besteiro non aparecía (ou andaba de paseo pola provincia ou se facía o enfermo na casa). Algo hipocondríaco, Besteiro só está na Deputación para o que hai que estar. Por exemplo, para presentar unha conferencia de Eduard Punset, consciente de que ese tipo de actos inofensivos danlle máis proxección que enlearse a discutir co PP nun Pleno. 
 
Ese é Besteiro, un neno traste con cara de santiño, a definición mesma da indefinición, a ambiguidade calculada e o pragmatismo ideolóxico. Como sempre fixo ata o de agora, agardará o seu momento. Un duro rival para Feijóo a longo prazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Camilo Friol Estudou xornalismo en Santiago. Traballou nos xornais La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia e El Progreso e ten colaborado con outras publicacións como o semanario Terra Chá, ou os xornais dixitais GZNación.com e Terra e Tempo. De setembro de 2005 a decembro de 2012 foi responsable de prensa do BNG no Concello de Lugo e desde xuño de 2014 responsable de prensa do BNG na Deputación de Lugo.