Medir as pirolas

As eleccións do 20 de decembro serán en Galiza unha disputa fálica na que o nacionalismo galego acudirá ás urnas coa única intención de medir unha vez máis a potencia viril de cada quen, un auténtico todopirolos político que vai impedir que o noso país conte no debate do Estado e poida ter, por primeira vez na historia, un presidente nacionalista á fronte da Xunta o ano que ven.

Por Camilo Friol | Lugo | 11/11/2015

Comparte esta noticia
Ultimamente a política galega réxese claramente pola filosofía todopirolos. Sen ir máis lonxe, en Lugo a Manolo Martínez semella que lle pasou o mesmo que a Baltar Jr. no seu afaire ourensán (“prometer e prometer até meter e unha vez metido esquecer o prometido”). E o 20 de decembro a grande intriga das eleccións en Galiza vai ser saber, unha vez máis, quen a ten mil votos máis longa co veciño. Pero as máis das veces medir as pirolas non contribúe a nada mais que a quedar en evidencia, por fanfarrón ou por exhibicionista.
 
Que ao final non haxa unha única candidatura galega é un disparate que a cidadanía galega non vai perdoar. Eu non sei de quen foi a culpa ou quen tivo máis culpa, só sei que Galiza non se merecía isto e que todos os que antepoñen os intereses partidarios das súas organizacións (mesmo me dá que sexa Xan coma Pericán) sobre o ben dos galegos e galegas non se poden dicir representantes deste país.
 
Xa sei que en Anova hai moito resentimento cara o BNG e que Pablo Iglesias o que fixo en Galiza foi andar á creba, mirando que podía arrapañar do que trouxeron as mareas, e que todo ribeirán sabe que as mareas, cando son algo vivas, poden traer tesouros fabulosos e inesperados, mais tamén traen moito argazo e moita metralla ás praias. E xa sei tamén que esta especie de conversión repentina do BNG soa a tarde piache, pero os únicos que están contentos co minifundismo nacionalista galego son precisamente eses contra os que se di loitar: Feijóo e máis os do PSOE. Porque poñendo atrancos a que forzas como Podemos ou IU tiveran cabida nunha candidatura galega (non entendo como en Navarra EH-Bildu pode presentarse ás eleccións con Podemos e en Galiza o Bloque non), o BNG unha vez máis fai ese papel de sicario para o PSOE que tan ben está a facer na Deputación de Lugo, sen se decatar de que normalmente é o sicario o que acaba apandando co morto cando as cousas non saen ben. 
 
O sentimento que hai na militancia dun e doutro bando, e tamén en boa parte da sociedade galega, é de frustración, de non entender por que non foi posible un acordo que todas as partes dicían desexar. A sensación que teño é que hai meses que tanto Anova coma o Bloque tiñan dicidido que non querían saber nada un do outro e que todo o que aconteceu neste tempo non foi máis que unha estratexia de distración e escapismo na que os dous estaban máis interesados en buscar unha coartada para ir por libre e cargarlle ao outro a culpa do sucedido outorgándolle aos ollos da xente o papel de malo da película, mais que en lograr un final feliz. 
 
Como se pode entender senón que dúas plataformas que se dicían cidadás e que tiñan o mesmo obxectivo (a conformación dunha única candidatura galega) non fosen quen de se poñer nin sequera dacordo nuns mínimos de funcionamento conxunto. Como se pode entender senón que os máximos defensores da participación individual das bases nun proceso de abaixo cara arriba correran a pechar un acordo entre cúpulas (unha auténtica contradición, un mareo que non se amaña nin con Biodramina) co único obxectivo de pecharlle o paso ao Bloque nun hipotético proceso de primarias nas que o BNG, mal que ben, conserva aínda 5.000 militantes capaces de decantar o resultado. Ou como se pode entender tamén que en pleno proceso de teórica confluencia unha das plataformas cidadás puxese en marcha por libre e unilateralmente o seu propio proceso de primarias (co beneplácito dun BNG que xa escollera previamente tamén aos seus candidatos polas catro provincias). Participei no Banquete de Conxo que deu lugar logo a Iniciativa pola Unión, que tiña como obxectivo a conformación dunha única candidatura galega de unidade, así que, como partícipe digo que, non logrado ese obxectivo primordial, o que tiña que facer a plataforma era autodisolverse, no canto de presentarse ás eleccións como marca branca de ninguén, pois ese non era o seu obxectivo fundacional.
 
Cada quen terá que apandar coas súas responsabilidades neste novo fracaso colectivo. Porque estou convencido de que unha candidatura galega de unidade, ademais de beneficiosa para todos (para Anova porque dese xeito Podemos tería máis difícil engulilos e para o Bloque porque dese xeito podería comezar a levantar cabeza) tería logrado grupo parlamentario propio con 6 deputados galegos no Congreso (2 pola Coruña, 2 por Pontevedra e por primeira vez 1 por Lugo e 1 por Ourense). E que mellor arranque para conseguir a presidencia da Xunta o ano que ven quedando por diante dun PSOE dividido a cachos e sen candidato? Pero no canto diso, o Bloque conformaráse con sacar 1 deputada por Pontevedra e Anova 1 pola Coruña. E os dous serán grandes gañadores das eleccións. Repartir a miseria, morrer á miñoca, noraboa aos premiados.  
 
P.D. Mensaxe especial para posibles ofendid@s polo contido deste artigo: que quede claro que está feito pensando unicamente no que na miña humilde opinión tería sido mellor para o nacionalismo galego e en especial para a organización na que milito, o BNG, polo que as críticas están feitas sen outro ánimo que o de contribuír a unha reflexión moi necesaria de todos os actores deste fracaso. Teño que recoñecer que teño dous defectos graves: penso por min mesmo e digo o que penso. Seguramente por iso milito no BNG e non no PP. 
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Camilo Friol Estudou xornalismo en Santiago. Traballou nos xornais La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia e El Progreso e ten colaborado con outras publicacións como o semanario Terra Chá, ou os xornais dixitais GZNación.com e Terra e Tempo. De setembro de 2005 a decembro de 2012 foi responsable de prensa do BNG no Concello de Lugo e desde xuño de 2014 responsable de prensa do BNG na Deputación de Lugo.