Máis do 50 % do alumnado deixa de realizar actividade físico-deportiva na ESO, que está acontecendo?

Martín Barcala Furelos, investigador na USC, advirte de que, "dous terzos da poboación infanto-xuvenil non cumpre coas recomendacións mínimas diarias de actividade físico-deportiva da OMS, é dicir, non fan unha hora diaria de actividade físico-deportiva a unha intensidade entre moderada e vigorosa", o que equivale "á diferenza entre coller o ascensor ou subir polas escaleiras".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 20/01/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Resulta innegable que nunha sociedade como a actual a práctica de actividade físico-deportiva entre a maioría da poboación é insuficiente dende o punto e vista da saúde. Moitas persoas non chegan a realizar nin uns 60 diarios. Da casa ao coche, do coche ao traballo, do traballo ao coche e do coche á casa. Esa adoita ser a rutina habitual da maior parte da poboación, sacando aqueles que adican unha parte do seu tempo a ir ao ximnasio ou a practicar algún deporte. O que xa de por si é un problema evidente a nivel de saúde, mesmo o é máis se se analizan os datos de actividade físico-deportiva dos menores de idade. En todos os colexios españois existe a materia de Educación Física, pero, realmente esta, tal e como está plantexada na actualidade e como o estivo no pasado, logra adherir aos nosos rapaces á práctica habitual do deporte? Dende o Galicia Confidencial falamos con Martín Barcala Furelos, investigador na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que nos conta cal é o panorama actual tendo en conta os resultados que arroxan os estudos realizados.

Alumnos xogan no patio do colexio o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, a 8 de setembro de 2022
Alumnos xogan no patio do colexio o día que arrinca o curso escolar en Galicia, no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, a 8 de setembro de 2022 | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

"O deporte é unha actividade fundamental tanto para o desenvolvemento físico como cognitivo e axuda a erradicar moitas das patoloxías que teñen maior incidencia sobre a poboación infanto-xuvenil, dende o sobrepeso ou a obesidade ata temas de saúde mental", asegura Barcala, que resalta que "non é que o diga eu, senón que así o constatan grandes institucións como a Organización Mundial da Saúde (OMS)". Deste xeito, incide en que "os efectos de manter unha actividade física-deportiva habitual son positivos a todos os niveis" e, no caso dos nenos, "a nivel físico, cognitivo e mesmo social, porque lles axuda a relacionarse e sociabilizar cos seus iguais cara a cara nun momento no que a intelixencia interpersoal se perdeu tras a irrupción das novas tecnoloxías". Fronte a isto, a realidade é que, "segundo os datos da propia OMS, dous terzos da poboación infanto-xuvenil non cumpren coas recomendacións mínimas diarias de actividade físico-deportiva, é dicir, non fan unha hora diaria de actividade físico-deportiva a unha intensidade entre moderada e vigorosa".

E a que nos referimos cando dicimos 'intensidade entre moderada e vigorosa'? Pois, como apunta o investigador da USC, "estamos falando nin máis nin menos que da diferenza entre coller o ascensor ou subir polas escaleiras, ou ir camiñando aos sitios no canto de coller un autobús para desprazarse un ou dous quilómetros de distancia en cidades pequenas como poden ser Santiago ou A Coruña", é dicir, "non estamos falando de cousas desorbitadas nin inalcanzables para a maioría da poboación". Ademais, Barcala lembra que ás veces se nos esquece que "o traballo da poboación infanto-xuvenil, máis aló de estudar, tamén é xogar, facer actividade e interaccionar cos seus iguais". Todas elas son actividades fundamentais para o seu desenvolvemento como persoas de cara á súa integración na sociedade.

"HAI PAIS QUE SOBRESATURAN AOS SEUS FILLOS CON ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES E AS CIDADES CADA VEZ TEÑEN MENOS ESPAZOS VERDES"

A día de hoxe, en relación á práctica de actividade físico-deportiva entre os máis novos, o investigador apunta a dúas tendencias que se repiten incesantemente: "Por unha banda, pais que sobresaturan aos seus fillos con actividades extraescolares e, pola outra, un cambio no modelo das cidades no que cada vez queda menos oco para os espazos verdes", aínda que tamén concede que "pouco a pouco se están habilitando espazos físicos para a práctica de diferentes deportes". Así, no tocante á sobresaturación dos nenos con actividades extraescolares, Barcala apunta tamén ás desvantaxes que pode ter unha especialización precoz nunha actividade físico-deportiva. "Os pais xa non levan aos nenos ao parque para que xoguen libres, senón que os meten nunha actividade e, ao final, iso lévaos a que se especialicen nun deporte de xeito temperán, o que tamén adoita conlevar un abandono precoz, porque cando os pós a competir, en moitas ocasións rematan deixando a práctica se non obteñen os resultados que agardan", indica o investigador. A isto súmanse outros factores, como a irrupción das novas tecnoloxías. "Houbo un cambio na sociedade en relación ás prácticas físico-deportivas e aínda non rematamos de adaptarnos de todo a el", reflexiona.

Estudantes nunha clase de Educación Física
Estudantes nunha clase de Educación Física | Fonte: UJA - Arquivo

E no tocante ao cambio do modelo das cidades, Barcala lamenta que "os nenos que viven nas cidades cada vez teñen menos espazos para realizar actividade física, porque hai máis coches e máis edificios, mentres que, aínda que nas zonas rurais si contan con espazos para estas prácticas, a despoboación fai que haxa poucos rapaces nelas". Ademais, aínda que se van habilitando espazos para as prácticas deportivas nalgunhas cidades, o investigador sinala a que "os nenos non están preparados en moitas ocasións para usalos, non saben como empregar esas ferramentas que lles poñen ao alcance". E, máis aló destas instalacións, apunta a que "a cidade en si xa é unha instalación que poden empregar", polo que "propostas innovadoras levadas aos centros escolares, como pode ser o 'parkour', fan que logo os nenos trasladen esas prácticas á rúa".

"O SISTEMA EDUCATIVO ACTUAL CAMBIOU: A EDUCACIÓN PERDEU UN POUCO O SEU CARÁCTER FÍSICO EN FAVOR DO CARÁCTER COGNITIVO"

A propia ensinanza da materia de Educación Física no colexio tamén foi evolucionando co paso do tempo. "Non é que a materia cambiase, senón que o sistema educativo actual cambiou, de maneira que coas leis vixentes que provocaron a irrupción do traballo por competencias, xa non se dá tanta importancia aos contidos, senón ao competente que pode ser o rapaz ou a rapaza á hora de manifestar o coñecemento deses contidos, o que fixo, entre comiñas, que a Educación Física perdese un pouco o seu carácter físico en favor do carácter cognitivo", apunta Barcala. Así, "se tradicionalmente a Educación Física sempre traballou as capacidades físicas básicas (forza, velocidade, resistencia...), de tal maneira que se ti eras o que máis saltaba ou o que máis lonxe lanzaba, eras o mellor, agora iso xa non é o máis determinante, porque se manifestas ter todas esas capacidades con certa intelixencia, tamén podes acadar bos resultados dentro do xogo".

Agora ben, ao entrar en xogo esa función cognitiva tamén na materia de Educación Física, "fíxose que a aprendizaxe sexa un pouco máis lenta porque, actualmente, as sesión da materia son máis completas no senso de traballar máis de xeito global ao alumno, é dicir, tanto cognitiva como fisicamente, non só fisicamente". Deste xeito, "sacrificouse un pouquiño o tempo de práctica motriz dentro das sesións de Educación Física, porque do que se trata agora é de dar ao neno ou á nena os recursos para que no seu día a día, despois de saír do colexio, poida e queira seguir practicando a actividade físico-deportiva". Cal é o hándicap? Que isto non cumpre cos factores anteriormente comentados, é dicir, coa influenza que sobre os rapaces exercen os pais, as amistades ou mesmo os propios profesores de Educación Física, que son os que determinan o tipo de actividades dos rapaces.

"AS RAPAZAS, EN LIÑAS XERAIS, SEMPRE SON MENOS ACTIVAS; PRIMEIRO DA ESO É O CURSO ONDE SE PRODUCE MÁIS ABANDONO DA ACTIVIDADE DEPORTIVA"

Sexan cales sexan os motivos, o certo é que o estudo realizado polo equipo ao que pertence este investigador (MEFyS) demostrou, en concordancia co advertido pola OMS, que "máis do 50 % do alumnado non é activo durante a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO)". "Esta é unha tendencia xeralizada", afirma. Por outra banda, tamén expuxo que "as rapazas, en liñas xerais, son menos activas que os rapaces, é dicir, que a pesar de que o deporte feminino está evolucionando a pasos axigantados, aínda se mantén esa tendencia tradicional que fai que as rapazas teñan outras preferencias e non manteñan o mesmo nivel de actividade física que os rapaces". "Isto é algo sobre o que tamén hai que traballar dende a Educación Física actual para que non aconteza", apunta. E, finalmente, tamén se puido establecer unha diferenciación da práctica de actividade físico-deportiva por idades, porque "en primeiro da ESO vimos que é onde se produce máis abandono deportivo e inactividade física, o cal en moitas ocasións se debe ao cambio de etapa educativa e á maior carga lectiva que este acarroula a pesar de que a lei educativa fala de que ten que haber unha congruencia entre as dúas etapas e unha transición positiva entre as mesmas".

De feito, a evidencia científica expón que "unha das causas principais do abandono da actividade físico-deportiva cando os nenos pasan á segunda etapa é pola carga lectiva". Tanto é así que "segundo da ESO é o curso onde máis adherencia físico-deportiva hai dentro da etapa Secundaria, o cal podería ser motivado polo feito de que os docentes de Educación Física adaptasen o estilo de vida activo e saudable a esa idade, derivando isto nun repunte que mesmo se traslada logo fóra das aulas, de maneira que os rapaces e as rapazas cheguen a ver a práctica diaria de deporte non coma un deber, senón coma unha finalidade ou un obxectivo a alcanzar", explica Barcala. O investigador tamén revela que "esa adherencia se perpetúa en terceiro e cuarto da ESO, pero baixando xa un pouco con respecto á lograda en segundo", isto é, "se en segundo da ESO sube moito a adherencia con respecto a primeiro, en terceiro e cuarto baixa un pouco, pero non drasticamente, senón tendendo a estabilizarse". Para o investigador este feito significa que "se a partir de segundo da ESO o rapaz é activo fisicamente, existe unha tendencia a que conserve esa práctica da actividade físico-deportiva no futuro".

"SÓ ESTUDANDO A PERCEPCIÓN DO ALUMNADO RESPECTO DA MATERIA DE EDUCACIÓN FÍSICA NUN SENTIDO AMPLO PODEMOS CAMBIAR AS COUSAS"

Así, aínda que as cousas non están tan mal coma se a práctica desa actividade físico-deportiva fose decaendo ano tras ano a medida que os rapaces e as rapazas avanzan nas etapas educativas, de cara a evitar ese abandono que se produce especialmente no paso da Primaria á Secundaria, Barcala chama a fomentar a investigación para dar coas causas. Niso traballa xunto ao seu grupo de investigación en Motricidade, Educación Física e Saúde (MEFyS) adherido á USC. "Estamos facendo un macroestudo derivado dunha tese doutoral co que pretendemos estudar a percepción do alumnado respecto da materia de Educación Física nun sentido amplo, abordando desde a metodoloxía ata a evolución e o tipo de actividade físico-deportiva, os motivos da súa práctica ou non práctica e o abandono da actividade", explica Barcala, que considera que, "ao final, o futuro depende de facer este tipo de estudos nas diferentes comunidades, porque cada unha ten as súas particularidades e un dos factores máis determinantes para cambiar as cousas é coñecer as percepcións do alumnado, pois estas serán as que marcarán que unha rexión, unha comunidade ou un país consiga xerar motivación entre o alumnado para que este practique actividades físico-deportivas e non as abandone".

E é que a práctica de actividade físico-deportiva xa non só é importante para as persoas e a mocidade a nivel individual, senón que tamén a nivel social é importante fomentala, pois da falta de mobilidade derivan toda unha serie de problemáticas que rematan con moitas persoas sedentarias nos hospitais. "É unha cuestión de saúde pública", reflexiona Barcala. "Realmente case todo o mundo é coñecedor de cales son as recomendacións mínimas de actividade físico-deportiva que se deben seguir e de que é unha alimentación saudable, porque continuamente o poden ver nos medios de comunicación, así o trasladan os propios profesores de Educación Física aos alumnos e mesmo hai políticas de promoción da actividade físico-deportiva, pero, pese a todo, a tendencia que evidencian os estudos é que os rapaces van perdendo esa actividade físico-deportiva co paso do tempo". Fronte a esta realidade, e como posible solución, pon como exemplo a decisión dun centro educativo de Cantabria de introducir a actividade físico-deportiva nunha materia curricular optativa de segundo de Bacharelato, o que "xa levou a observar certos cambios na práctica de actividade neses alumnos, que se volveron máis activos".

Obesidade infantil
Obesidade infantil | Fonte: GaúzchaCx - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta