Por Europa Press / Redacción | FERROL | 27/01/2025 | Actualizada ás 18:11
Os taxistas de Ferrol, Narón, Fene e Neda teñen previsto manifestarse este mércores 29 de xaneiro coincidindo cun paro convocado en todo o país polos prezos que as compañías aseguradoras están a pasarlles a estes profesionais. Segundo a presidenta da Asociación Radio Taxi de Ferrol, Viri García, en declaracións a Europa Press, a situación "é insustentable economicamente". "Nós somos xente traballadora, normal e corrente, e hai taxistas que xa están a pagar máis de 6.000 euros por un seguro a terceiros", manifestou antes de engadir que "o mes pasado, en decembro, pedíannos por un seguro a todo risco 10.000 euros, algo que é insustentable para nós".
Por todo iso, os taxistas dos catro municipios decidiron unirse e secundar o mércores unha acción de protesta, na que participarán os asociados de Teletaxi Ferrolterra, Radiotaxi Ferrol, Radiotaxi Narón, Radiotaxi Fene e taxistas de Neda. "Por vez primeira ímonos unir para pelexar e tentar conseguir que nos abaraten os seguros dos taxis", reivindicou Viri García. Así mesmo, a presidenta dunha das agrupacións participantes sinalou que a protesta consistirá en "dar unha volta á ría, con todos os taxis nunha ruta que partirá de Ferrol, pasará por Fene, Neda e Narón, para regresar a Ferrol e concentrarse na Praza de Armas, diante do Concello". Desta maneira, relatou, pretenden buscar "o apoio da xente e facer ver" a problemática.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.