Cando ‘Science’ publicou o primeiro artigo científico sobre Galicia

O rexistro científico de impacto internacional máis antigo sobre Galicia data do 13 de xuño de 1884, foi publicado pola prestixiosa revista estadounidense e baséase nun traballo de 1882 do xeólogo e paleontólogo francés Charles Barrois sobre as súas investigacións en Galicia e Asturias.

Por Alberto Quian | Madrid | 18/03/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A publicación científica con impacto internacional máis antiga sobre Galicia cumprirá o próximo 13 de xuño 132 anos. Hai xusto hoxe 48.125 días, a revista Science publicaba o artigo 'The Geology of the Asturias and Galicia', unha revisión de 'Recherches Sur Les Terrains Anciens des Asturies et de la Galice', traballo de 630 páxinas asinado en 1882 polo famoso xeólogo e paleontólogo francés Charles Barrois (1851-1939) no tomo II de Mémoires de la Société Géologique du Nord, en Lille (Francia), conservado na Universidade de Harvard.

'The Geology of the Asturias and Galicia', artigo publicado na revista 'Science' en 1884.
'The Geology of the Asturias and Galicia', artigo publicado na revista 'Science' en 1884.

O artigo de Science é o rexistro máis antigo sobre Galicia que se garda nas dúas principais bases de datos mundiais de referencias bibliográficas e citas de publicacións científicas: Web of Science, propiedade de Thomson Reuters, da que se saca o famoso factor de impacto Journal Citations Reports (JCR), e Scopus, propiedade de Elsevier, da que se obtén o SCImago Journal & Country Rank (SJR), índice alternativo de calidade que compite co JCR.

'The Geology of the Asturias and Galicia' é unha revisión do traballo de Charles Barrois en 1882. Foi publicada o 13 de xuño de 1884 no volume 3, capítulo 71 de Science, nas páxinas 727-729, só catro anos despois da fundación desta publicación científica da American Association for the Advancement of Science. Este artigo pódese considerar un elo fundamental na historia da iiteratura científica sobre Galicia, unha alfaia da arqueoloxía bibliográfica que vai cumprir 132 anos e que nos conecta coa primorosa obra de Barrois.

Os seus autores, anónimos, comezan o artigo relatando a "boa fortuna" que tivo un deles ao poder coñecer de primeira man a evolución do traballo de Charles Barrois no seu estudo, en Lille. Pero tamén recoñecen que os resultados do científico francés foran toda unha "sorpresa" para eles, tendo en conta ademais a idade do investigador francés, que en 1882 só tiña 31 anos.

Esta investigación sobre a xeoloxía galega e asturiana tiña un antecedente: 'Recherches sur le terrain Crétacé Supérieur del Angleterre et de l'Irlande' (1876), traballo co que Barrois se doutorou na Universidade de París —a Sorbona—, co que gañou ademais o premio Viquesnel da Société Géologique de France, e que lle serviu de aprendizaxe para a magna obra de 630 páxinas que escribiu tras explorar o noroeste da Península Ibérica.

O xeólogo e paleontólogo Charles Barrois, autor en 1882 de 'Recherches Sur Les Terrains Anciens des Asturies et de la Galice'.
O xeólogo e paleontólogo Charles Barrois, autor en 1882 de 'Recherches Sur Les Terrains Anciens des Asturies et de la Galice'.

Como explican os autores de Science, a primeira parte do traballo de Barrois é unha exquisita revisión do estado da arte científica sobre a materia na que investiga, para logo expoñer os seus achádegos en Galicia e Asturias, onde recolleu 385 especies de fósiles, das cales 39 foron novas para a ciencia: tres do Cámbrico e do Silúrico, 20 do Devónico e 16 do Carbonífero, isto é, tres dos seis períodos da era Paleozoica, que se estende dende hai uns 570 millóns de anos até hai un 230 millóns.

Charles Barrois

Charles Eugene Barrois naceu en Lille, Francia o 21 de abril de 1851. Alí, estudou na Facultade de Ciencias, onde foi discípulo de Jules-Augustet Gosselet, primeiro titular da cátedra de Xeología desta facultade, en 1864, e fundador, xunto con Barrois, da Société Géologique du Nord, en 1871. Barrois foi o seu substituto na cátedra de Lille en 1902.

Barrois tamén foi membro da Académie des Sciences francesa, da Royal Society de Londres e de Edimbrugo, e das Academias de Ciencias de Nova York, Madrid e Bélxica. En 1881 se lle concedeu a Medalla Bigsby e en 1902, a de Wollaston, ambas as dúas distincións outorgadas pola Geological Society of London, . 

O científico francés chegou a España no verán de 1876, en concreto, a Madrid, onde foi acollido polos membros da Comisión del Mapa Geológico.

En 1877 emprendou a súa investigación en Galicia e Asturias, que lle serviu para publicar, ese mesmo ano o traballo 'Relation d'un voyage géologique en Espagne', previo á gran obra que publicou en 1882, 'Recherches sur les terrains anciens des Asturies et de la Galice', no que "describiu as primeiras observacións microscópicas sobre rochas galegas, recollidas na súa viaxe do ano 1877, e establece a sucesión estratigráfica do Paleozoico inferior da Galicia oriental", como relata Ánxela Bugallo no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega. Bugallo detalla que "esta obra realiza a primeira división do Cambriano, nun termo inferior que chamou «lousas de Ribadeo», composto de lousas verdes e filadios azuis, e outro superior composto de calizas e lousas verdes que chama «de la Vega»". Barrois tamén estudou a mancha granítica que chama "de Lugo", na zona máis oriental dos granitos galegos.

"O resultado global do seu traballo foi unha descrición completa dende o Cámbrico ata o Pérmico, fixando por vez primeira os membros xa clásicos do Devónico e determinando, tamén por vez primeira, a idade dos calcáreos griotte no Carbonífero, e a dos calcáreos de Lena e dos Cañones. O seu traballo foi utilizado como base en todas as reconstrucións da Europa herciniana", explica Bugallo.

------------------------------------------------

Descarga unha copia do artigo orixinal 'The Geology of the Asturias and Galicia', publicado o 13 de xuño de 1884 en Science, o primeiro rexistro histórico sobre Galicia nas dúas principais bases de datos internacionais de referencias e citas científicas: Web of Science e Scopus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta