Temas: MEXILLóN XUNTA

Origen España insta á Xunta a que faga cumprir a sentenza que protexe o mexillón galego

A asociación estatal esixe á Administración galega que acate a resolución da Audiencia Provincial de Pontevedra sobre a protección da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia e pídelle que actúe de oficio contra as fraudes.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/03/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A Asociación Española de Denominaciones de Origen - Origen España, que aúna os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas agroalimentarias de todo o Estado, celebra "a firmeza da entenza" da Audiencia Provincial de Pontevedra do 22 de xaneiro de 2016, que establece a correcta interpretación que se lle debe dar á protección que o Regulamento Comunitario 1151/2012 outorga ás Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas, en xeral, e á DOP Mexillón de Galicia, en particular.

Mexillón galego
Mexillón galego | Fonte: cabodacruz.net

O Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia levaba moitos anos denunciando o uso enganoso que do nome amparado pola mesma (Galicia) se viña realizando en produtos de mexillón en conserva, sen que a Administración competente puxese fin a dita práctica. Desta maneira, desde hai décadas, pódense atopar nos puntos de venda mexillóns en conserva que utilizan mencións como "fabricado en Galicia" ou "das rías galegas", aplicados a mexillóns que, ben proveñen de países como Chile ou Nova Zelandia, ben se trata de mexillóns non amparados pola DOP Mexillón de Galicia.

"Esta situación, que supón un uso indebido da DOP Mexillón de Galicia, debe chegar ao seu fin  tras a recente sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra do 22 de xaneiro de 2016, que ratifica integramente a sentenza do Xulgado do Mercantil nº 1 de Pontevedra do 15 de xullo de 2015", expón Origen España nun comunicado difundido hoxe.

A mencionada sentenza, ante o argumento da defensa relativo a que a Denominación de Orixe Mexillón de Galicia unicamente ampara o mexillón fresco e non o mexillón en conserva, aclara que "unha cousa é o produto amparado polo rexistro e outra, ben distinta, o ámbito de protección outorgado polo artigo 13 do Regulamento Comunitario á devandita Denominación de Orixe", salienta a asociación estatal.

Origen España lembra que a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra di: "O sistema de protección comunitario deséñase no repetido art. 13 dunha maneira ampla, fronte a usos comerciais de produtos non amparados polo rexistro comparables cos si protexidos. Se iso é así, resulta evidente que o emprego do mesmo produto baixo unha forma de comercialización diferente —en conserva— resulta incluído no ámbito de protección das DOP. De seguirse a tese do recurso, as DOP carecerían dun sistema efectivo de protección, permitindo usar a denominación de mexillón de Galicia para especies diversas producidas noutras zonas xeográficas, ou lexitimando o uso da denominación para técnicas de produción diferentes, o que subverte de forma evidente todo o sistema comunitario de protección das DOP e das IG".

Ante a claridade da resolución emitida, desde Orixe España anímase a que as autoridades administrativas competentes en materia de represión da fraude ás Denominacións de Orixe en Galicia comecen a aplicar de maneira eficaz a protección outorgada á DOP Mexillón de Galicia. Así o esixe o Regulamento Comunitario 1151/2012 no seu artigo 38, ao establecer a obrigación que teñen as autoridades competentes de supervisar o uso dos nomes protexidos no mercado, adoptando as medidas oportunas no caso de que se detecten infraccións.

Tras esta resolución xudicial firme, "non se entendería que a Administración galega non acatase a interpretación realizada polo órgano xurisdicional de maior rango que se pronunciou sobre o alcance da protección da DOP Mexillón de Galicia"; polo que "debería comezar a perseguir de oficio as mencións ilícitas a Galicia na etiquetaxe de mexillóns en conserva que utilizan mexillóns non amparados por dicha DOP", argúe Origen España.

Temas: MEXILLóN XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

de Galicia non sei, pero o que sei é que durante o último ano 2015 case non houbo maneira de mercar mexillóns DECENTES no mercado, ou eran cunchas baleiras ou os polígonos estaban pechados pola toxina... O que non deixou de subir foi o prezo !!! Qué imos facer mirar para eles e ver como van camiño da exportación e dos restaurantes de 5 tenedores logo de ter as rías cheas de Bateas ??? Alguén pode explicarme qué carallo pasa cos mexillóns galegos?

1 eueu

Vánselle pechando as vias de finanmento fraudulentas aos PPodres...menos mal que sempre que quedará as visitas ás fundicions de Cortizo co maletín vacio antes de entrar e cheo á saida. Porque os sobre que reciben polos cursos para parados tamén se lle están a pechar. Hala Frijol, vaite prá privada que seguro que sabes moi ben como se fai iso de rasconear sen que se note!