Avarentos e incompetentes

Pois o da Europa dos Estados rematou por ser a máxima expresión de todos os defectos dos malos políticos: a burremia, a incompetencia, a covardía, a roñería….

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 27/03/2016

Comparte esta noticia

E, claro, estes defectos aparentemente comúns producen o efecto que ven de denunciar Manolo Rivas: que o partido da inhumanidade lle vaia gañando ao partido da humanidade.

Tomo os adxectivos “avarentos” e “incompetentes” doutra opinión contrastada e  valiosa, a do profesor Antón Losada. Porque o acordo entre a Unión Europea e Turquia, vixente dende o domingo 20 para devolver os refuxiados ao país euroasiático, é inhumano.  Velaí a opinión das máis acreditadas ONG: ACNUR, Intermon Oxfam ou Amnesty International. Mais tamén é un acordo propio de incompetentes. Con 550 millóns de habitantes Europa ten capacidade para acoller moitos máis refuxiados. O que compre é organIzación, vontade política, sentido de Estado e eficiencia. Trátase, ademáis, de persoas pertencentes ás capas medias da poboación siria e iraquí cun grao de formación medio a medio alto. Arrequecerían substancialmente unha Europa demográfica e intelectualmente minguante. Que incompetentes e que avarentos!

O terrorismo islamista na Europa é cousa de europeos, persoas nadas aquí. Os refuxiados son totalmente alleos a esta cuestión. E haberían ser os Gobernos europeos os que informaran a xeito. Claro é que estes Gobernos de incompetentes non son quén nin de coordinar as súas centrais policiais e axencias de información e seguranza. Europa será doada vítima do islamismo se non se avanza, de vez, cara á diplomacia e defensa únicas europeas. E cara esa coordinación policial e da espionaxe e contraespionaxe que resulta obrigada.

Mágoa da ollar cara o Goberno de calquera Estado europeo. U-lo Vaclav Havel, Willy Brandt, Olof Palme ou mesmo Guy Verhofstadt de hoxendía? Só en países nos que sobrancean partidos moi vencellados aos problemas da cidadanía e á gobernanza de proximidade (Islandia, Escocia, Euskadi…) atopamos unha  first minister escocesa Nicola Stugeon, un lehendakari vasco Iñigo Urkullu…Excepcións de carne e óso aos avarentos e incompetentes.

E así nos vai. Pechando Europa á humanidade. Pechando Europa ao coñecemento. E abríndoa ao terrorismo islamista. Coa súa roñería de avarentos. Coa súa burremia de incompetentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.