Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 17:45
Cobre San Rafael presentou este xoves no Centro Sociocultural Luís Seoane, no Pino (A Coruña) os resultados dos informes de 'Impacto Socio-Económico' e 'Impacto da contribución tributaria e Responsabilidade Social Corporativa (RSC) nos concellos de Touro e O Pino' do Proxecto Cobre San Rafael, elaborados polo equipo técnico externo de Valora Consultores. Un impacto tributario que será escaso no caso do Pino, dun 0,23% do total dos tributos e do 5,15% en Touro.
Segundo explicou Daniel Domínguez, director de Gobernación e Reporting ESG da consultora, este estudo propio si terá un impacto maior sobre o PIB galego e cifrou en 2.542,61 millóns de euros, e unha contribución tributaria total de máis de 216 millóns. En termos de emprego, os expertos calculan que a actividade do complexo mineiro-metalúrxico vai xerar entre 1.583 e 1.963 empregos equivalentes a tempo completo na comunidade. Así mesmo, apúntase que, a nivel local, o impacto nas arcas públicas será de 18 millóns de euros ao longo do ciclo de vida do proxecto.
Esta cifra inclúe a contribución propia total da empresa, que ascende a 15,13 millóns de euros, e a contribución relacionada, derivada da actividade económica xerada no territorio, que se eleva a 12,95 millóns de euros. A actividade será clave na xeración de emprego local, calculándose entre 519 e 534 empregos os xerados. Na presentación estiveron presentes membros dos equipos de goberno dos concellos de Touro e O Pino.
POUCOS TRIBUTOS PARA TOURO E O PINO
A documentación exposta recolle a contribución tributaria total da compañía e en relación ás súas accións relacionadas coa RSC, así como o impacto do proxecto de Cobre San Rafael no desenvolvemento dos municipios, en canto ao ámbito económico, das infraestruturas, a creación de emprego e a mellora do acceso aos servizos básicos.
En concreto, o 85% dos ingresos tributarios de Touro e o 80% dos do Pino proveñen de impostos locais, mentres que o resto corresponde a taxas. De feito, a compañía apunta que a contribución tributaria de Cobre San Rafael "converterase nunha fonte crave de financiamento para os municipios. "A contribución tributaria anual da empresa equivalerá ao 5,15% do valor das infraestruturas municipais de Touro e ao 0,23% no caso do Pino", remarcan.
Entre outras cuestións, o estudo tamén destaca o papel de Cobre San Rafael no desenvolvemento de infraestruturas públicas. "En 2022, a contribución tributaria propia da empresa representou o 1,65% do valor das construcións e infraestruturas en ambos os municipios", indicou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.