Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 19:51
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ordenou este xoves a suspensión dunha parte da actividade do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), localizado no municipio das Somozas, como medida cautelar e preventiva ante a detección de varios casos de intoxicación na contorna.
A decisión, informa, adóptase despois de que nas últimas horas se recibisen a través do 112 varios avisos de centros sanitarios da comarca advertindo da existencia de pacientes que referían diferente sintomatología de carácter leve, como dores de cabeza e molestias oculares, entre outras.
"Por mor destas comunicacións, decidiuse enviar esta mañá a tres inspectores do Servizo de Intervención Ambiental -- dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade -- a visitar as instalacións do CTRIG".
Como consecuencia desta inspección, que polo momento non é concluínte, acordouse suspender preventivamente a actividade nun dos focos de emisión do centro.
A decisión foi comunicada xa á Sociedade Galega de Residuos Industriais (Sogarisa), xestora da instalación, e a partir deste momento abrirase un período de 15 días por parte do Servizo de Intervención Ambiental para recompilar toda a información que se considere necesaria no marco da investigación aberta e resolver o expediente.
A maiores solicitáronse oficialmente a Sogarisa unha serie de datos e información sobre a actividade deste centro nas últimas 48 horas e, en paralelo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático está a realizar xa na zona distintas medicións sobre a calidade do aire.
Con todas as mostras e evidencias recompiladas e en función do resultado das inspeccións e da propia investigación sobre a posible orixe do foco de intoxicacións, a Consellería de Ambiente e Cambio Climático adoptará as medidas necesarias en aplicación da Lei de control e prevención integrados da contaminación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.