Os membros da dirección de El País e ABC atacan aos medios dixitais por “superficiais”

Bieito Rubido e Javier Ayuso din que o novo xornalismo fíxolle un “dano irreparable” ao vello xornalismo. Curiosamente a difusión diaria de El País, El Mundo, ABC e La Razón situábase hai dez anos en 1.900.000 xornais. Hoxe, está ao redor dos 500.000.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

O  adxunto ao director de El País, Javier Ayuso, e o director do ABC, Bieito Rubido, coincidiron nos seus ataques aos novos medios dixitais aos que acusaron de ser “superficiais” e pouco verosímiles, en comparación cos xornais tradicionais que, insistiron, afondan na noticia e non se deixan levar pola inmediatez.

Os medios de comunicación tradicionais están sufrindo unha fonda crise
Os medios de comunicación tradicionais están sufrindo unha fonda crise | Fonte: prnoticias.com

Por iso, os dous directivos pedíronlle aos novos medios “menos frivolidade ao informar” porque, suliñaron, están afondando na “crise de credibilidade”.  Unhas declaracións que realizaron na mesa redonda "O papel dos medios de comunicación na rexeneración democrática" que organizou a Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Na súa intervención, Javier Ayuso, recoñeceu que os medios de comunicación sofren, tamén, "unha crise importante" porque non souberon “atopar o modelo". Pero responsabilizou en parte desta situación a Internet, “que lle fixo un dano irreparable ao xornalismo” e “está a acabar co bo xornalismo".

"Como xornalistas, temos que informar, pero non elucubrar. Buscar información e publicala con rigor. Por culpa da inmediatez, non o estamos facendo. Os medios dixitais baséanse máis no verosímil que no real. Hai un erro, o de pensar que o novo é mellor que o vello", profundou. “Tampouco as redes sociais non son xornalismo, non traen auga potable", engadiu.

Pola súa banda, Bieito Rubido recriminou o labor de novos medios que se decantan, dixo, “por mensaxes superficiais, moi pouco reflexivos, e que non entran nos miolos da información”. “Está sendo excesivamente superficial a mensaxe, tamén o son as opinións e os estados de ánimo", apuntou ao tempo que se amosou moi crítico cun xornalismo “de baixa calidade e excesivamente militante”.

"Falta unha análise racional dos problemas", afirmou, e engadiu que os xornalistas "non somos fiscais, policías nin xuíces, nin sequera políticos. "Se non asumimos o papel que nos corresponde, fraco favor lle facemos á sociedade", engadiu.

Crise dos grandes medios

Curiosamente, tanto o xornal ABC como El País están inmersos en fondas crises económicas motivadas pola perda de lectores. Fai exactamente dez anos, a suma de difusión diaria de El País, El Mundo, ABC e La Razón situábase ao redor dos 1.900.000 xornais. Hoxe, están ao redor dos 500.000 exemplares. A caída fíxose aínda máis aguda do 2014 ao 2015, cando desapareceron 60.700 exemplares, máis dos que perderon de 2013 a 2014.

O ABC non ten un futuro prometedor”. Unha contundente declaración que fixo hai uns meses Víctor Urrutia, histórico accionista de Vocento, que decidiu vender o seu paquete de accións (o 10,14% do grupo) con fortes críticas á deriva da empresa e á xestión desenvolvida nos últimos anos. "Non lle viamos nin lle vemos un futuro prometedor nin nada que se lle pareza, e isto forzounos á venda", explica en declaracións a El Confidencial.

Tampouco El País pasa por tempos mellores. A súa débil xestión económica súmase unha crise de credibilidade interna que fixo que históricos xornalistas decidiran marchar polo cambio da súa liña editorial, ata hai pouco, próxima ao PSOE.

De feito, este medio despediu a comezos de ano a Miguel Ángel Aguilar, un dos históricos columnistas do medio, de forma fulminante tras as críticas que este fixo sobre os principais diarios españois nunha reportaxe publicada en The New York Times. "Os xornais están en mans dos acredores", destacaba Aguilar ao diario estadounidense, onde tamén asegurou que a situación en EL País podería alcanzar niveis de censura".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Lector dixital

Aínda que así fora, prefiro as noticias superficiais as noticias de estómagos agradecidos.