Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/03/2025 | Actualizada ás 15:54
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reiterou o rexeitamento do Bloque ao aumento do gasto militar e reivindicou que "o camiño é a defensa da paz, a igualdade, a soberanía dos pobos e as liberdades". "Que non conten co BNG para ir na dirección do belicismo. Máis gasto militar non é máis seguridade, son máis guerras e máis conflitos", subliñou Pontón na súa intervención este sábado no Consello Nacional.
Así, a líder nacionalista sinalou que nun contexto internacional "complexo e cheo de incertezas e ameazas" cobran "todo o sentido os principios do BNG", cunha posición, lembrou, "claramente pacifista, contraria ao imperialismo e ao militarismo".
Por todo iso, mostrou a súa preocupación ante a situación actual, xa que, na súa opinión, "a historia demostrou que o belicismo só trae guerras e sufrimentos". "Non é fácil nadar ao contraxeito, pero hai que denunciar a hipocrisía e falsos relatos cos que nos queren conducir a esta escalada bélica", reprochou. Nesta liña, destacou que a cidadanía "ten que saber" que na actualidade "o gasto militar dos países europeos xa triplica o gasto militar de Rusia", polo que considerou que "os intereses que hai detrás desta escalada militar son outros".
Neste sentido, insistiu en que estamos ante unha campaña "propagandística" para "convencer á poboación de que hai que gastar máis en armas", mentres, en opinión da portavoz do BNG, "cada euro de máis en tanques, en bombas e en mísiles é un euro de menos na sanidade, educación e pensións".
"Poden darlle as voltas que queiran, pero sabemos que o problema de fondo é o imperialismo, o que está detrás de todos estes movementos son intereses xeopolíticos, a repartición de zonas de influencia e o reposicionamiento no taboleiro mundial de Estados Unidos fronte aos países emerxentes", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.