O Parlamento galego demanda igualdade para o pobo xitano cando se cumpren 600 anos da súa presenza na Península

O Parlamento de Galicia reivindicou este martes, en favor da igualdade do pobo xitano, "investimentos e políticas máis ambiciosas e sostidas" que permitan a este colectivo "acceder a un emprego digno, combater o fracaso escolar e a segregación ou erradicar o chabolismo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/04/2025 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia reivindicou este martes, en favor da igualdade do pobo xitano, "investimentos e políticas máis ambiciosas e sostidas" que permitan a este colectivo "acceder a un emprego digno, combater o fracaso escolar e a segregación ou erradicar o chabolismo". "Son imprescindibles tamén respostas institucionais e xurídicas firmes ante os casos de discriminación e o discurso de odio", agrega.

Así o transmite a declaración institucional que leu o xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, ao termo do debate e motación das mocións, na que se lembra que se cumpren 600 anos da presenza do pobo xitano na Península Ibérica, feito inscrito nun documento que fai constar que o 12 de xaneiro de 1425 Alfonso V, rei de Aragón, outorgou a Juan, Conde de Exipto Menor, un salvoconduto que o autorizaba a viaxar libremente na súa peregrinación a Santiago.

Desde entón, continúa o texto parlamentario, o pobo xitano está presente na Península Ibérica, "achegando a súa rica expresión artística, o seu léxico, a súa gastronomía, os seus oficios...". "É imposible imaxinar a cultura española sen que o compoñente xitano forme parte dela. Tamén resulta imposible desligar a historia de Galicia da contribución e a pegada do pobo xitano", agrega.

A pesar de que pasaron seis séculos e o pobo xitano forma parte esencial do crisol cultural que conforma a sociedade española, a declaración fai constar que "o profundo descoñecemento do pobo xitano, da súa diversidade, da súa identidade, da historia e da cultura que comparten, está na base do rexeitamento e a discriminación antixitana". Engade que o coñecemento do pobo xitano segue "baseado en xeneralizacións, prexuízos ou estereotipos negativos".

Coa aprobación da Constitución e a instauración da democracia, continúa o texto que leu Santalices, "o pobo xitano foi alcanzando cotas de igualdade e mellorando as súas condicións de vida". Pero subliña que aínda quedan "retos pendentes", dado que "os xitanos e as xitanas son máis pobres, teñen un nivel educativo moi inferior á media que condiciona o seu futuro, levan o peso dunha imaxe social negativa e sofren máis discriminación, especialmente as mulleres, e están sistematicamente fóra da esfera pública e os espazos de poder".

Con ocasión deste 600º aniversario, e da celebración de 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano, o Parlamento galego quérese sumar ao compromiso dos poderes públicos para "avanzar na igualdade e o recoñecemento do pobo xitano", un recoñecemento que pasa por "preservar e promover o seu patrimonio cultural, a súa historia e a súa cultura, así como os símbolos de identidade".

"600 ANOS DE HISTORIA COMPARTIDA"

Para avanzar en igualdade, deféndese que é precisa "unha resposta decidida" fronte á pobreza e á desigualdade estrutural que "impiden o progreso social do pobo xitano". Por último, convídase o conxunto da sociedade a coñecer a historia e a cultura do pobo xitano, os valores e tradicións sobre os que se sustenta a súa identidade. "Convidámosvos a celebrar xuntos estes 600 anos de historia compartida", conclúe.

Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia
Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia | Fonte: Parlamento de Galicia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta