O metal galego, preparado para desafíar os muros de Trump: "Levamos máis de 20 anos diversificando mercados"

O sector do metal galego mira con preocupación cara aos Estados Unidos, logo da imposición de novos aranceis por parte do goberno de Donald Trump. Dende a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), a patronal que representa a industria do metal galega, non dubidan en cualificalo como "un cambio de paradigma" que pon en xaque o modelo de globalización e comercio internacional que imperou nas últimas décadas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/04/2025 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Unha guerra sen balas, pero con impactos reais. O sector do metal galego mira con preocupación cara aos Estados Unidos, logo da imposición de novos aranceis por parte do goberno de Donald Trump. Dende a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), a patronal que representa a industria do metal galega, non dubidan en cualificalo como "un cambio de paradigma" que pon en xaque o modelo de globalización e comercio internacional que imperou nas últimas décadas. "Están abrindo unha guerra comercial de consecuencias incalculables", alertan. Mentres a incerteza se instala nas cadeas de subministración e nos plans de investimento, dende o sector aínda confían en que o diálogo prevaleza sobre a confrontación e que a alianza histórica entre Europa e Estados Unidos non acabe rota polos aranceis.

Automoción
Automoción | Fonte: Stock - Arquivo

Así, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, asegura sentir "absoluta preocupación" ante os aranceis impostos por Trump. "Están abrindo unha guerra comercial de consecuencias incalculables", asegura, destacando que isto "non só afecta a Europa, senón tamén aos propios estadounidenses e ao resto de países". Deste xeito, sinala que "o gravame universal do 10 % que entrou en vigor o pasado sábado, e os recíprocos, cun 20 % para a UE a partir do 9 de abril, supoñen a taxa arancelaria máis alta en máis dun século". Así, lamenta que "estamos, por tanto, ante un cambio de paradigma" e, nel, "Europa e o resto das potencias veranse obrigadas a responder cunha escalada arancelaria que bota por terra as políticas que impulsaron a globalización e o comercio internacional".

Aínda con todo, Mallón afirma ter "esperanzas de que triunfe o diálogo entre a Unión Europea e os Estados Unidos". "Un diálogo baseado fundamentalmente nesa alianza, non só comercial, senón tamén política estratéxica, que reinou entre os dous territorios dende hai séculos", resalta, incidindo en que "confiamos en que nas próximas semanas e meses se corrixa en parte esta situación, xa que Estados Unidos é un territorio co que intensificamos relacións nos últimos anos e co que nos sentimos moi cómodos". Así as cousas, cre que "estamos a achegar gran valor á industria e economía de Estados Unidos, tal e como nolo trasladan tamén os empresarios e empresarias estadounidenses cos que traballamos".

"TODO APUNTA A QUE OS ARANCEIS CAUSARÁN ALTERACIÓNS NAS CADEAS DE VALOR, INFLACIÓN, ATRASO NAS DECISIÓNS DE COMPRA E POSIBLES RECESIÓNS"

Para o secretario xeral de Asime, aínda que os novos aranceis "non suporán unha afectación directa tan marcada no global, si que prevemos certo impacto, especialmente nas industrias que traballan máis habitualmente para Estados Unidos directamente, ou para outros países que acaban exportando produtos finais a esa potencia". Deste xeito, por industrias, asegura que "a maior preocupación é a automoción, o aluminio, a maquinaria e equipamentos e a aeroespacial". Con todo, indica que aínda non poden dar datos concretos de canto se verá afectado cada sector, pois considera que "o impacto destas medidas é aínda incerto e difícil de cuantificar", aínda que "todo apunta a alteracións nas cadeas de valor, inflación, atraso nas decisións de compra e investimento e, por tanto, unha posible recesión en moitos países".

Aluminio
Aluminio | Fonte: Stock - Arquivo

Así as cousas, hai xa empresas estadounidenses que estean reducindo ou cuestionando as súas relacións comerciais con Galicia? Neste senso, Mallón apunta a que "aínda é cedo para ver eses movementos, porque, de feito, unha semana antes do anuncio dos aranceis recibimos precisamente na nosa sede en Galicia a representantes de 7 estados norteamericanos que viñeron explorar posibilidades de negocio conxunto". "A liña, ata agora, foi de excelente cooperación, por iso temos esperanzas en que a vía do diálogo poida reverter en parte estas medidas", resalta. "Esta situación é anómala nunha economía globalizada como a actual e, polo tanto, é moi difícil que ningunha das partes poida sacar beneficio da inestabilidade que xera esta situación, xa que, para facer negocio e inversións, o que se precisan son certezas", asevera.

"O MERCADO XERMANO CONCENTRA O 64 % DAS EXPORACIÓNS DE VEHÍCULOS A EE.UU.; O QUE ACONTEZA ALÍ AFECTARÁ A TODA A CADEA DE SUBMINISTRACIÓN"

Máis en concreto, no tocante ao sector do metal galego, o secretario xeral de Asime destaca que "Estados Unidos representa arredor do 5 % das nosas exportacións", de maneira que "non é un mercado prioritario", pero "si que ten afectación, porque non deixa de ser un país co que estabamos a estreitar especialmente relacións nos últimos anos". Así mesmo, no relativo ao sector naval, explica que "a realidade, a priori, é pouco alarmante, porque Estados Unidos non é un dos países clave da nosa exportación". Porén, apunta que "si que hai encargos puntuais de relevancia como foi o oceanográfico David Packard, de Freire Shipyard", polo que "estes aranceis son unha mala nova para seguir explorando esas relacións e encargos que puideran seguir chegando de Estados Unidos e que, con estas medidas, vai ser difícil captar".

Pola banda da automoción, sinala que "esta está a sufrir xa o novo gravame do 25 %". Así, aínda que "a nivel de exportación de vehículos non hai unha preocupación directa, porque as vendas ao país norteamericano dende Galicia e España son practicamente residuais ou mesmo nulas, vindo o groso das nosas exportacións de automóbiles ensamblados en España de Europa --7 de cada 10-- e, en menor medida, de países do Magreb; si que preocupa a parte de compoñentes de automoción, na que traballan arredor de 200 empresas no noso territorio". E é que, "aínda que EE.UU. é o oitavo país ao que enviamos eses produtos, a maior afectación pode vir polos compoñentes que vendemos a países como Alemaña, Francia ou México, que logo integran nos vehículos que venden ensamblados a EE.UU. e que si estarían afectados polo novo gravame". Nese senso, Mallón considera que "o que aconteza en Alemaña acabará afectando a toda a cadea de subministración da automoción a nivel europeo, pois o mercado xermano concentra o 64 % das exportacións de vehículos da UE cara EE.UU.".

"HABERÁ QUE MIRAR ESPECIALMENTE CARA LATINOAMÉRICA, ORIENTE PRÓXIMO E OUTROS MERCADOS EMERXENTES COS QUE XA ESTAMOS A TRABALLAR"

Con este panorama, dende Asime agardan que "tanto dende o Goberno central como dende a Unión Europea haxa unha resposta coordinada e que continúen traballando nun diálogo intenso con Estados Unidos", xa que "o non entendemento terá un impacto moi negativo para ambas as partes". En todo caso, sinalan que, "se non houbese entendemento, sería necesaria unha resposta axeitada e unida por parte da Unión Europea para defender os nosos intereses". Ademais, lembran que "Asime é membro da patronal nacional Confemetal e de moitas outras institucións rexionais e provinciais, polo que temos tamén unha firme vontade de coordinación para conformar unha resposta conxunta e coordinada", xa que consideran que, "neste caso, será a única vía posible".

Así mesmo, resaltan que "as empresas galegas están preparadas para diversificar mercados", algo que "dende o sector do metal xa levamos facendo máis de 20 anos". "O sector do metal galego é un sector netamente exportador e altamente diversificado, e aí reside precisamente a clave do seu éxito no exterior nestes últimos anos". Neste escenario arancelario, polo tanto, dende Asime consideran que, "na Unión Europea, e en concreto en España e en Galicia, teremos que intensificar as nosas relacións con outros mercados que xa coñecemos, e mesmo abrir novos mercados, algo ao que estamos moi afeitos en Galicia, especialmente nun sector netamente exportador como o noso, pero que tamén saben e deberán facer outros países como Alemaña ou Francia". E a que países haberá que mirar? "Especialmente a Latinoamérica, Oriente próximo e outros mercados emerxentes cos que xa estamos a traballar intensamente nos últimos anos", conclúen.

Industria do metal
Industria do metal | Fonte: Stock - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta