Por Galicia Confidencial | Allariz | 14/04/2025 | Actualizada ás 10:00
Quen decida visitar Allariz esta Semana Santa ten que saber que o concello vén de presentar unha programación moi completa para gozar da vila con actividades para todos os públicos (roteiros e visitas guiadas, mercado ecolóxico, museos...)e un interesante atractivo engadido que estes últimos anos está funcionando moi ben, a "Semana Santa ao Vivo". Trátase está dunha proposta cultural e lúdica que converterá as rúas do centro histórico nun escenario. Do 17 ao 20 de abril, a veciñanza e as persoas visitantes poderán gozar dunha ampla programación que inclúe música de rúa, espectáculos infantís...
MÚSICA DE RÚA
O concello vén de facer unha selección de actuacións --das que presentaron solicitude no seu día-- que encherán de ritmo e cor as rúas de Allariz. Artistas e grupos recoñecidos como Aiani, Amorodous, Arroxo, Deuce, Erick Lepeich, Os Dous Porquinhos, Minguante, Denis Carballás e Terapia de Grupo ofrecerán concertos en dous pases diarios: de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00. As actuacións desenvolveranse en distintos puntos do casco histórico con tres grupos por día, creando un ambiente festivo e dinámico ao longo de toda a xornada.
ESPECTÁCULOS INFANTÍS
A programación inclúe tamén actividades pensadas especialmente para as crianzas, co obxectivo de fomentar a súa participación e diversión. O venres 18 de abril, ás 17:00h, na Praza de Abaixo, Inma Soto presentará Xela, aventura na fraga, unha historia chea de fantasía e emoción. O sábado 19, á mesma hora e no mesmo lugar, Cris Collazo ofrecerá Pepa a loba, un espectáculo de contacontos baseado no tradicional relato da lendaria bandoleira galega.
MERCADO DA RESERVA DA BIOSFERA
Para as persoas amantes da gastronomía e dos produtos autóctonos, o Mercado da Reserva da Biosfera será unha visita imprescindible. Celebrarase o venres 18 e sábado 19 de abril, en horario de 10:00 a 14:00h. na Praza do Matadoiro. As persoas asistentes poderán descubrir e adquirir produtos ecolóxicos, artesanais e de proximidade, apoiando as iniciativas locais e sustentables.
ROTEIROS E VISITAS GUIADAS
Ademais da oferta anterior os visitantes teñen a oportunidade de explorar a historia e a riqueza paisaxística de Allariz a través das seguintes visitas guiadas e roteiros temáticos:
Roteiro Temático Allariz (18 e 19 de abril, ás 17:00h, con saída desde a Oficina de Información Turística).
Visitas Guiadas ao Casco Histórico (17 de abril, ás 19:00h, con saída desde a Oficina de Información Turística).
Roteiro Arqueolóxico de Armea e Igrexa Románica de Santa Mariña de Augas Santas (17 e 19 de abril, ás 10:30h, con saída desde o aparcadoiro de Santa Mariña).
Roteiro Arqueolóxico de Armea (18 e 20 de abril, ás 11:00h, con saída desde o aparcadoiro de Santa Mariña).
Visitas Guiadas á Granxa, Queixería e Ecoespazo de O Rexo (17, 18, 19 e 20 de abril, ás 11:30h, en O Rexo, con inscrición previa).
Todas estas visitas ou roteiros serán con inscrición previa en turismo@xeitura.com ou no 609 47 49 76, xa que as prazas son limitadas.
Ademais, os domingos pola mañá hai visitas guiadas á Asociación A.N.D.R.E.A. para grupos reducidos, con reserva previa, unha actividade ideal para coñecer máis de preto o labor desta entidade en favor do benestar animal. Para poñerse en contacto podes facelo por dúas vías, no 696 971 670 ou enviando un correo a andreaasociacion@gmail.com.
OPORTUNIDADE PARA VISITAR OS MUSEOS
E non se pode esquecer tampouco a oportunidade, se queda tempo e espazo na axenda, para visitar os tres fermosos museos que ten Allariz e que aproveitarán esta Semana Santa para ofrecer un horario especial de apertura.
O Museo da Moda de Allariz, o Museo Galego do Xoguete e o Museo do Coiro estarán dispoñibles os días 17, 18 e 19 de abril en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00. Os días 14, 15, 16 e 20 de abril poderán visitarse de 10:00 a 14:00.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.